“O galo tiña que estar recetado polo Sergas”

O cómico Víctor Fábregas gaba a carne criada en Vila de Cruces nunha festa gastronómica que cumple 30 anos con menor afluencia que en anteriores convocatorias pero con máis de 300 pezas consumidas nos restaurantes

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Como cada último domingo de maio, Vila de Cruces non faltou onte á sua cita coa Festa Gastronómica do Galo de Curral. Aínda que un pouco mermada en afluencia e tamén en actividades –non se convocaron os premios e Gastronomía, Cultura e Deporte e Periodismo–, esta Festa de Interese Turístico Galego volveu ser unha excusa para celebrar comida na casa ou nos restaurantes, nos que segundo cálculos dos criadores se consumiron en torno a 300 pezas. De feito, en varios locais xa non había mesas dispoñibles ata as cinco da tarde. E tamén a degustación elaborada polo restaurante Onde Antonio fixo as delicias dos presentes.

Como en anteriores edicións, non faltou unha exposición de animais vivos, nin tampouco unha mostra de coches antigos da man da Escudería Históricos do Deza, con algúns vehículos feitos en madeira e que espertaron a curiosidade dos viandantes. Estas actividades desenvolvéronse no entorno da Praza Juan Carlos I, epicentro desta festa que tivo como protagonista ao Galo, si, pero tamén ao pregoeiro deste ano, o cómico e actor Víctor Fábregas.

O humorista traía un guión escrito, pero pouco caso lle fixo. Deixouse levar pola improvisación e triunfou. Lembrou eses 30 anos de Festa, que poderían ser 31 “pero Vila de Cruces decidiu en 1992 deixarlle a importancia a Barcelona e os seus Xogos Olímpicos e á Expo de Sevilla”. Foron tres décadas na que a festa foi a máis, ata o punto de que “en vista do éxito de España en Eurovisión temos Europa ós nosos pés, mandaremos o galo a cantar, porque está xenéticamente preparado”. Pero ademais de cantar case a calquer hora, o galo ofrécenos unha carne que reduce o estrés, é boa para a vista e ten fósforo e potasio. “Cando vin as virtudes do galo dixen que tiña que estar recetado polo Sergas”, asegurou o pregoeiro.

Gayoso e Noé

Victor Fábregas lembrou que o galo se recoñece como especie desde hai 7.400 anos, “só vive tanto Gayoso”, e por iso estivo presente na arca de Noé e no descubrimento de América. Por estar, ata na Última Cea, “pois Xesús dixo tomade e comede todos del, porque non hai máis ración”.

Fábregas deu paso á actuación do grupo La Edad de Oro del Pop Español, con cancións dos anos 80 e 90. Pola tarde, a música correu a cargo da orquestra Los Satélites, coa que os veciños máis veteranos demostraron as súas habilidades bailando pasodobles e outros bailes de salón. Pero a música xa soara tamén pola mañá, polas rúas, cos grupos de múica tradicional O Arco de Merza e Vai Nela de Salgueiros, así como con Odaiko, unha formación que xa é un referente no panorama internacional no ámbito da percusión.

Aos actos na Praza Juan Carlos I acudiron varios políticos do entorno, como a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e o seu antecesor, Manuel Cuiña, ademais da tenente de alcalde de Lalín, Paz Pérez. Estivo, tamén, o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, o lalinense Antonio Crespo, e a deputada provincial Isabel Couselo.

As actividades relacionadas coa carne máis coñecida de Vila de Cruces continuarán o vindeiro domingo, con propostas deportivas pola zona para os aficionados aos quads, ás rutas ecuesters ou a sair en bicicleta. Comezarán de forma escalonada ás 11.00 horas tamén na coñecida como Praza do Concello.