Trinta anos de festa co Galo de Curral

O humorista Víctor Fábregas será o pregoeiro dun evento que conducirá Mercedes Seijo o 26 de maio | A programación inclúe música e unha exhibición de coches antigos

Unha actuación da tuna de Santiago na festa do ano pasado.

Unha actuación da tuna de Santiago na festa do ano pasado. / Bernabé

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

A última fin de semana de maio en Vila de Cruces volve estar reservada para a Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano cumpre 30 edicións. A programación arranca o sábado 25, co Festival de Bandas de Galicia, un evento no que tocarán as dúas formacións locais, a Unión Musical Ponteledesma e a Artística de Merza, así como a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. Cabe lembrar que o cartel deste festival foi deseñado por Leire Louzao Facorro, escollido entre os de todo o alumnado que participou no concurso.

Xa o domingo 26, día grande do Galo, as actividades comezan ás 11.00 horas co pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos Vai Nela, da parroquia de Salgueiros, e O Arco de Merza.A partir das 11.30 horas, a Praza Juan Carlos I acollerá unha exhibición de coches antigos, organizada pola Escudería Históricos do Deza. Ás 12.10 horas está previsto que comece unha actuación do grupo de percusión Odaiko, que adoita converter cada pase nunha mistura de virtuosismo, humor e unha gran posta en escea. Odaiko está integrado por Juan Collazo (veciño do municipio), Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Fran Pérez. Estes músicos fusionan sons do jazz, do flamenco e do folk, e incluso ás veces bota man da música tradicional hindú e senegalesa.

Víctor Fábregas tamén foi pregoeiro da Festa da Chanfaina e Carne do Suído, en Fornelos de Montes, en 2010.

Víctor Fábregas tamén foi pregoeiro da Festa da Chanfaina e Carne do Suído, en Fornelos de Montes, en 2010. / Efrén Rodríguez

Un dos momentos máis agardados da xornada, como en cada edición de Festa do Galo de Curral, é o pregón. O humorista Víctor Fábregas toma este ano o relevo doutra televisiva, Eva Iglesias, para enxalzar todas as virtudes desta carne. Fábregas naceu en Muros en 1971 e saltou á fama polo seu show Os Tonechos, que protagonizaba xunto a Roberto Vilar na TVG.

Tralo pregón, esta mesma praza de Juan Carlos I acollerá, como de costume, a actuación do grupo Edad de Oro del Pop Español, que integran Pablo Perea (de La Trampa), Naím Tomas, Javián (ambos concursantes da primera edición do programa televisivo Operación Triunfo) e Patricia Aguilar (finalista en Tu cara no me suena todavía). Interpretarán os temas máis coñecidos da década dos 80 e dos 90.

300 racións

A degustación de galo de curral terá luhar neste enclave a partir das 12.00 horas e corre a cargo do restaurante Onde Antonio, un local de Lalín propiedade dun vecino de Vila de Cruces. Estarán dispoñibles más de 300 racións de galo de curral con patacas e fabas ao precio simbólico de 3 euros. A xornada rematará coa música de verbena da orquestra Los Satélites, a partir das 18.00 horas.

A Festa do Galo de Curral foi declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2011, xusto cando cumpriu 18 anos. É, sen lugar a dúbidas, a cita gastronómica máis coñecida do municipio, e conta en decembro con outra feira de exaltación desta carne, orientada ás ventas para as celebracións navideñas en familia. Os animais que se crían nas explotacións cruceñas son da raza Galiña de Mos e non adoitan sacrificarse ata os nove meses de idade. A Asociación de Criadores realiza encargos na web galodecurral.com.