Festa en Cortegada por Santa María e pola “Paella”

Unha parroquia gandeira de Silleda con moito e variado patrimonio

Misa no templo de Cortegada pola festa da súa patroa.   | //  D.G.A.

Misa no templo de Cortegada pola festa da súa patroa. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

daniel gonzález alén

Dende hai mais de vinte anos, os veciños de Cortegada veñen celebrando a Festa da Paella coincidindo coa da patroa Santa María, e semella que nos últimos tempos, a gastronomía vaille gañando terreo a relixión, como ven acontecendo en moitas parroquias da comarca do Deza e de Galicia.

Un intre da procesión. |   //  D.G.A.

Un intre da procesión. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Como da XXI Festa da Paella, xa se dou cumprida información neste e noutros medios, imos poñer algo da festa patronal e de paso, achegar algún apuntamento pouco coñecido desa grande parroquia gandeira de Silleda, que inclina dende o Monte Chamor ata o río Deza.

Novos esgrafiados locen en varios lugares da parroquia. |   //  D.G.A.

Novos esgrafiados locen en varios lugares da parroquia. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

A celebración da Santa María, ten a parte relixiosa na igrexa parroquial cunha misa solemne oficiada polo sacerdote saletino Gerard Comeau, e cantada polo coro de Cortegada, para continuar coa procesión coa imaxe da Virxe que é das de vestir, arredor do templo, que noutro tempo ía ata o cruceiro procesional situado onda a casa reitoral a pé do castro. Despois houbo sesión vermú animada por As Ferreñas de Cortegada e xantares nas casas, e xa pola tarde xogos para os mais cativos, xa que única verbena foi a da véspera da Paella, na que tocaron a orquestra “Tango” e o grupo “Unión y Fuerza”.

Un dos petróglifos de Pena Longa. |   //  D.G.A.

Un dos petróglifos de Pena Longa. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

A igrexa de Cortegada é barroca erixida no século XIX “SE HIZO SIENDO CURA DE ESTA PARROQUIA LAMAS...”, reza na fachada, substituíndo unha románica da que quedan fermosos canzorros, os mais deles bestiados e lóbulos, baixo a sopena dos muros e métopas no exterior da ábsida. Interiormente é unha igrexa de cruz latina, con dúas capelas laterais, e senllos retablos barrocos, un presidido pola Virxe do Rosario e outro, pola Inmaculada, nos que se reparten as vellas imaxes da Virxe do Carme, San Xosé e San Marcos e San Roque, Santo Antonio e San Brais. O retablo principal, retirouse hai anos e no seu lugar hai un par de estantes para a patroa Santa María e un novo Santo Antonio. Fronte a igrexa hai un peto de animas dedicado ao Santo Antonio datado en 1909 e media ducia de cruceiros espallados polos lugares da parroquia.

Casa natal de Antón Alonso Ríos, en Camporrapado. |   //  D.G.A.

Casa natal de Antón Alonso Ríos, en Camporrapado. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Non é a única festa que se celebra en Cortegada. En setembro os de Camporrapado, honran a Virxe dos Aflixidos, na capela que ten na carballeira onde hai cen anos había feira sonada, con festa que xa temos recollido nunha recente reportaxe, preto da casa natal do célebre Antón Alonso Ríos, que foi comercio e taberna daquela e a da familia do recoñecido médico Alfredo Ramos, que foran os fundadores da capela. Na casa grande dos Chaos, celebrábase o Pilar na capela de 1827 que forma conxunto coa casa e o pombal esgrafiados e un bo exemplar de hórreo, todo pechado por altos valados. E tamén na casa de Tallón en Framiñán, facíase culto a Santa Lucia, na súa capela recentemente restaurada.

Muíño na Vrea. |   //  D.G.A.

Muíño na Vrea. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Petróglifos, castro, alvarizas, muíños…

A parroquia está repleta de petróglifos por Pena Longa e na aba do Chamor, algúns descubertos por nós, o seu castro do Cura onda a igrexa, en liña cos dous de Siador; ten boas casas señoriais con notables hórreos e pombais e outras mostras da arquitectura popular, coma alvarizas, pontellas, muíños e ata un batán para o liño, no regato local que desauga no Deza entre fermosas paisaxes nas que abondan as carballeiras con notables exemplares, entre os que sobresae o da casa reitoral e o próximo de Cardigonde e varios soutos, sempre ameazados polos eucaliptos e piñeiros que xa abondan na outra banda do Deza.

Hai quen di que a mellor richada da comarca era a que ofrecían nunha taberna do Burgo que pechou hai un par de décadas. Agora os de Cortegada, rendenlle culto a paella e un bar que é panadería e ultramarinos, ofrece os seus servizos aos clientes e a quen coma nós, por aquí pasa de vagar para ollar os novos esgrafiados que campan en varios lugares da parroquia.

Na actualidade estase a dotar a parroquia dun espazo cultural e formativo na que fora antiga escola, iniciativa do veciño e amigo Carlos Fondevila López, finado dun tráxico accidente en 2020 aos 49 anos, promotor de numerosas melloras comunais, deixando inesquecible lembranza e ao que queremos dedicar de xeito especial esta reportaxe na que coma noutras da parroquia, contamos coa axuda de Consuelo Pereira, Lito Andión, Román Peña León e Alex Negreira.

Suscríbete para seguir leyendo