O 'tsunami' que recorre Deza

A tormenta rexistrada o 1 de xuño na cabeceira do Deza da lugar a unha onda de máis dun metro que avanza a 6,8 km/hora ata a desembocadura no Ulla, sete horas despois

Vista dunha ladeira do Monte Testeiro.

Vista dunha ladeira do Monte Testeiro.

Antonio Presas

O día 1 de xuño ten lugar unha gran tormenta sobre os Montes do Testeiro e como resultado das fortes precipitacións, que puideron chegar, nalgúns puntos, a 50 litros por metro cadrado, producíronse importantes riadas cara os ríos Deza, na vertente occidental (poñente) e cara o Testeiro (afluente do río Viñao), na vertente oriental (nacente).

Segundo os datos da estación meteorolóxica de Beariz, controlada pola AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía), que é a mellor localizada para analizar as características deste evento tormentoso, o fenómeno tivo lugar entre 19 e as 20 horas, intervalo de tempo no que caeron 28,2 milímetros de precipitación en Beariz, localidade que dista 7 km de Pena Pixín, onde termina o parque eólico do Testeiro.

Recorrido seguido pola avenida no río Deza, desde a súa zona de nacemento ata a desembocadura.

Recorrido seguido pola avenida no río Deza, desde a súa zona de nacemento ata a desembocadura. / Antonio Presas

As imaxes do radar meteoróloxico da Xunta de Galicia, instalado no Monte Xesteiras (Cuntis), indícannos que as precipitacións acumuladas (24 horas) rexistradas sobre os Montes do Testeiro puideron sobrepasar os 50 litros por metro cadrado, que a altura acadada polas nubes tormentosas chegou aos 12 km (límite coa tropopausa), que se tratou de chuvias moi intensas e que se produciron descargas eléctricas tanto desde a base dos cumulonimbos (raios negativos) como desde a súa cima (raios positivos).

A resposta que tivo lugar, de forma inmediata, nos pedregosos Montes do Testeiro, escasamente protexidos por unha pobre vexetación de matogueira, foi a formación de fortes riadas, rapidamente, encauzadas pola rede fluvial primaria, auténticos torrentes, cara os principais colectores da súa vertente occidental e oriental. Na vertente occidental, a rede fluvial do Deza (regos da Chouriza, de Caticovas e de Reidosos e río de Zobra) recolle esas abundantes precipitacións e transfórmaas nunha avenida que avanza río abaixo, precedida dunha verdadeira “fronte de avenida”, que semella a rotura dun pequeno encoro, como podería ser a presa dun muiño.

Un tsunami desde O Testeiro a Cira

Un tsunami desde O Testeiro a Cira / Antonio Presas

A fronte de avenida avanzou rapidamente cara a desembocadura do Deza e, en Ponte Cira, onde se atopa a estación de aforos de Augas de Galicia, o nivel do río subiu, case repentinamente 1,26 metros, multiplicando o seu caudal unhas trece veces. Uns minutos antes desta avenida o caudal do Deza en Cira era duns cinco metros cúbicos por segundo e, moi rapidamente, subiu a uns 68 metros cúbicos por segundo, o valor máximo rexistrado.

A lonxitude do río Deza, desde o seu lugar de nacemento, abaixo de As Antas (Beariz), ata a desembocadura no Ulla é duns 50 km, polo que o recorrido realizado pola avenida, ocasionada pola gran tormenta do Testeiro, coincide coa lonxitude total do río. Desde o momento de máxima precipitación no Testeiro, aproximadamente ás 19:30 horas do 1 de xuño, ata que o caudal do Deza sube bruscamente en Cira, ás 0:50 horas do día 2, transcorren unhas 7 horas e 20 minutos. Polo tanto, o tempo total que tardou a ola de crecida do río en recorrer, aproximadamente, 50 km foi duns 440 minutos.

Cunhas simples operacións matemáticas podemos determinar que a velocidade media á que descendeu a enchenta no río Deza foi duns 6,8 km/hora. É dicir, esa onda de crecida avanzou río abaixo a unha velocidade de 6,8 km/hora (1,9 metros por segundo).

En resumo, unhas cuantiosas precipitacións de orixe tormentoso rexistradas na cabeceira do río Deza, nos abruptos e descarnados Montes do Testeiro, dan lugar a unha repentina avenida que, en forma de onda avanza río abaixo, a unha velocidade media de 6,8 Km/hora ata chegar a Ponte Cira (desembocadura do río Deza no Ulla).

Suscríbete para seguir leyendo