Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cos pés na terra

Da man de Balbino e o Siñor Afranio polas rúas de Silleda

Intervención de Ana Cabaleiro na parada do Cruce, durante o roteiro polo casco urbano. XPonte

Soños, memoria, loita, viaxes e farándula foron as estacións nas que fixo parada o tren literario que percorreu as rúas de Silleda contra o mediodía de onte. Ana Cabaleiro alimentou a locomotora do maxín cunha escolma de relatos que apelaban á propia memoria do pobo desde a ficción. Os vintecinco participantes –algúns chegados de fóra da bisbarra– andaron desde o moderno recinto ferial ata o cruce de camiños que deu orixe ao pobo de Silleda da man do neno Balbino ou do Siñor Afranio do Amaral.

Ana Cabaleiro López (Saídres, 1974) foi presentada pola concelleira de Cultura, Mónica González Conde, que participou na ruta canda a tamén edila Ángela Troitiño Gil, e polo deputado provincial Manuel González. “Soñei con ser escritora para render homenaxe á miña terra”, confesou a xefa de máquinas na entrada principal dun recinto feiral ao que ela, como a maioría, segue a chamar Semana Verde. Parada diante da verxa, a modo de separación entre o mundo real e a ficción, tirou da súa propia colleita para iniciar a viaxe por boca de Mona Otero: Á protagonista de As Ramonas sorpréndelle que o seu amante, Antón Piñeiro, co que se dirixe ao contiguo hotel, lle pregunte qué é aquela mole de formigón que, desde que ela recordaba, convertía a Silleda durante cinco xornadas no “centro do mundo gandeiro”. Iso si, “era máis divertida cando tiña galpóns de madeira”. Tamén era toda unha festa para os que naqueles anos oitenta estudabamos no colexio público, segunda parada da estación dos soños de Cabaleiro. Coas aulas pechadas nos días de feira, o patio convertíase nun xigantesco aparcamento para recadar cartos para a excursión de oitavo, aquela viaxe a Madrid, iniciática para moitos daqueles nenos de aldea. A maquinista fixo un alto no deserto, o seu particular El Dorado, da man da súa última creación, Deixádenos remar. [Esta novela, finalista do Premio Xerais 2020, será presentada o vindeiro día 15 na Casa da Cultura de Silleda].

Ana Cabaleiro, na parada diante do colexio público de Silleda. XPonte

O tren detívose logo na estación da memoria, simbolizada polas feiras, na que hoxe é Praza Juan Salgueiro. Aqueles mercados nos que vendías ovos para mercar peixe, por exemplo, eran tamén puntos de encontro social. Aquel mundo de antes que “tan marabillosamente” describe o entrañable Xosé Neira Vilas, da veciña Gres, nas súas Memorias dun Neno Labrego. Unha memoria que pervive grazas a narradores coma Celso Fernández Sanmartín, no oral e na escrita, como reflexa A cama de meu avó Manuel Sanmartín Méndez, poemario que relata como se desfai o leito do finado.

Balbino e o seu amigo Lelo deron paso a Afranio do Amaral, naturalista brasileiro do que colleu o nome Antón Alonso Ríos para facerse pasar por esmoleiro portugués na súa odisea para “risparse das gadoupas da morte”. Unha vida de loita –leit motiv da terceira estación– que, de ser ianqui, ben seguro que tería sido levada ao cine. Nada que envexar a Ernest Hemingway: “Cando coñecín a Alonso Ríos pareceume moito máis interesante”, aseverou a tamén xornalista nunha Praza Siñor Afranio a penas transitable por mor da súa humanización e dos estragos do temporal.

Seguindo pola histórica Rúa do Progreso, o convoi humano chegou ata “O Cruce”, lugar de quedadas, de chegadas e partidas, en fin, a estación das viaxes, como non podía ser doutro xeito. Por alí, se cadra co obrigado alto para mercar melindres na Confitería Tábora, abofé que pasou a expedición da Xeración Nós no verán do ano santo de 1926, na súa peregrinación a Santiago co mapa de Fontán como única guía. Disque Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Afonso Vázquez Monxardín, Florentino L. Cuevillas e Xavier Pardo fixeron noite en Silleda, nunha fonda chamada Casa Trabazo.

A comitiva na Praza Juan Salgueiro, antes Praza da Feira Vella. XPonte

Centros de ensino

Hora e media despois, contra a unha da tarde, o Roteiro Literario toca ao seu fin coa parada na quinta estación, a da farándula, o berce da actriz Marisa Soto, hoxe Casa da Xuventude. Un remate que lle fixo “ilusión” á guía, “porque non tiña moitas referencias femininas”. Cabaleiro leu un fragmento do libro homenaxe (Marisa Soto, a voz máis humana) que lle tributaron os compañeiros da farándula a aquela licenciada en Farmacia que amosaba madeira de artista desde cativa, ao crear no faiado o seu propio “Teatro do Patacón”, módica cantidade que cobraba ao seu público.

Cun gran aplauso e moitos parabéns baixou o telón da ruta. “Fixeches unhas lecturas marabillosas, a min chegáronme”, comentaba un camiñante de Vilagarcía. Un mestre silledense felicitaba a Cabaleiro “polo ben que enlazaches a túa biografía con personaxes históricos daquí” e mesmo propoñía encauzalo aos centros de ensino, porque hai moito descoñecemento da nosa propia historia máis recente.

Compartir el artículo

stats