Opinión

Matías Rodríguez da Torre*

Memoria de Alonso Ríos, ideas e feitos para unha Galiza libre

Antón Alonso Ríos regresou o venres ao Trasdeza no ano do seu 130 aniversario, cunha exposición promovida polo Concello de Tomiño e denominada "política e pedagoxía para un país", comisariada por Natalia Jorge e previamente inaugurada con motivo dunhas xornadas no IES Antón Alonso Ríos, até hai un ano IES Tomiño, co obxectivo de seguir dando luz ao mestre, agrarista e político, que entre 1931 e 1936 recalou escola Aurora del Porvenir deste concello do Baixo Miño. Todo isto sobe un chazo máis a recuperación da memoria de quen protagonizou unha vida chea de acción por causa de pensar e querer a Galiza. Foi por isto que consideramos este un bo momento para proporlle ao Concello de Silleda, que desta vez si asumiu coa naturalidade e sensibilidade debidas, a posibilidade de aproveitar o inxente traballo que se está a desenvolver en Tomiño, o lugar de naturalización de Alonso Ríos.

E é ben recordarmos porqué se fan as cousas, argumentalas e explicalas, e debemos subliñar aquí que este proceso de difusión tivo un comezo, mais aínda fica moito treito por andar a intensísima carreira biobibliográfica do trasdezao,.a finais dos anos sesenta do século pasado con Xosé María Álvarez Blázquez, coa colaboración posterior do seu irmán Darío, os cales conseguen que esa historia que o vello exiliado contaba a diferentes auditorios en Buenos Aires, se editase so o título "O Siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido", en 1979. (Moito despois, en 2015, a familia dos Álvarez Blázquez entregaría ao Instituto de Estudos Miñoráns -IEM- a custodia dos manuscritos do Siñor Afranio, xunto coa correspondencia pertinente). Anos despois Victoria Armesto tamén captou instantáneas vitais seguindo o rastro de Castelao en América no libro "Los hijos cautivos de Breogán", publicado cando o centenario do guieiro; o intelectual Isaac Díaz Pardo, conector da Galiza interior e exterior, editor da magnífica serie Documentos para a historia contemporánea de Galiza, de Ediciós do Castro, á que pertence a obra citada anteriormente, tirou do prelo, amais, a novela filosófico-moral, de profundo pensamento, "Nidia"; o historiador Bieito Alonso convetiríase a mediados dos noventa no seu primeiro biógrafo ao publicar "Antón Alonso Ríos. Crónica dunha fidelidade"; Logo virían a primeiros do novo milenio a reedición do Siñor Afranio por parte de A Nosa Terra, a tese do silledense Xosé Manuel Malheiro "As escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos" e as investigacións de Natalia Jorge sobre o agrarista e o ensinante. ïan, polo tanto, descubríndose diversos traballos de xeito inconexo e faltaba unha liña de acción homoxénea, conxunta, que lle dese un pulo no recoñecemento definitivo. Deste xeito, aproveitando a axuda institucional da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, desde Adellís e a Comisión pola Memoria "Siñor Afranio" iniciouse a dinamización de Alonso Ríos no concello seu natalicio, mais cunha vocación de recoñecemento nacional, ao xunguir e simbolizar perfectamente na súa persoa os conceptos da emigración, os anos dourados da República e o galeguismo de preguerra, a represión da intelectualidade galega e os seus dirixentes e o afastamento definitivo debido ao franquismo. É de recibo lembrar varias iniciativas levadas a cabo neses anos (2005-2009) nos que a memoria das vítimas se rescatou por parte do governo galego e o tecido asociativo para a socialización: as xornadas do XV cabodano en 2005, a posterior publicación das actas; a realización dun intercambio con base no Proxecto Siñor Afranio, no curso 2006/2007, entre o IES Pintor Colmeiro de Silleda e o seu homónimo de Tomiño , o nomeamento da rúa e praza dedicadas a el na vila de Silleda; a homenaxe nacional no lugar de Camporrapado, parroquia natal de Cortegada; a promoción entre unha ducia de asociacións do sur do país do proxecto Roteiro do Afranio, xunto coa exposición que o acompañaba e o documental, pois o Afranio, unha vida de película, xa viña anunciado desde había anos a necesidade dunha recreación fílmica, que con grande acerto dirixiu Víctor Coyote e protagonizou Luís Tosar. A divulgación desta figura fundamental na nosa historia é fundamental para sermos coñecedores e estarmos orgullosos da nosa identidade como povo.

Após este sucinto repaso, era ben expor neste artigo unha serie de ideas da personalidade de Alonso Ríos en todas as facetas nas que destacou e chegou a ser un dos imprescindíbeis da memoria historia democrática. Servirá tamén para dar sentido ao porqué de todas estas accións e, sobretodo, o porqué da pretensión de ter unha homenaxe permanente a quen enarborou a bandeira da dignidade a prol de Galiza até a súa morte en 1980. Ao sermos conscientes disto concluiremos, abofé, que se vivísemos nun país con verdadeira vocación democrática, sen as ataduras dun franquismo sociolóxico latexante en moitos eidos, el ocuparía un espazo de ouro na nosa historia, no imaxinario colectivo da nación que el legou, a carón do seu amigo Castelao, e á par da xeración máis lúcida de galegos.

O emigrante societario. Fillo do caldeireiro foráneo Manuel Alonso e Matilde Ríos de Camporrapado-Cortegada, que teñen doce descendentes. Antón sae un mozo intelixente e espelido, traballa nas tendas familiares de ultramarinos en Silleda, mais será rapidamente recomendado para o estudo, e grazas á axuda do bandeirense Vicente Fráiz Andón, director da escola normal de Compostela, estuda maxisterio para ser brevemente profesor auxiliar. Con apenas vinte anos, maio de 1908, colle rumbo cara á Arxentina como polisón no barco Aragón. Alí converterase nunha figura rebulideira no ámbito do activismo asociativo e no xornalismo. Funda con outros trasdezaos da diáspora a Sociedad Hijos de Silleda en 1909, impulsora das escolas de emigrantes que se construíron en Freixeiro (Laro), no Marco (Siador) e Penadauga (Escuadro), xermolo que cohesiona con máis colectividades a inmensa Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales en 1921. É director do seu voceiro El Despertar Gallego e acaban por envialo como emisario da colectividade emigrante para vivir en primeira persoa a instauración da IIª República no Estado español. Casará na emigración coa súa veciña de Cortegada, tamén emigrada, Oliva Rodríguez, con quen tivo catro fillos: Oliva, Chamor, Ombú Candán e Celta. Só co soletreo dos nomes da súa prole intuímos a especial ligazón de Alonso coa súa terra natal.

O mestre. El diplomárase en maxisterio en Santiago e exercerá a docencia na Arxentina, primeiro Buenos Aires, logo en Mendoza, ao pé do Aconcagua, con volta á capital como profesor de historia no Instituto Polictécnico, ao tempo que tamén cursa estudos na Facultade de Filosofía. Entre 1931 e 1936, xa na Galiza, en Tomiño, toma posesión na escola Aurora del Porvenir.. Foi un pedagogo do máis alto nivel, un renovador no ensino, seguidor de Francisco Giner de los Ríos e as Institucións Libres de Ensinanza. A vía da educación cría fundamental para a conformación da nosa cultura e o desenvolvemento social, económico e nacional de Galiza. Resaltaremos unha sentenza que sintetiza perfectamente as súas pretensións e a relevancia que el daba ao profesorado e a conformación cívica dunha sociedade galega crítica, con personalidade propia: "Queremos que o mestre galego faga cidadáns galegos".

O agrarista. Colabora activamente na reconstrución da Federación Agraria Provincial de Pontevedra, promovendo o modelo cooperativo, a organización das parroquias e a unificación do movemento agrarista. En 1936 é escollido como representante dos agrarios na lista electoral da Fronte Popular, en Pontevedra, conseguindo case 90.000 sufraxios que lle permitiron obter a primeira acta nas cortes españolas que acadaba un representante directo e exclusivo do agro galego.Traballou arreo en Madrid por reverter a inxustiza da permanencia dos foros señoriais e a necesidade dunha lei de reforma agraria específica para o minifundio que se asentase nos principios cooperativos.

O político galeguista. De ideas socialistas nun inicio, evolúe cara ao galeguismo progresista e republicano, que deu en converter en afouto nacionalismo soberanista. Foi dirixente do Partido Galeguista. Deputado agrario nas cortes de Madrid en 1936, impulsor capital do Estatuto de Autonomía de Galiza. Fundador da Irmandade Galega en 1941 no exilio de Buenos Aires e secretario xeral do Consello de Galiza, instaurado en Montevideo en 1944 como auténtico e lexítimo governo galego democrático no exilio, ao carón dos únicos deputados exiliados en América: Castelao, Suárez Picallo e Elpidio Villaverde.

O Siñor Afranio. É a personalidade heterónima do Alonso Ríos fuxido desde mediados de xullo de 1936, ao estourar o Alzamento militar franquista e a consecuente represión á que é sometida Galiza, até o 29 de xuño de 1939, onde embarcado en Lisboa no Lípari o conducirá ao exilio permanente. Durante estes tres duros e silenciosos anos, fíxose pasar por esmoleiro portugués, reinventa unha historia persoal baixo o nome dun naturalista brasileiro chamado Afranio do Amaral, percorre montes, lugares, aldeas e vilas. Encamíñase desde o Baixo Miño, pasando pola Louriña, O Condado e A Paradanta, as terras do Avia, o Ribeiro, Montes, Trasdeza e Deza, tira a retrato que perduraría para a historia en Ourense, e remata por atravesar o territorio galego polas terras de Celanova, cruzar a fronteira portuguesa e gorecerse nunha cova no Castro Laboreiro, na Serra da Peneda, en Melgaço. En Portugal grazas ás amizades tomiñesas puido embarcar na capital lusa para o desterro americano, vía Casablanca (Marrocos).

O exilio. En Buenos Aires é recibido como un símbolo do triunfo da resistencia. Participante activo en toda actividade patriótica da colectividade galega (fundación da Irmandade Galega en 1941, unión galeguista de autonomistas e arredistas, o Consello de Galiza, creado en Montevideo-Uruguai en 1944, e outras obrigados actos bonaerenses como soterramento de Castelao en 1950 (perante o cadaleito do que Alonso xurou que non "voltaría a Galiza, mentres esta non fose libre"); I Congreso da Emigración Galega en 1956. Até irse apagando ante a acrítica inoperancia dunha comunidade galega na Arxentina que xa non era o que fora, non sentía o que el profesaba, mais acaba por agasallármonos en primeira persoa coa crónica d'O Siñor Afranio.

O escritor. A produción escrita de Alonso Ríos está espallada en xornais da época, nos cales verteu o seu pensamento e ideas, que logo tentaría levar a feitos tanto na educación, como no mundo agrario e no campo político. Déixanos testemuña disto na prensa: El Despertar Gallego, Cétiga, Galicia, El Pueblo Gallego. Destacou tamén nos subxéneros literarios do ensaio e a novela. A súa obra escrita ten 7 títulos, a maioría deles nunca editados en Galiza: Noite i Amañecer de Galiza (1942); Co pensamento na patria galega: diante nuha nova xeira (1942); Da Saudade, Amor, Arte e Misticismo (1956); A cultura Galega na súa dimensión americán (1961); O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido (1979). Nidia (póstuma, 1991); Tratado da Velocidade (inédito).

O noso Presidente: Alonso Ríos foi por dúas veces o centro político de referencia do povo galego, dun xeito máis simbólico que real, foi nomeado presidente da Xunta Galega Revolucionaria, enténdase República Galega, en xuño de 1931 ao tempo das mobilizacións pola paralización da liña ferroviaria Zamora-Santiago, e mantivo o cargo de secretario xeral do Consello de Galiza no exilio, logo da morte de Castelao e renunciar a ocupar unha presidencia da que cría que o rianxeiro era único merecedor. Isto dá idea da dimensión sobranceira deste personaxe histórico de Galiza, que enarborou a súa bandeira na emigración, no exilio e na Terra, para construír unha sociedade máis xusta e unha nación soberana no mundo. Tamén corrobora a anormalidade democrática que nos legou a transición posfranquista e nos orientou á sociedade na que vivimos, case inerme canto ao recoñecemento social da súa persoa. Porén, evidénciase a necesidade irrenunciábel de recuperar as súas ideas, o seu pensamento de progreso en clave galega, para encarar un futuro, pois de non rehabilitar e difundir as verdades irrebatíbeis do seu pasado, estamos condenados a reincidir nos mesmos erros. El acreditou nunha Galiza libre, e nós, como trasdezaos e galegos, somos libres de acreditar nela.

* Membro da Comisión pola Memoria "Siñor Afranio"

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

  • Buenos Aires
  • Das
  • familia
  • memoria
Tracking Pixel Contents