Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Cabaleiro López Escritora e xornalista

“No roteiro literario tentarei que Silleda se perciba dende outra dimensión”

“Paréceme máis interesante o rural, pero o casco urbano ten moitas posibilidades”

Ana Cabaleiro nunha imaxe promocional Mónica Patxot

Os “Roteiros literarios” son unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que se desenvolve desde 2017 para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia de Pontevedra da man das escritoras e escritores das distintas zonas, a partir de obras literarias propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos. O domingo, a escritora e xornalista Ana Cabaleiro López fará de guía literaria polo casco urbán de Silleda.

–Como vai ser o roterio literario do domingo por Silleda?

–Penso que vai ser o primeiro que se faga na comarca do Deza. Eu partín de que as Ramonas teñen unha vinculación específica con zonas rurais de Silleda como Saídres, pero este vai ser un itinerario totalmente urbano. A primeira parada será na Semana Verde, onde falarei como se traslada toda a memoria dunha xeración a unha obra literaria. A partir de aí farei un percorrido cara a antiga Feira Vella onde pegarei un chimpo no tempo para irme á literatura costumista directamente relacionada co agro, cunha homenaxe a Neira Vilas. Despois estaremos na Praza do Siñor Afranio e aí falarei especificamente del. Despois pasamos ao famoso “Cruce” de Silleda con referencia ao Ribeiro e o viño, e tamén aí vou facer unha referencia expresa a unha viaxe que fixo parte da xeración Nós. E rematarei cunha muller, na casa natal de Marisa Soto, figura fundamental do teatro profesional.

–Foi doado artellar un percorrido literario por Trasdeza?

–Unha vez que empecei a diseñalo teño que recoñecer que non me foi difícil. O complicado foi pensar nun roteiro urbano porque eu cando penso en Silleda teño unha mente. Parécenme moitísimo máis interesantes os lugares rurais cos urbanos. Pero despois, cando me centrei descubrín que hai moitas posibilidades porque eu penso que –non sei de onde proceden as persoas que van participar neste roteiro– pero estamos acostumados a ver as cousas constantemente ao noso redor, pero despois cando empezas a profundizar dende un punto de vista mais literario ou como o viron outros escritores, descobres que teñen unha dimensión completamente diferente.

–Iso é algo que se fai moi patente cando se viaxa, non si?

–Claro. Sobre todo cando viaxas, aparte da tradicional guía, se les literatura sobre eses lugares nos que vas estar, percibes eses lugares dun xeito emocional diferente. Entón, iso é o que preferimos, percibir o lugar no que vivimos, neste caso Silleda, que é un lugar moi coñecido e todos os puntos nos que imos estar todo o mundo está farto de pasar, pero trátase de tentar velos e percibilos desde outra dimensión. Tentar ter unha visión moito máis íntima a través da literatura.

–Imaxino que para os que veñan de fóra vai ser un descubrimento moito máis interesante?

–Eu entendo que á xente que veña de fora en Silleda –a min non me parece un lugar feo– posiblemente solo vexa un cruce de rúas porque non ten máis contexto. Este roteiro paréceme unha forma interesantísima de que un lugar moi común agás a Semana Verde, que si que chama a atención porque é un recinto inmenso, poida ter unha perspectiva completamente diferente e incluso tamén unha vez que pasas se alguén che explica pois a memoria que ten dese lugar ou a xente que estivo neses lugares, poden servir despois como persoas que poidan difundir dalgún xeito eso que eles tamén saben. Que cando pasen por Silleda digan que por aquí pasou a xeración Nós ou esta praza leva o nome do Siñor Afranio, que estivo fuxido e despois escribiu a súa experiencia.

–Entón, poñeranse en valor lugares de Silleda que ata de agora non tiñan o recoñecemento debido?

–Esa é a idea. Trátase dunha fórmula de difundir os lugares desde unha perspectiva e un elemento que lle dá unha singularidade e ao mesmo tempo unha certa autenticidade, non? Son cousas que solo podes percibir se ti estás nese roteiro sabendo eso e despois podes buscar eses libros ou tamén eses autores dos que imos falar.

–Pódese dicir que estamos ante un novo xeito de viaxar?

–Penso que si. Estes roteiros están pensados e deseñados a partir de obras literarias propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos. Deste xeito, o público goza dunha experiencia cultural en espazos físicos descubrindo unha nova visión e viaxando pola memoria literaria do territorio. Está claro que se trata dunha maneira de viaxar moi diferente pero penso que tamén interesante, que de seguro agradecerán todos os que queiran participar nesta experiencia.

“Co meu último libro cheguei incluso á farsa”

decoration

–Como vai a aceptación de “Deixádenos remar” despois de ser finalista dos Xerais?

–Non vai nada mal. É un libro que presentei ao concurso e esta vez non gañou. E, home, teño que dicir que a min o que me gusta e gañar. Agora xa está na rúa e estou moi contenta porque sen ter esa visibilidade que dan os premios, que o que más me gosta neste sistema literario que temos aquí tan feble, é certo que a xente vai tendo moitísimo máis feedback que nos anteriores libros publicados.

–E iso por qué?

–Sobre todo polas redes sociais e incluso persoalmente, quen me coñece, pois enseguida me empezan a mandar as súas opinións. E a min sorpréndeme que a xente lle sorprenda. Quero dicir, se este libro é unha sorpresa, que é o que máis se repite, e a min sorpréndeme esa sorpresa, vamos decilo así. Alégrome por esa sorpresa e que a xente non esperara un libro con estas características.

–Cales son esas características que tanto sorprenden á xente que xa puido lelo?

–Todo o mundo pon o énfase no uso do humor. É verdade que tirei moito do humor porque nun principio o humor xa non se me dá mal. Digamos que neste libro, aínda que hai partes profundas e non moi alegres, pero si que é descaradamente humorístico e incluso nalgúns momentos xa chega case á farsa.

–Xa ten argallada a próxima aventura literaria ou non?

–Non. Eu penso que o próximo libro vai tardar pero non estou segura. Penso que un par de anos podería tardar, sinceramente. Nun par de anos non vai haber libro pero como xa sabes iso é algo que nunca se sabe porque a literatura é moi caprichosa. Quedei moi contenta con Deixádenos remar, e espero que siga sorprendendo á xente que o lea porque paréceme moi simpático que me comenten esas cousas tanto polas redes sociais como en persoa. Alégrame moito que impacte dese xeito dende o punto de vista do humor.

Compartir el artículo

stats