A divisoria hidrográfica dos ríos Deza e Asneiro, duns 16 quilómetros de lonxitude, exténdese desde Pena Albura, no tramo transversal da Gran Dorsal Galega, ata a Xunta dos Ríos (antigamente Entrambasaugas) na parroquia de Cristimil (Lalín). Ao longo desta importante divisoria temos referencia de que se atopaban unhas vinte mámoas, algunhas formando pequenos grupos e outras de forma dispersa. As agrupacións máis importantes corresponden ao Coto da Saborida (tres mámoas), Monte Campelo (tres), O Couto-Coto Vistalegre (sete) e Pena da Cruz en Gresande (tres).

As referencias documentais de todas estas mámoas son relativamente recentes, aínda que nas delimitacións das parroquias do Catastro de Ensenada (1751) aparecen algúns topónimos reveladores como Coto Redondo ao Sur de San Paio de Ludeiro e Coto Espiñeira, ao Leste de Soutolongo. As primeiras citas evidentes proceden do fascículo publicado polo Museo de Pontevedra Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra (1956), de J. Filgueira Valverde e A. García Alén, que sinalan, de forma imprecisa, que cerca do lugar de Castro, no Coto de Lebozán, existen varias mámoas; na parroquia de Ludeiro, un número indeterminado delas; e varias na de Soutolongo.

En 1976, quen escribe (A. Presas), nun traballo inédito para a asignatura de Prehistoria na Universidade de Santiago de Compostela (USC), dirixido polo profesor-investigador L. Monteagudo García, titulado Catalogación de restos prehistóricos del área municipal de Lalín, documenta e sinala unha gran parte destas mámoas, especialmente as de Coto da Saborida, Monte Campelo, Monte da Mámoa -entre Castro de Arriba e Castro de Abaixo-, Coto de Vistalegre-O Couto e Pena da Cruz (Gresande). Nese traballo, respecto das mámoas, tíñanse en conta os seguintes aspectos: localización cartográfica, planos e perfís, descrición xeral, toponimia, folclore, matereial arqueolóxico atopado, bibliografía e conclusións.