En canto á localización exacta das tres mámoas no terreo, non dispoñemos de referencias absolutamente precisas, senón máis ben dunha localización referencial, con variacións de varios metros. No ano 1976 a localización feita por min sobre un mapa a escala 1/50.000 do Iryda, nun gran espazo en branco e con escasos elementos de referencia, resultaba bastante inexacta. Se temos en conta a foto aérea do voo de 1956 (voo americano), dúas mámoas atoparíanse no lado Sur da actual parcela 1148, daquela monte veciñal (en proceso de apropiación individual), e outra no lindeiro desta parcela coa contigua 1147, polo tanto moi cerca do camiño de carro de acceso ao monte.

En 2006, a investigadora Xulia Vidal, despois de comprobar in situ a súa localizacion e falar cos veciños da aldea de Catro de Abaixo, sitúaas en foto SIXPAC de forma case idéntica á que se visualiza na foto aérea de 1956. Esta referencia é a máis precisa de cantas dispoñemos.

Hai que ter en conta que as tres mámoas de Monte Campelo presentaban cráter de violación, incluso a de menor tamaño, con 18 metros de diámetro, polo que xa foran parcialmente arrasadas en séculos pasados. Posiblemente estiveran formadas por un dolmen interior, que desapareceu tras a violación e co túmulo recuberto con coiraza de pedras, segundo se deduce a partires das informacións facilitadas en 1976 polos veciños dos arredores e pola existencia dalgúns ortostatos noutras mámoas do cercano Coto da Saborida.

Ata mediados do século XX, este monte veciñal foi sometido a unha actividade agrícola de carácter espóradico, a práctica de estivadas. Era preciso rozar o monte e de seguido realizar as cavadas para que, durante os meses de calor, se secaran os terróns coas raíces e restos de vexetación que, posteriormente, se queimaban en borreas para a obtención da borralla, fertilizante natural para o cultivo do centeo de inverno.

Esta práctica tivo consecuencias adversas para as mámoas, porque deu lugar á eliminación das coirazas pétreas e ao cavado da capa superficial do solo e posterior laboreo. As lousas dos dolmens foron arrincadas das mámoas e utilizadas, moitas veces para peches de fincas no propio monte. Segundo referencias testemuñais, no cráter de violación das mámoas facíanse borreas e nelas asaban as patacas recentemente recollidas: "Non é de estranar que aparezan restos de carbóns, a medio queimar, nestas buratas que hai no medio das mámoas, porque os que viñan traballar ao monte poñían borreas aquí e logo asaban as patacas que traían, sen sacarlles a pel... e ben que sabían!".

O abandono destas prácticas agrícolas complementarias foi sustituído co proceso de mecanización do campo, desde a década de 1980, pola implantación de praderías. Roturouse o monte e rebaixáronse drasticamente as mámoas, ata o punto de eliminar a máis pequena do grupo.

Na actualidade estase a construir unha granxa, na parcela 1147 da concentración, rodeada dun gran cercado, con base de bloques de granito, enterrados no solo, e sobre os que se levantan postes de ferro para colocación de malla metálica. O peche de construción desta explotación, segundo as referencias coñecidas, situouse sobre o medio da mámoa localizada máis ao Leste, polo que a súa destrución é case total.