Para a descricion destas mámoas téñense en conta as observacións efectuadas polo autor en 1976-77 e o traballo realizado pola investigadora da USC Xulia Vidal no ano 2006.

A mámoa localizada máis ao Oeste, moi afectada pola roturación da década dos 80, realizada neste monte, apenas se distigue no terreo, polo que resulta imposible medila. Sabemos que era un túmulo de tamaño intermedio, similar á que se atopaba máis ao Leste. Do mesmo modo que as outras dúas mámoas desta miniagrupación presentaba cráter de violación e non conservaba ningún esteo do dolmen interno.

A mámoa do centro, aínda que foi totalmente arrasada na década dos anos 80, é a mellor coñecida porque o autor, daquela estudante de Xeografía e Historia na USC, levou a cabo nela, en 1976, unha pequena intervención arqueolóxica (ata o de agora inédita). Este era o túmulo máis pequeno do grupo, de forma circular, cun diámetro duns 18 metros e unha altura de 1,1 metros. No centro do túmulo había unha oquedade de 3 metros de diámetro, que correspondía ao cráter de violación, como resultado do saqueo que sufriron estes monumentos, en séculos anteriores, na procura de tesouros. Na intervención arqueolóxica efectuada mediante unha sección de 10,2 metros de lonxitude, desde o lado Leste ata sobrepasar o centro do túmulo e cun ancho de 2 metros, puido comprobarse que a mámoa estivera protexida por unha coiraza pétrea formada por pequenas lousas de xisto, imbricadas a modo de tellado. Na parte correspondente á cámara dolménica localizouse un esteo de micaxisto, en posición inclinada cara o seu interior, de 1,37 metros de altura máxima e 0,9 metros de anchura, medidas que corresponden a un monumento funerario neolítico de pequenas dimensións. Na década dos anos 80 foi roturado o monte con maquinaria pesada e o túmulo desapareceu por completo.

A mámoa localizada ao Leste presentaba en 2006 un doble aspecto: unha parte da mesma estaba cuberta de matogueira (xestas, toxos...) e a outra metade, adicada a prado, estaba moi arrasada, ata o punto de que resultaba imposible coñecer cales foron as súas medidas. Tendo en conta a metade conservada do lado oriental, apreciábase unha pequena elevación no terreo duns 0,7 metros. Esta diferenciación en dous sectores vén dada pola apropiación do monte veciñal durante o século XX, ao quedar a mámoa cortada diametralmente pola demarcación de dúas parcelas, que empregaron o túmulo como estrema. A finca Oeste (parcela 1147) adicouse a prado na década dos 80, mentres que a a parcela Leste (1147) continuou a monte, pero a concentración e entrega de lotes parcelarios aos veciños, hai uns catro anos (2014), fixo cambiar a situación na actualidade, coa construción dun gran cercado e unha granxa, segundo se indicou anteriormente. Isto conlevou o uso de maquinaria pesada para facer o rebaixe do cercado sobre a metade da mámoa, que xa se conservaba en mal estado.