Posteriormente, no ano 2006, a investigadora da USC Xulia Vidal realiza un TIT (Traballo de Investigación Tutelado) titulado Aproximación ao Fenómeno Tumular no Interfluvio Deza-Asneiro (Lalín, Pontevedra), no que se recolle información pormenorizada de todas estas mámoas. Este traballo é o que ten un carácter máis actualizado pero, por ser unha investigación-estudio de carácter académico, non é de coñecemento público.

En 2007, novamente, Xulia Vidal e R. Fábregas publican un artigo no anuario Descubrindo (nº 9) titulado Un baleiro inexistente: Localización de mámoas no sector SW da Comarca de Deza, no que poñen de manifesto que no interfluvio Deza-Asneiro e nas estribacións da Dorsal Galega non se tiña inventariado un só túmulo, malia algunhas referencias de Filgueira e García-Alén (1977), demostrando que ese "deserto tumular" era, simplemente, unha carencia na investigación. Concretamente, na divisoria Deza-Asneiro localizan unhas dezasete mámoas, incluidas as tres de Campelo.

Esta paraxe pertencía antigamente (século XVIII) á parroquia de Soutolongo e posteriormente pasou á aldea de Castro de Abaixo, da parroquia de San Paio de Ludeiro, como monte veciñal indiviso. As súas mámoas atópanse, segundo o mapa topográfico do IGN (Instituto Geográfico Nacional), a unha altura de 572 metros, na caída da vertente esquerda do río Lebozán. Este monte, que pasou de terra indominicata ou reserva señorial do Pazo dos Infanzóns de Soutolongo a monte veciñal de Castro de Abaixo, foi sometido a un dubidoso proceso de apropiación individual durante o século XX, proceso que se culminou -legal ou ilegalmente- coa concentración parcelaria de Vilatuxe-Castro, aprobada polo Decreto 20/09/2001 (DOG 11/10/2001). As tres mámoas do Monte Campelo están situadas nas parcelas 1147 e 1148 do Polígono 5 da referida concentración parcelaria, pero no seu estado actual atópanse arrasadas ou semiarrasadas.

No ano 1976 estas mámoas eran perfectamente visibles no medio dun monte con vexetación subserial, porque estivera sometido a prácticas agrícolas ocasionais de cultivo de centeo, como foi o caso das estivadas. Neste monte dominaban as especies típicas da landa atlántica, formada por toxos ( Ulex europaeus), uces ( Erica arborea) e carqueixas ( Pterospartium tridentatum), ás que se engadían certas variedades do sustrato herbáceo, como a herba das doas ( Lithodora diffusa) e outras.