Louvanza dun cura aberto ao futuro

Dositeo Valiñas foi un home que soubo aceptar e adaptarse aos cambios sociais das últimas décadas

Dositeo Valiñas, nunha imaxe tomada no interior da igrexa de Santa Baia de Ribadumia.

Dositeo Valiñas, nunha imaxe tomada no interior da igrexa de Santa Baia de Ribadumia. / Iñaki Abella

Hernando Martínez Chantada*

A defunción de don Dositeo Valiñas Fernández, párroco de Ribadumia ao longo de 76 anos, deixou un fondo sentimento de pesar nos veciños e veciñas da freguesía.

Unha dor íntima que nos aflixe o ánimo e nos produce a sensación de certa orfandade, privándonos dunha paternidade afectiva. Pois el foi testemuña cualificada de incontables actos que conformaron o curso existencial de practicamente a totalidade das persoas residentes no territorio parroquial, desde os tradicionais bautismos e casamentos ata as defuncións dos nosos familiares.

Don Dositeo foi un caso singular polo seu longo exercicio pastoral nesta parroquia rural da terra do Salnés.

Sinalando, ademais, que o seu labor estendeuse temporalmente a outras parroquias veciñas, máis particularmente na de San Xoán de Leiro, da que se veu encargando tamén durante máis de 40 anos. Tras o concilio Vaticano II, promoveu o uso do galego nas celebracións litúrxicas.

Don Dositeo era un home de carácter afable na conversa e no trato, desinteresado e xeneroso, dotado dunha memoria prodixiosa. Acreditou fondas inquedanzas culturais e sociais, das que dan fe a súa notable biblioteca persoal e a promoción de numerosas iniciativas sociais.

Entre estas, unha escola de baile tradicional galego, un clube de fútbol, unha cooperativa do campo, a primeira Caixa Rural de Aforros da provincia, os Planteles de Extensión Agraria, a asociación cultural Plantel Xuvenil de Ribadumia...

Os que gozamos do seu trato podemos acreditar as súas accións a prol da cultura e das melloras sociais dos seus fregueses.

Alentando o sentido de pertenza á comunidade humana parroquial, tratou de reforzar entre os veciños e veciñas a solidariedade mutua. De aí a preocupación por “facer parroquia”, con actividades que repercutisen en beneficio da colectividade veciñal.

Un labor desinteresado, movido pola ilusión de cumprir un servizo co grupo humano.

Don Dositeo, o meu cura e amigo, ao longo da súa existencia centenaria soubo estar sempre á altura dos tempos.

Asumiu con naturalidade os cambios e transformacións sociais e adaptou a eles o seu proceder humano, sen ancorarse en refuxios mentais nin estruturais.

Foi unha persoa que viviu a súa vida con mentalidade aperturista, favorable á comprensión de opinións distintas e con tendencia ao progreso económico, cultural e relixioso da sociedade.

O que se di, “un cura aberto ao futuro”, sen medo aos novos tempos.

Grazas amigo e que descanses en paz!

*Hernando Martínez Chantada foi profesor, é autor de varios libros sobre historia e arte de Ribadumia e foi amigo persoal e colaborador de Dositeo Valiñas, o sacerdote de Ribadumia falecido a pasada semana aos 102 anos.

Suscríbete para seguir leyendo