Nova etapa na xestión dos residuos en Vilagarcía | Borxa Mexuto e Ánxela Chenlo Mestres composteiros

“Os composteiros vanse estender xa ao Castriño, A Lomba e Trabanca Badiña”

“En maio xa haberá contedores marróns no centro de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán; neles botaremos o 50% do lixo que producimos”

Borxa e Ánxela, nun dos composteiros comunitarios do barrio do Piñeiriño.

Borxa e Ánxela, nun dos composteiros comunitarios do barrio do Piñeiriño. / Iñaki Abella

María López

María López

Ánxela Chenlo e Borxa Mexuto son mestres composteiros no Concello de Vilagarcía dende hai dous anos e medio. Eles encárganse do mantemento dos composteiros comunitarios do Piñeiriño postos en marcha no 2016, da distribución dos domésticos e de informar aos veciños sobre todo o relacionado coa compostaxe.

Vilagarcía está a piques de implantar o quinto contedor ou contedor marrón, que xa estrearon a modo de experiencia piloto restaurantes e froiterías, é dicir, os chamados grandes produtores. No próximo mes de maio comezará a campaña informativa para a veciñanza en xeral e instalaranse os depósitos no centro da cidade, Carril e Vilaxoán. Funcionarán cunha tarxeta asociada a cada vivenda que xa se pode solicitar a través da páxina web medioambiente.vilagarcia.gal. Para os barrios e as parroquias a fórmula que se plantexa para a xestión dos biorresiduos é a compostaxe in situ, a cal sufrirá un importante salto cuantitativo con seis novos composteiros comunitarios. Os primeiros colocaranse no Castriño, na zona escolar de Matosinhos-A Lomba e en Trabanca Badiña.

A base do composteiro do Castriño xa está instalada.

A base do composteiro do Castriño xa está instalada. / Iñaki Abella

– A compostaxe en Vilagarcía atópase en pleno proceso de expansión dentro do no novo contrato da recollida de lixo.

– Borxa: Basicamente a compostaxe divídese en tres modalidades. Por unha banda está a compostaxe nas zonas máis rurais, é dicir, para a xente que ten finca, á que lle damos omposteiros domésticos para que composte na casa. Despois nas áreas periurbanas, onde hai zona verde suficiente, procúrase instalar composteiros comunitarios como é o caso do Piñeiriño. Estes composteiros son parecidos aos domésticos porque o compost prodúcese no propio sitio e queda para os veciños do barrio. E o terceiro modelo, que é o de nova implantación, é o contedor marrón ou quinto contedor para os biorresiduos da fracción orgánica nas zonas onde por poboación e falta de espacio non se pode facer mediante compostaxe in situ.

– Logo os contedores marróns instalaranse no centro de Vilagarcía.

– B: Sí, no centro da cidade e tamén nas zonas urbanas de Carril e de Vilaxoán. Xa se está instalando.

– Xa se está a instalar?

– B:A recollida a grandes productores comezou o 23 de febreiro con cinco establecementos e cada semana vaise expandindo. Ata o de agora recolléronse 16.800 kilos. No mes de maio vai comezar a campaña informativa para a veciñanza.

"Calquera que teña dúbidas pode ir ao Piñeiriño e comprobar que os composteiros no dan problemas"

– Os dous composteiros comunitarios que existen na actualidade en Vilagarcía funcionan no Piñeiriño desde o 2016. Hai moita participación veciñal?

– Ánxela: Úsanse bastante. Fixemos algunha campaña para difundir o tema e estamos moi contentos co funcionamento. Incluso o material que sacamos apenas ten impropios porque a xente está facéndoo bastante ben. É un hábito que ao principio pode ser descoñecido pero axiña te afás e é moi sinxelo.

– Hai anos intentouse poñer en marcha un composteiro comunitario noutro barrio de Vilagarcía pero non fructificou pola oposición veciñal.

– Borxa: Foi na Coca.

– Os cheiros eran o principal punto de rexeitamento.

– B: Calquera persoa que teña dúbidas pode ir aos composteiros do Piñeiriño e comprobar que non dan ningún tipo de problemas. Ademais están producindo un compost que aproveitan os veciños da zona.

– Pero no Piñeiriño hai moito edificio, é dicir, vivendas sen terreo.

– Á: Tamén hai fincas. Xente que vive nun piso e ten a súa horta á parte. Temos máis terra da que parece e con falta de materia orgánica.

– B: Producimos menos compost do que a xente querería levar. Hai demanda de abono orgánico.

– O contedor marrón estará totalmente implantado en maio?

– B: Para finais de maio ou xuño xa se verán contedores marróns polo centro de Vilagarcía. Agora ben, seguirán aumentando durante todo o ano. Nunha primeira fase colocaranse setenta.

– Por onde comezarán?

– B: No centro e ao mesmo tempo en Carril e Vilaxoán.

– Ánxela: O contedor ábrese cunha tarxeta que vai asociada a cada vivenda. Simplemente pégase a tarxeta ao contedor e ábrese a tapa para botar os residuos. Trátase de que quede outra vez pechado para evitar que se bote algún impropio.

– A fracción resto reducirase considerablemente.

– Á: Si, porque a maior parte era fracción orgánica. No resto irá a fracción de residuos non reciclables que xeremos no fogar.

– Como por exemplo?

– Á: Cueiros, estropallos, cabichas dos cigarros, ..

– B:Cousas que teñen mistura de varios residuos. En xeral cousas non reciclables.

– Á: Que serán moi pouquiñas porque cos puntos limpos móbiles que están operativos, plásticos duros, pequenos electrodomésticos, cápsulas de café, ... Todas esas cousiñas teñen o seu lugar no punto limpo móbil; co cal no resto si o facemos ben, e temos medios para facelo, serán mínimas.

– B: No quinto contedor ou nos composteiros botaríamos practicamente a metade do lixo que producimos cada un de nós. A fracción orgánica que é reciclable, que é compostable, que é todo orgánico e biolóxico, eso representa aproximadamente o 50% dos residuos. Co cal si facemos ben iso estamos reciclando a maioría. Hai moito que avanzar aínda, hai que concienciar á xente para que comece a separar e a compostar ese material. Pouco a pouco.

– Á: Os residuos que se recollen do contedor marrón, aínda que se transportan, transpórtanse a moi curta distancia porque van á planta de Sogama en Baión. O proceso é o mesmo que a compostaxe pero a gran escala.

– Fixo alusión aos puntos limpos móbiles. Que tal están funcionando?

– Á: Con moi boa aceptación por parte da veciñanza. Énchense bastante rápido e a xente separa bastante ben en cada lugar o residuo.

– B: No próximo mes ou nos próximos dous meses vanse estender ao medio rural. Ata o de agora estivo nunha fase I no centro, Vilaxoán e Carril.

– Á: De momento os remolques son catro, aínda que están en funcionamento dous.

– B: En total van ser seis os que vaian rotar por todo o municipio, un deles informatizado.

– A que zonas chegarán os novos composteiros comunitarios?

– Á: A proposta é para zonas periurbanas. Xa temos as bases colocadas para instalalo na zona do Castriño, na entrada do parque donde está o Princesa Letizia. Deste xeito dámoslle servizo ao comedor deste centro e a un bloque de edificios próximo. Colocaremos outro para uso escolar na zona de Matosinhos-A Lomba. Este vai estar instalado na zona reservada para horta escolar da Escola Infantil Municipal. Tamén vai ser utilizado polos demais centros educativos da zona. Xa temos confirmada a participación dos tres centros: CEIP A Lomba, CEIP Arealonga e a Escola Infantil Municipal. Poñerase outro en en Trabanca Badiña. Neste caso estamos consensuando cos veciños unha ubicación alternativa na que parecen que todos están dacordo. O requisito dos comunitarios é que haxa zona verde porque necesitan estar en contacto coa terra. En Vilaxoán estamos pendentes da ubicación; temos unha proposta mirada cos veciños pero aínda non está o tema tan definido. E outras dúas zonas interesantes na que seguramente tamén vaiamos a instalar son Trabanca Sardiñeira (na zona do 25) e en Praza Invisa.

– B: Son zonas periurbanas nas que hai algún edificio e non están nas rutas centrais de recollida de residuos.

– Á: Fixemos reunións veciñais en todos estes barrios aínda que non imos implantar todos os composteiros á vez, vai ser algo progresivo. Os primeiros serán os do Castriño, A Lomba e Trabanca Badiña.

“Os fertilizantes químicos son como a comida rápida e o compost como a da casa”

– Cales son os beneficios e inconvintes da compostaxe?

– Borxa: Ten uns beneficios medioambientais claros porque transformamos residuos en recursos. Ademais o compost é o mellor abono que podemos aplicar no solo porque ademais de enriquecer con macronutrientes (nitróxeno, fósforo e potasio), ten moitos máis micronutrientes e elementos, moita biodiversidade, son solos moi ricos en vida e moita materia orgánica. Entón aplicando compost aos nosos solos van ser máis ricos en materia orgánica, en vida e en nutrientes diversos. Eu sempre comparo os fertilizantes químicos coa comida rápida e o compost coa comida da casa.

– Ánxela: Estamos xestionando o noso lixo sen saír da casa. Evitamos o transporte de toneladas dun residuo que maioritariamente está composto por auga.

– B: Ademais do transporte, coa compostaxe tamén evitamos os gases de efecto invernadoiro comparándoa coa eliminación en vertedoiro ou coa incineración. Non son só beneficios medioambienteis senón tamén económicos e sociais, como a creación de postos de traballo local. Cando separas o orgánico, indirectamete e involuntariamente mellora a separación do resto de residuos. Economicamente afórranse cartos en transporte e en incineración. Ademais Europa pon cada vez tasas máis elevadas por non reciclar.

– Ademais do contedor marrón e dos composteiros comunitarios, os individuais constitúen a terceira pata para a xestión de biorresiduos. Pode solicitar un calquera veciño que teña un cachiño de terreo. Cantos repartistes?

– B: Repartimos este ano máis de 200. En Vilagarcía haberá funcionando próximos dos 400 e esperamos hacia finais de ano chegar a entre 500 e 600 vivendas con composteiro na súa finca ou xardín.

– Á: A xente nos pide ata dous para unha vivenda pero polo de agora para que chegue para todo o mundo estamos repartindo un. Valorarase máis para diante si se poden dar máis. Son gratuitos.

– Como se financia todo isto?

– Á: Con axuda da Xunta, dos fondos europeos Next Generation. Tanto os composteiros individuais como os comunitarios e as biotrituradoras.

– Como funciona o servizo de biotrituradoras?

– Á: Funcionan en préstamo dunha semana e son para podas pequenas, domiciliarias.

– B: O seu uso está reservado ás casas que fan autocompostaxe doméstica.

– Á: Estamos tendo moitas solicitudes. Temos catro máquinas que imos rotando. O resultado serve como estruturante para o composteiro e ao mesmo tempo evitamos as queimas dos restos de poda ou que vaian aos contedores, que é unha práctica bastante habitual.

– Para os veciños que non teñen biotrituradora, como teñen que xestionar os restos das podas?

– Á: Faise unha recollida domiciliara que se pode solicitar no número de teléfono 986 501 617, que é o mesmo que o da recollida de voluminosos. Encárgase a nova concesionaria, Urbaser. O menos recomendable é botar os restos de podas no contedor porque é un recurso que estamos desperdiciando.

– Que mantemento necesitan os composteiros?

– Á: Requíerse un mantemento mínimo. Simplemente temos que darlle un pouquiño de aire e de auga. É o que necesita o composteiro para non apodrezan os residuos. Con mesturar os residuos co estruturante unha vez á semana sería suficiente.

– Nos comunitarios como se organizan estas tarefas?

– Á: Facemos nós o mantemento. A veciñanza chega, abre a tapa, bota os residuos e simplemente ten que tapar cun cubo de estruturante, que son os restos da poda triturada. E despois nós facemos o remexido. O importante é que o composteiro quede tapado para que evitar que entre mosquiña, ...

– B: Nós facemos o control de que todo aconteza como ten que acontecer. Facemos todo o control técnico do proceso.

– Á: Nas casas que teñen composteiros individuais facemos visitas de seguemento para resolver calquera dúbida que poida xurdir.

– Nos colexios tamén hai composteiros.

– B: Téñeno a maioría dos colexios con comedor. Esta semana aínda estivemos na escola unitaria de Bamio dando información porque están interesados nun.

Suscríbete para seguir leyendo