Opinión

"A lume lento" (‘remake’)

Hai algo máis dun mes comentamos brevemente unha conferencia escoitada por Youtube titulada, cinematográficamente, ‘A lume lento’ pronunciada con ocasión do centenario da Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca) no ano 2019; pois ben hai uns días, sen pretendelo, vinme na obriga de presenciar un ‘remake’ do mesmo filme porque con mínimas variantes era a mesma película; ambas non pretendían outra cousa que xustificar o inxustificable: un equipo de traballo de seis profesores do ILG, con nome e apelidos, comprométense a redactar unha gramática descritiva do galego actual, unha gramática de referencia, con descrición de feitos e abundante exemplificación que será entregada á RAG no prazo de tres anos, tal como recolle o contrato solemnemente asinado polo rector da USC e polo presidente da RAG con data 1 de decembro de 2010. No día de hoxe, despois de ter recibido do erario público case 150.000 euros (135.454, 24 euros exactamente) aínda non foi entregada a obra encargada.

O obxectivo fixado de servir como gramática académica e de contribuír a definir e difundir o estándar é ao mesmo tempo o maior problema causante do retraso e do reiterado incumprimento do contrato. Aquí están as chaves de todo, no estándar está o problema e a solución. Sorprende que nos círculos universitarios non se contemple o perigo que supón que seis persoas, poucas porque non queren ser máis, fixen a estandarización do galego sometendo unha lingua sen límites marcados a un proceso de uniformidade que responde a criterios claramente ideolóxicos. Unha ideoloxía que proclama que a lingua non é posesión dos falantes nativos; a competencia pasa a ser exclusiva dos lingüistas e das gramáticas que elaboran e ensinan.

"O proceso de estandarización dunha lingua está impregnado de ideoloxía que será moito máis perigosa cando se nega ou se oculta"

O proceso de estandarización dunha lingua está impregnado de ideoloxía que será moito máis perigosa cando se nega ou se oculta. A estandarización supón que as secuencias gramaticais son definidas exteriormente polos libros de gramática onde a intuición do falante nativo non significa nada. O estándar así concibido é un construto ideolóxico moi relacionado coa “norma” ata o punto que algúns autores considéranos sinónimos sempre e cando esta se tome como “norma social” á maneira de Coseriu: usos habituais nunha determinada comunidade lingüística e non no máis restrictivo da expresión “gramática normativa”. Aquí residen as claves do retraso da entrega da Gramática e non nas dificultades presentadas polos autores que buscan xustificación no entorno lingüístico. O primeiro argumento esgrimido (que de esgrima ven) pola demora na entrega é que as denominadas “gramáticas do século XXI” están caracterizadas fronte das anteriores por dúas notas esenciais: ser de autoría colectiva e ter unha media de tempo de elaboración arredor de 20 anos. Malia que a clasificación gramatical alegada ten moito parecido coa moi surrealista que fixo Borges dos animais (os que pertencen ao Emperador, os embalsamados, fabulosos, cans soltos etc) o elemento da duración non é admisible porque cando se asinou o convenio primeiro (2001) ata a sinatura do contrato público (2010) os responsables sabían das dificultades e da súa dedicación, que non alegaron no seu momento cando recibiron as subvencións correspondentes.

A maior abondamento, os tres tomos da Gramática da RAE (2009-2011), elaborada ao longo de 11 anos consta de 4808 páxinas e salvou mil dificultades de coordinación entre todas as Academias da ASALE (Asociación de Academias de la Lengua Española) composta por 23 asociacións e con varios focos irradiadores como corresponde a unha lingua policéntrica. Na obra traballaron centenares de persoas, colaboración non buscada polos gramáticos do ILG que queren a exclusividade da “norma”. Como dicía Hernando de Acuña no seu célebre soneto dedicado ao Emperador, para o que desexaba una grey y un pastor solo en el suelo en que vencido el mar (ortografía, dicionario), venza la tierra (Gramática), a filosofía dos fundadores do ILG., que non é todo o Instituto.

Deslatinizar a cultura románica foi un proceso lento de varios séculos pero desgramaticalizar a linguaxe é tamén urxente hoxe. Esa mentalidade que entrega a capacidade do bo falar aos linguistas temos que desterrala, sobre todo no galego.

Suscríbete para seguir leyendo