Opinión

Microhistoria editorial

Como ben sabía Luís Seoane, a edición e historia do libro teñen capacidade dabondo para aquilatar a dignidade cultural dun pobo. Con este empeño fomentou e participou en numerosas iniciativas editoriais ao longo de toda a súa vida de exiliado.

Porén, malia as valiosas investigacións individuais, non temos unha historia da edición en Galicia. É mágoa porque, tal como nos demostrou a historiografía francesa e anglosaxona, o mundo editorial é o elemento vertebrador da moderna socioloxía cultural na que se integran impresores, autores, libreiros, editores e lectores.

Galicia, que ocupa un honroso posto 72 na clasificación de número de libros publicados no mundo nos últimos anos, está a chegar tarde a moitas cousas e, como consecuencia, retarda a chegada doutras moitas. Entre elas a transparencia: as tiraxes, vendas e subvencións non trascenden, creando un espazo de opacidade que non beneficia a ninguén e perxudica a case todos. Parafraseando a Kant, que proclamou en 1795 o denominado “principio de publicación” dicindo que as accións do Estado que non se poden publicar son inxustas, podemos nós dicir que os datos editoriais que se silencian son un fraude.

Como testemuño dalgunhas destas eivas nada máis expresivo que un exemplo concreto doadamente documentado: a obra mal titulada “Breviario Antológico de la Literatura Gallega Contemporánea” (1966) de R. Carballo Calero. Máis de cen cartas custodiadas na Real Academia Galega documentan a xénese do texto, a impresión azarosa do mesmo e a distribución e vendas conseguintes. Se lle formulamos preguntas a este libro pode chegar a darnos respostas paradigmáticas para incorporar a unha futura historia da edición en Galicia.

A obra é encargo da RAG a D. Ricardo Carballo Calero que unha vez entregado o orixinal e previo informe oficial que dictamina (12 de marzo de 1964) non ter “ningún reparo que poñer ao mesmo” comeza a súa andadura “anómala” remitíndolle poucos días despois o texto a Basilio Losada, profesor en Barcelona, para que pida presupostos en diferentes imprentas. O texto non se convirte en libro ata o 31 de agosto de 1966, máis de dous anos despois, remitido desde o taller de J. Prats Bernadás (Aribau, 55, Barcelona) pola axencia “La Céltica”. Imprimíronse 1500 exemplares cun custo total de 30.916,76 pesetas según consta na factura correspondente. Pero o drama serán as numerosas erratas que contén o libro, comezando pola tapa que reproduce un título disparatado “Breviario Antológico de la Literatura Gallega” en vez de “Breviario Antológico de Literatura Gallega Contemporánea” (unha antoloxía bilingüe que recolle 15 autores, de Rosalía a Álvaro Cunqueiro). destinada ao ensino universitario en Santiago e Barcelona. O problema solucionouse, co descontento manifesto do autor, tolerando o “la” innecesario e engadindo “Contemporánea” na tapa grazas aos bos oficios da imprenta coruñesa Moret, que cobra polo seu traballo a cantidade de 3081 pesetas que serán restadas ao total da factura do taller de Barcelona. Outra escandalosa gralla son as 10 páxinas en branco do libro, moito máis ruidosas as que acaen en páxina impar (13, 57, 81, 107 e 119). Como a distribución corre a cargo da Academia, temos os datos da venda: envíanse un total de 391 exemplares repartidos entre 16 librerías de Galicia, máis vinte exemplares a Caracas (Venezuela) consignados a nome de Óscar Noya Domínguez; á Barcelona das grandes expectativas anunciadas por Basilio Losada chegan 110 libros (100 a Herder e 10 a Porter) do total. Se descontamos as devolucións a RAG recadou (o prezo de cada exemplar era de 100 pesetas), algo menos de 35.000 pts. contando coa xenerosidade do autor que renuncia aos seus emolumentos a favor da Academia. Nin como negocio nin como imaxe cultural está xustificada esta malograda aventura que non foi quen de superar a proba máis elemental: expurgar a edición das erratas máis visibles (na tapa!) cando é a RAG a responsable da edición tal como consta, por iniciativa de Basilio Losada, na mesma cuberta: “Publicaciones de la Real Academia Gallega”. Como diría Max Aub, a obra naceu con erratas e purgouse con signos de interrogación.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo