Charla coloquio - II Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías / Entroido de Cobres

Madamas e galáns á procura do “Interese Turístico Nacional”

O Entroido de Cobres protagonizou onte a charla coloquio dos II Premios Pardo Bazán no País das Rías, organizados por Faro de Vigo en Colaboración coa Deputación de Pontevedra

Con 3.000 asistentes na súa última edición, aspira a converterse no primeiro Entroido da provincia en lograr esta distinción honorífica

O director Xeral de Prensa Ibérica Galicia, Juan Carlos Da Silva; o deputado de Cultura Jorge Cubela; o presidente e a tesoureira da asociación Cultural de Cobres, Martín Duarte e Lidia Peleteiro; o alcalde de Vilaboa, César Poza; a concelleira Carmen Gallego; e o Director Comercial de Prensa Ibérica Galicia, Pedro Costa; durante o encontro.

O director Xeral de Prensa Ibérica Galicia, Juan Carlos Da Silva; o deputado de Cultura Jorge Cubela; o presidente e a tesoureira da asociación Cultural de Cobres, Martín Duarte e Lidia Peleteiro; o alcalde de Vilaboa, César Poza; a concelleira Carmen Gallego; e o Director Comercial de Prensa Ibérica Galicia, Pedro Costa; durante o encontro. / Alba Villar

Que Galicia ten moito que dicir en cuestión de celebracións volveuno demostrar onte o Entroido de Cobres durante a charla coloquio “Madamas e galáns á procura de ser Festa de Interese Turístico Nacional”, organizada por Faro de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra.  

Unha oportunidade única para achegarse á historia e ás singularidades desta festa ancestral que contou coa presenza do deputado de Cultura de Pontevedra, Jorge Cubela; o alcalde de Vilaboa, César Poza; o presidente e a tesoureira da Asociación Cultural de Cobres, Martín Duarte e Lidia Peleteiro; ademais da presenza do director Xeral e o director Comercial de Prensa Ibérica Galicia, Juan Carlos Da Silva e Pedro Costa, respectivamente. 

Un momento da mesa  redonda, conducida  pola xornalista Carla  Mañas.

Un momento da mesa redonda, conducida pola xornalista Carla Mañas. / Alba Villar

Seguro que nos atopamos no 2025 como Festa de Interese Nacional, pero antes: temos por diante o Entroido de Verán, que terá lugar o 13 de xullo: Alí nos vemos. Non faltedes!

O Entroido de Cobres, gañador incuestionable na categoría de Turismo dos II Premios Pardo Bazán no País das Rías, volveu repetir deste xeito boas sensacións durante a terceira e derradeira charla coloquio dos galardóns, celebrada nesta ocasión na casa da Cultura do concello de Vilaboa. 

Unha cita na que se reivindicou a importancia de que familias e veciños sigan implicándose para manter vivo este evento que, con 3.000 asistentes na súa última edición, aspira a converterse na primeira festa de Entroido da provincia coa catalogación de Festa de Interese Turístico Nacional, distinción honorífica que o concello solicitou o pasado mes de setembro.

“Estou seguro de que se logran esta declaración na que tanto están traballando vai ser moi fermoso e por iso queremos comprometer aquí o apoio da Deputación de Pontevedra”, expresou o deputado de Cultura, Jorge Cubela, durante a súa intervención na mesa redonda, na que tamén quixo poñer en valor o feito de “que haxa unha asociación con xente moza que recolle o guante da xenerosidade dos seus avós e os seis pais, que foron os que permitiron que esta festa chegará ata ano 2024”. 

No mesmo senso expresouse o alcalde de Vilaboa, César Poza, encargado de dar a benvida á mesa redonda na que ensalzou “o ben inmaterial máis prezado de Vilaboa, un sentimento puro que solo sabe o que é quen o vive”. “Xa vai sendo hora de dar ese pasiño no que todos estamos inmersos para que esta festa sexa declarada de Interese Turístico Nacional”, despediuse o rexedor, disposto a ir ata ao mesmísimo Grand Prix para lograr este obxectivo. 

“O Entroido aquí e familia”

Cultura, artesanía e tradición; e tamén turismo, economía e futuro; uníronse deste xeito onte en Vilaboa nunha cita na que puidemos coñecer de preto o Entroido de Cobres, que leva connosco desde o século XVIII como mínimo, e que segue a crecer cunha cada vez maior proxección tanto na nosa comunidade como alén das súas fronteiras. 

Durante o evento non pasou desapercibida a tradicional Corrida do Galo, acto principal do Martes de Entroido, como tampouco as danzas e a vestimenta das súas personaxes máis emblemáticas: os tradicionais maiordomos, madamas e galáns, que nos deixaron abraiados con curiosidades como o peso dos seus chamativos traxes.  

“Todo o que vedes é feito a man polas mulleres do pueblo. Leva arredor dun ano de traballo ter o traxe completo”, explicou Martín Duarte desde a Asociación Cultural de Cobres, que describiu como, entre os gorros e o peitoril, súmanse uns 7 quilos de peso cos que cada figura baila durante os catro días. 

Moito esforzo e traballo ao longo do ano que non se ve, pero que tamén conta é moito, en palabras de Lidia Peleteiro, quen quixo ensalzar como “en Vilaboa, o Entroido é familia”. “Sen as familias que apoian aos nenos e nenas que queren ir ao Entroido; sen as persoas que se implican na elaboración dos traxes, que dedican o seu tempo a ensaiar… que mesmo se lesionan, o Entroido non podería continuar”, dixo Peleteiro para agradecer á colaboración de todos os implicados e espertando de forma espontánea os sentidos aplausos do público. 

Unha festa única, singular e colorida que foi pasando de pais a fillos a través da transmisión oral e que ilustra como poucas a importancia de que todos colaboremos para manter vivas as nosas tradicións e a nosa cultura, que son o noso legado, a nosa memoria e a nosa identidade, e as dos nosos nenos. 

Seguro que nos atopamos no 2025 como Festa de Interese Nacional, pero antes: temos por diante o Entroido de Verán, que terá lugar o 13 de xullo: Alí nos vemos. Non faltedes! 

Unha das celebracións máis vistosas de toda a provincia

Madamas e galáns levan a festa de casa en casa nun evento que atopa na Corrida do Galo do Martes o seu acto principal

Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que reflicte a importancia da transmisión das tradicións de xeración en xeración. O espírito das veciñas e veciños do concello de Vilaboa non deixou morrer o afamado Entroido de Cobres, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 1999 e agora suma e segue, a piques de dar un paso máis ao aspirar a converterse en Festa de Interese Turístico Nacional. 

Tal e como recolle a Deputación de Pontevedra en Turismo Rías Baixas, na zona coñecida como Cobres, formada polas dúas pequenas parroquias de Santo Adrán e Santa Santa Cristina, perdura deste xeito unha das celebracións máis vistosas da provincia. Segundo escritos da época, tradicionalmente era denominado Antroido dos Cobres, pero a súa orixe aínda non está clara.

“Madamas” e “galáns”

Crese que, como símbolo de riqueza e posición social, as familias adiñeiradas engalanábanse durante os días que duraba o entroido para percorrer a zona. As persoas solteiras vestían os seus traxes con orgullo e representaban as súas familias. 

Estas son as famosas personaxes coñecidas como “madamas” e “galáns” que, ano tras ano, enchen de colorido e ritmo as parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, en Vilaboa. Cos bailes, a música e a popular Danza dos Cobres van de casa en casa levando a festa. Normalmente estas fan un donativo para poder seguir cos festexos, e canto máis xeneroso sexa, maior algarabía!

No Entroido de Cobres prodúcese unha representación das distintas clases sociais e isto evidénciase fundamentalmente na vestimenta. Deste xeito, primeiro están os “aldeáns”, traballadores humildes e vestidos de distintos oficios; a continuación atópanse “os de branco”, que portan roupas sinxelas, con menos cores e abelorios; e por último, encabezando o grupo, están as “madamas” e “galáns”, vestidos con total pulcritude, con roupa branca cuberta por encaixes, cintas de cores, abelorios, xoias etc. Destaca o seu grande e vistoso chapeu feito a man, cuxas cores, brillos e flores o converten no centro de todas as miradas. Este chega a pesar entre 6 e 8 quilos, e dedícase polo menos medio ano de traballo para mantelo así de vistoso.

Catro días de festas

Durante os días de festa, de sábado a martes, pódense ver charangas e grupos de música tradicional das Rías Baixas. O último día ten lugar un dos momentos máis esperados: a tradicional Corrida do Galo, unha serie de xogos populares na praza da casa da cultura de Riomaior. Para finalizar o día aparece o “predicador”, unha personaxe que non revela a súa identidade e que critica os acontecementos que tiveron lugar na zona durante o ano.

Volveu a figura do predicador, por primeira vez con voz de muller

Na organización do Entroido de Cobres saben ben que o coidado da nosa historia e as nosas tradicións non é incompatible coa innovación. Máis ben ao contrario, souberon converterse nun exemplo de mellora continua edición tras edición. 

Dan boa mostra exemplos como a incorporación de códigos QR para que os asistentes poidan seguir a festa en tempo real ou a renovación da Morada, a tradicional comida de confraternidade coa que os veciños agradecían a Madamas e Galáns as súas horas de baile tras os catro dias do Entroido máis famoso da provincia. 

Tamén este 2024, sen ir máis lonxe, a festa volveu triunfar coa recuperación dunha figura tan querida como esquecida nos últimos anos: O predicador, un mordaz crítico social que, segundo a tradición, aproveitaba o seu anonimato para poder falar con impunidade dos acontecementos da zona durante o ano e mediar dese xeito en conflitos tanto políticos como de convivencia. 

Unha personaxe emblemática e única que desde este febreiro non só volveu a recuperar o seu lugar no Entroido, senón que ademais, e por vez primeira en séculos, tomou a voz dunha muller; en concreto, a da creadora de contidos en galego “Leti da Taberna”, con miles de seguidores en redes sociais e que nos fixo gozar a todos coas súas coplas cargadas de retranca.