Falece aos 92 anos a poeta e activista galega Luz Fandiño

Foi a protagonista do documental “A poeta analfabeta”, da viguesa Sonia Méndez

Luz Fandiño nunha manifestación.

Luz Fandiño nunha manifestación. / ECG

Alba Prada

Galicia está de loito tras quedarse sen unha das súas poetas e activistas máis queridas. Luz Fandiño falecía onte aos 92 anos tras unha vida entregada á literatura e aos movementos sociais da capital galega. Nada no barrio de Sar en 1931, Fandiño emigrou primeiro a Arxentina e logo a Francia, antes de volver a Santiago a finais da década de 1970, onde se estableceu permanentemente.

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, trasladaba a este xornal o pesar pola súa perda: “Desde o Concello de Santiago non podemos máis que lamentar inmensamente o falecemento de Luz Fandiño, unha muller nada no barrio de Sar, reivindicadora sempre desta Compostela onde en tantas loitas participou, comprometida co movemento feminista, e con reivindicar o papel de emigrantes e galegos e galegas ao longo de todo o planeta.

Pola súa parte, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén tivo unhas palabras para honrar o compromiso social da poeta e activista: “Foi unha persoa moi innovadora na poesía porque foi unha influencia procedente de poesías doutras latitudes e culturas. Ao mesmo tempo, coa súa implicación social, como dinamizadora cultural, foi das primeiras poetas galegas que levou a poesía á rúa. Non se limitou só a ser escritora e a cultivar a poesía como xénero literio, senón que fixo dela unha ferramenta social”, loou.

No ano 2020 a directora e guionista viguesa Sonia Méndez realizaba unha película documental sobre Luz Fandiño chamada A poeta analfabeta, un filme que como a guionista e directora explica, tiña por obxectivo preservar a súa memoria. “Cheguei a Luz a través da miña compañeira da produtora Cósmica Producións, Nati Juncal. Chegou un día á miña casa e díxome que estaría ben facerlle un documental a Luz, unha persoa á que ela coñecía dende había anos. Empecei a investigar un pouco e sorpendeume. Ao día seguinte, Luz tiña un recital en Santiago porque presentaba un dos seus libros de poemas. Acudín ao acto e xa dende o primeiro momento tiven claro que había que facer un documental sobre ela”, sentenciou.

Sonia foi descubríndoa e coñecendo as distintas facetas da súa vida conforme avanzaba o filme. “Achegueime a súa casa, coñecina, falei con ela, vin como era a súa vida para facer un retrato documental de Luz”, contou. “A súa vida foi tan fascinante como o foi ela”, sentenciou Sonia. “Con este documental quixen facerlle xustiza. Hai tantos personaxes esquecidos na infrahistoria pero que son tan importantes... e ela pertence a ese grupo”, reflexionou Méndez.

A raíz deste traballo fixéronse amigas. O que máis lle fascinou dela foron os seus principios. “Era unha punky. Era inamovible no que respecta aos seus ideais. A pesar de todas as miserias que pasou, chegou ata esta idade con esa enerxía tan adolescente e con esas gañas de loitar e dicirnos a todos que o pobo podía vencer”, sinalou. “Tamén me fascinaba a forma na que lograba congregar arredor dela a toda a xuventude. De feito, no recital que sae no documental vese claramente que o target era xente moi nova”, explicou.

Sonia Méndez revelou que ten unha sensación agridoce porque por un lado, está triste pola súa perda, pero por outro, contenta porque “imos celebrala, e celebrala sempre”.

“Ela non tiña medo a morte, só ao sufrimento, e foise tranquila. Dicía que cando se fose, quería que fixésemos unha festa, así que celebrarémola”, sinalou a directora que en poucos días estrea a longametraxe “As Neves” nos cinemas.