Galicia, á vangarda da poesía escénica

O recital tradicional ten as horas contadas? É a poesía performática unha cuestión de xénero? Antón Lopo, Ledicia Costas, Silvia Penas e Elba Pedrosa dan a súa opinión

Silvia Penas, no IES Santa Irene, nunha actuación ante o alumnado.

Silvia Penas, no IES Santa Irene, nunha actuación ante o alumnado. / Alba Villar

Mar Mato

Mar Mato

Recital poético con música, con dramatización, traballos audiovisuais en pantalla grande ou xogo de luces. É a poesía escénica ou poesía performática, unha reviravolta do verso nestes tempos de web 3.0. coa que Galicia se sitúa na vangarda no Estado español.

Nomes como Yolanda Castaño, Silvia Penas (Cinta adhesiva) máis Samuel Merino (Pompa e Boato), Aldaolado (María Lado e Lucía Aldao), Estíbaliz Espinosa, Lúa Mosquetera, Elba Pedrosa, Nuria Vil ou Ledicia Costas son exemplos desta fórmula expresiva híbrida que tamén exploraron Estevo Creus ou Anxo Angueira anos atrás.

Mais se pensamos nos primeiros cables que a conectaron choutan as propostas de Antón Reixa e Rompente nos 80 ou a accción poéticas en escena de Antón Lopo.

Galicia, á vangarda da poesía escénica

Galicia, á vangarda da poesía escénica / maR MATO

De seguirmos na terra esa conexión ata as primeiras composicións, topamos cos trobadores medievais (Meendinho, Xohán de Cangas, Airas Nunes, Codax...) e a simbiose perfecta de música e versos.

A percusión nese primeiro elo oito séculos atrás segue a resonar hoxe adaptada a uns tempos nos que proliferan os espectáculos poéticos pensados en clave escénica. Quere dicir isto que o recital sen engado está a morrer ou convivirá co formato híbrido? O debate agroma para celebrar hoxe o Día Mundial da Poesía.

“Creo que van convivir os dous”, responde Silvia Penas, quen onte ofreceu unha performance poética para o alumnado do IES Santa Irene de Vigo. “Agora todo é moi híbrido, non só a poesía. A liña que separa o postdrama –o teatro actual e a poesía escénica– é moi fina. De feito Afonso Becerra nalgúns libros teóricos del chámao poema escénico”, argumenta a autora viguesa. “Non creo que iso substitúa ao anterior, ao igual que espero que non sexa substituído o libro de papel”, engade.

Vigo, IES Santa Irene. Silvia Penas, declamando ante os alumnos.

Vigo, IES Santa Irene. Silvia Penas, declamando ante os alumnos. / Alba Villar

Ledicia Costas, con "Ultraluz"

A tamén viguesa Ledicia Costas defende que “hai probas en Galicia de que o recital goza dunha excelente saúde. Non hai máis que ver o exitazo do ciclo ‘Poetas di(n)versos’ que coordina Yolanda Castaño n´A Coruña dun público fiel. Que pasa? Galicia é vangarda en poesía e iso dá froitos extraordinarios como o traballo que fan moitas poetas galegas que tratan de fundir distintas disciplinas. É moi enriquecedor”, opina.

A autora  (á que lle “encanta ler en público” ) que xunto con Amaro Ferreiro e Sergio Martínez Puga presenta en escena “Ultraluz” –do que xa están pechando novas datas para xirar de novo– engade algo determinante: “É moi bonito cando ves como o teu libro se transforma e salta ao escenario”.

Precisamente, festivais como o Kerouac en Vigo ou o “Alguén que respira!” en Compostela que comeza hoxe e remata o sábado exploran a poesía performática pero tamén a ‘analóxica’. Hoxe mesmo, por exemplo, a poeta María do Cebreiro e o seu irmán, o pianista Abe Rábade, actuarán xuntos.

“En Galicia, creo que a calidade é marabillosa; sempre foi vangarda inda que, en Cataluña e Valencia, xurdiron nos últimos anos experimentacións moi interesantes vinculadas á música tecno como é o caso do valenciano No Poet ou do aragonés Gustavo Giménez que traballa coa exploración da poesía sonora coa tensión entre a palabra e a non palabra”, ambos os dous no programa do “Alguén que respira!! deste ano, detalla Antón Lopo.

Silvia Penas e o ritual

Pero, que motiva a seguir por este carreiro lírico e escénico? “Cando eu comecei na poesía –lembra Silvia Penas– xa o fixen da man da colectividade e da acción social e de rúa. Empecei no colectivo Redes Escarlatas que faciamos accións que tiñan que ver con demandas políticas ou sociais. Despois seguín co proxecto Cinta Adhesiva no 2013. Creo que a posta en escena con público serve para ese momento de ritual”.

Liz, Iglesias e Elba Pedrosa, no Museo Mar de Vigo, días atrás.

Liz, Iglesias e Elba Pedrosa, no Museo Mar de Vigo, días atrás. / M.P.

Elba Pedrosa e a reflexión sobre o desamor

No caso de Elba Pedrosa –que está xirando por Galicia con “Des a mar” cos músicos Álvaro Iglesias e Xosé Liz– explica que “no noso caso con ‘Des a mar Ultrasónico’ queríamos facer un traballo transdisciplinar. A música ten tanto peso como a parte literaria. É un modo de levar a arte en 360, nunha fusión de disciplinas, xa que tamén está presente a interpretación. Dá a posibilidade de que o papel trascenda ao mundo dixital. Nin é un recital, nin é un concerto. É unha experiencia completa, unha performance”.

Ao mesmo tempo, baixo esa faciana de performance pode achegarse a públicos que, nun inicio, non se achegarían a un recital ao uso, por exemplo, a rapazada.

Outra pregunta que xorde ao redor deste asunto é se apoesía performática galega é unha cuestión de xénero xa que a meirande parte das artistas que a desenvolven son mulleres.

Unha cuestión de xénero feminino?

Para Antón Lopo, que facía poesía escénica nos 80, “as mulleres deste momento a nivel inquedanzas e intelectual están a lograr unha auténtica revolución. Vémolo no índice de lectoras, na asistencia a eventos culturais, na audacia das mulleres cuestionando os sistemas e a si mesmas. O resultado é magnífico, están renovando as bases e o desenvolvemento da expresión. Tamén hai máis interese en escoitar o que din as mulleres e os círculos periféricos (LGTBI, inmigrantes)”.

Silvia Penas recorda a Estrella de Diego, quen investigou na performance, para sinalar que “as mulleres ás veces nos colocamos no escenario para comezar a narrarnos porque sempre nos narraron outros Eu tiña esa inquedanza”.

ESPECTACULO "ULTRALUZ", CON LEDICIA COSTAS E  AMARO FERREIRO NA DIPUTACION DE VIGO.

ESPECTACULO "ULTRALUZ", CON LEDICIA COSTAS E AMARO FERREIRO NA DIPUTACION DE VIGO. / Javier Teniente

A maiores, agrega que “na poesía galega que mestura disciplinas somos máis mulleres agora. A performance, a performapoesía, estivo sempre do lado das mulleres, que sexa o corpo onde as cousas acontecen. Pode ter que vir con iso e coas conversas da sociedades orais primarias cando as mulleres contaban cousas ao redor do lume ou facendo traballo doméstico. Pode ser que esa tradición teña peso”.

Por último, Ledicia Costas apunta que, no seu caso, apostou pola poesía performática “para saír da súa zona de confort” pero tamén “por afán de experimentación. Temos esa pulsión de experimentar, de levar a literatura por outros camiños e ir un paso máis alá. A min, interésame experimentar, innovar e arriscar”.

Suscríbete para seguir leyendo