A poesía sobre o escenario recibe un novo proxecto: “Ultraluz”, de Ledicia Costas

As plataformas amosan dende mañá o proxecto expresionista da autora viguesa cos músicos Amaro Ferreiro e Sergio M. Puga | Aúna versos, música electrónica e luces

Ledicia Costas, Amaro Ferreiro e Sergio M. Puga, na gravación audiovisual do proxecto.

Ledicia Costas, Amaro Ferreiro e Sergio M. Puga, na gravación audiovisual do proxecto. / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Pode un recital dar unha reviravolta, caer de pé e innovar, todo ao mesmo tempo? A resposta é afirmativa e un exemplo terémolo dende mañá mesmo de xeito enlatado nas plataformas e a partir do outono nos escenarios co proxecto “Ultraluz”. A obra de Ledicia Costas coa que gañou o XX Premio de Poesía Afundación entra nunha nova fase. “É o libro máis alá do papel”, defende a creadora viguesa.

A primeira fase foi chegar a este mundo baixo a colección Arte de Trobar con AFundación, o Pen Club e a Xunta. A segunda é compactar os versos na voz da súa autora coa música de Amaro Ferreiro e Sergio M. Puga para a súa escoita en plataformas dixitais xa que renuncian de momento ao cedé e ao vinilo. A terceira, a publicación do poemario ampliado con novos poemas –a partir de bosquexos que desenvolve agora– en Xerais en breve.

Onte mesmo ofrecían un adianto nas redes sociais como Twitter para facernos a boca auga soñando xa coa posta en escena de versos como recollemos a sabiduría da nosa estirpe. somos/ telépatas, prestidixitadoras, cazarrecompensas por/ iso todos estes versos. a poesía é un estigma voraz./ velaquí.

“Todo empezou co formato libro e falando con Amaro (Ferreiro) pensamos que sería bonito saír do libro porque o texto tiña múltiples posibilidades. O primeiro que fixemos foi gravar todo o texto en bruto en galego e en castelán. As sensacións que tiñamos eran fantásticas así que empezamos a intuír que o texto tiña posibilidades máis alá do formato libro”, explica Ledicia Costas.

Xerais publicará en breve o poemario, gañador do Premio Afundación, ampliado

O seguinte paso foi o traballo no estudio entre Amaro e Sergio M. Puga compoñendo. Ferreiro explicou que o que máis lle gustara do poemario era que semellaba unha novela, como unha “historia”. “Gustoume a súa narrativa. Entendino como como a arte salva o camiño dunha nena ata convertirse nunha artista. Propúxenlle probar isto de poesía e música. O resultado creo que está máis preto do cinema que da música e a poesía por si soas”, explica Amaro.

“Lembro o día que el me enviou o arquivo. Foi un momento moi emocionante”, recorda Costas quen engade “que nos puxemos xa a pensar no directo porque tiñamos moitas ganas de que circulara polos escenarios”.

Nese chanzo, “un piar importante foi a luz, un elemento máis na escena”, puntúa Ledicia. Ese espectáculo escénico completo –co técnico de iluminación David Borrás–explica que o gravaron en bruto e que agora se atopan “ expectantes porque mañá venres chega a todas as plataformas”.

Porén, haberá que esperar a setembro para ver “Ultraluz” sobre os palcos tanto en Galicia como fóra da Comunidade. “Malia ser un libro de poemas, funciona como unha historia, como unha especie de mininovela en formato poesía e por iso decidimos non prescindir de ningún texto. Está todo o libro e o espectáculo ten 45 minutos de duración”, agrega Costas quen recoñece que houbo algunha variación “para que os textos funcionasen mellor oralmente”.

O proxecto artístico non para aí xa que a portada e a arte do disco foron realizadas pola autora Marina Sanchís, mentres que Tania Valencia se encargou das fotos dun proxecto que advirte no seu final: pero se hai algo incorruptible é ese sendeiro libre,/ esa casa co sobrado en lapas, esahorta a corazón/ aberto que me acolle sempre que necesito volver.

Como unha banda sonora con improvisacións

O adianto do traballo “Ultraluz” que puidemos ver onte déixanos a sensación de que a luz é a gran protagonista con fortes contraluces sobre as figuras humanas, acompañadas dunha importancia extrema da escuridade esculpida por fatos de raios lumínicos. Pensamos no expresionismo alemán. “A xente verá que funcionan moi ben as luces e as sombras, o fume... Ledicia envolta nun misterio. É bastante expresionista”, reflexiona Amaro Ferreiro. En canto á parte melódica, detalla que “Sergio M. Puga máis eu fixémolo de forma natural. Tras gravar a voz dela, investigamos no son. Foi un traballo moi intuitivo. Queriamos fuxir das iniciativas tradicionais que unen música e poemas coa guitarra acústica. Empregamos sobre todo electrónica, piano e a miña guitarra inda que esta se escoita dunha maneira moi procesada. É unha música máis preto do ambient e da electrónica e cun expresionismo musical”. Ferreiro resalta que levar adiante este proxecto permitiulle plasmar o seu traballo de investigación de sons –que adoita facer para os discos de seu así como os do seu irmán Iván Ferreiro– alén da música, no recitado de poemas de Ledicia Costas. “Cando estabamos a traballar, eu comentáballe a Sergio M. Puga que estamos máis preto dunha banda sonora dunha película que dunha canción. Non nos custou moito, foi moi natural. Escoitabamos o poema de Ledicia unha ou dúas veces e a partir de aí creabamos co que nos suxería. Case foi un acto de improvisación”, engade Amaro Ferreiro.

Suscríbete para seguir leyendo