Entrevista | Silvia Penas Poeta

“Hai moitísima falta de atención na lectura, por iso funcionan mellor as propostas escénicas”

A autora viguesa e “performer” presenta esta tarde na cidade o poemario co que vén de debutar na colección Dombate da Editorial Galaxia

Silvia Penas.

Silvia Penas. / Jesús Andrés Tejada

Carolina Sertal

Carolina Sertal

“É difícil recordar nesta cidade/ cos pasos sempre a piques de borrarse/ ou porque os lambe o mar/ ou porque os erosiona este presente informe”, di Silvia Penas sobre Vigo. A autora presenta esta tarde na Morada, ás 20.00 horas, o poemario co que vén de debutar na colección Dombate da Editorial Galaxia.

–Que marca a diferencia en Retratos de vodas, partos e funerais con respecto a outros poemarios?

–Por unha parte, ten puntos en común con Diario de ladras por esa temática femenina moi marcada, xa que quixen centrarme en instantes de mulleres, pero por outra banda é un poemario moi demorado, moito máis que ningún outro. Hai poemas aquí que teñen cinco ou seis anos, foi un traballo moi prolongado. De primeiras, non estaba pensado para un libro e foi collendo forma no proceso, iso é algo que o fai distinto ao resto dos poemarios que teño publicados. Eran textos que, nalgúns casos, formaban parte doutros proxectos, pero percateime de que dialogaban entre si.

–No novo traballo hai temática feminina, pero tamén aparece Vigo, que outros temas a inspiraron?

–Vigo, en menos en O resto é ceu, penso que sempre está presente porque ao final é a cidade na que nacín e vivín. Realmente, se quero resumir o conxunto deste poemario, diría que son intres que supuxeron un antes e un despois, por iso son “retratos”, os poemas creo que teñen máis entidade entre si que noutros libros. Hai algúns que teñen un título en xerundio, porque teñen que ver cunha duración concreta. Nalgúns xa se intúe que son momentos relevantes, como pode ser un parto, algo moi decisivo, mentres que noutros as escenas son máis cotiás, pero revelan algo importante. O punto en común que teñen na inspiración é ese, que parten de intres que supoñen unha reflexión máis profunda. Por exemplo, acontece co poema Enterro, que pode pasar máis desapercibido na lectura, pero no que digo: “Na miña familia había moitas mulleres, case todas de cabelo curto e saia longa”, logo sigo con que fun a ver á miña tía e levaba vaqueiros, pero a miña nai, como morreu nova, xa non fixo ese cambio que experimentaron outras mulleres. Hai momentos, como dixen, que marcan un antes e un despois.

–Comenta que algúns poemas pertencían a proxectos escénicos, que os diferencia da escrita?

–Si, díxeno porque pertencían a proxectos encargados, non porque considere que a poesía escénica sexa distinta. O que si penso é que para levar a poesía á escena fan falta unha serie de elementos. Recitar de memoria un poema non é poesía escénica, poesía escénica é cando existen unha serie de elementos no palco que dialogan e teñen que ver co que estás facendo ou o que queres amosar. O que é certo é que hai poemas que funcionan mellor coa oralidade e como hai moitísima falta de atención na lectura, por iso funcionan mellor as propostas escénicas ou audiolibros. Debido á problemática da présa, do apuro, de que todo vai tan rápido, a xente non quere romperse a cabeza arredor do que quere dicir un poema, se xa llo digo eu co ton. Hai que ter unha certa bagaxe para escribir poesía, pero tamén para lela. Se non tes esa bagaxe, que alguén cho lea cunha entonación concreta, fai o camiño máis doado.

-Hai tempo que a poesía experimentou un bum. Dende a súa experiencia, como valora a escena actual?

–Hai un bum en parte porque apareceron máis proxectos, antes eramos dous ou tres. E por outra banda, o que detecto é que para as xestoras culturais é barato. Conflúen varios factores: como non hai moita xente interesada na poesía, tiran dese fío, porque non require tanta aparataxe técnica, enténdes como algo cultural elevado, non sae tan caro como unha produción teatral é máis sinxelo de levar ao palco, pero en realidade non hai un ciruíto real como pode ser o da música. É un circuíto máis independente e ecléctico.

–De feito, o proxecto literario-musical que compartes con Jesús Andrés Tejada, Cinta adhesiva, cumpre unha década. Cal é o segredo para manter no tempo unha proposta destas características? Como evolucionou?

–Este proxecto xurdiu como por casualidade, coincidín con Jesús nun recital e el facía bases electrónicas e tocaba a guitarra eléctrica, probamos e funcionou. A partir de aí colaboramos con outras artistas e fomos recollendo poemas diversos, facendo discos, videopoemas,... e fomos manténdonos no tempo porque tivemos esa demanda de actuacións, polo que viámonos na obriga de sacar cousas novas, de non facer sempre o mesmo. O segredo creo que é estar activos e o feito de colaborar con outra xente fai que renoves o repertorio, non é un espectáculo fixo como unha peza de teatro, ao funcionar como grupo musical renovas repertorio e non estás repetíndote durante dez anos.

Suscríbete para seguir leyendo