Falece o escritor e exprofesor Alfonso Álvarez Cáccamo, gañador do Xerais 1990

Mestre durante anos no Colexio de Panxón, foi articulista de FARO

Finou á idade de 71 anos no Álvaro Cunqueiro por unha neumonía despois de tres semanas de ingreso

Na súa casa de Oia, Alfonso Álvarez Cáccamo. É lembrado tamén como un gran pianista.

Na súa casa de Oia, Alfonso Álvarez Cáccamo. É lembrado tamén como un gran pianista. / Eli Regueira

Mar Mato

Mar Mato

Quen coñeceu o escritor e exprofesor Alfonso Álvarez Cáccamo lémbrao como un dos “bos e xenerosos”, unha persoa cun enxeñoso sentido do humor e moita creatividade. Onte, finaba aos 71 anos de idade no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo tras case tres semanas de ingreso hospitalario debido a unha neumonía que non deu superado.

Alfonso –quen foi colaborador durante longo tempo do FARO DE VIGO– naceu na cidade olívica no 1952 nunha familia galeguista, amante da cultura e de Galicia. Fillo do cronista de Vigo Xosé María Álvarez Blázquez –a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2008– e de María Luisa Cáccamo Frieben, era irmán do poeta Pepe, a pintora Berta e o profesor universitario Celso Álvarez Cáccamo.

Inda segue forte a súa lembranza como mestre de Primaria no CPI Panxón onde impartía clases a rapaces, principalmente, orfos de mariñeiros. Co pasar dos anos, o devandito centro sería adscrito á rede de centros de ensinanza da Xunta co que se converteu en profesor nos primeiros anos de Secundaria.

Antes de dedicarse á docencia, traballou co seu pai na libraría de libro vello e editorial Monterrei –que anos despois derivaría na editorial Castrelos–, cuxos restos se atopan no primeiro tramo da rúa Pi y Margall de Vigo. O seu paso por este local foi chave porque se converteu nunha das primeiras editoriais en empezar a editar en galego (ano 1948) na ditadura antes que Galaxia. Foi alí, da man de seu pai, onde aprendeu do panorama cultural e editorial galego da época.

Co tempo, Alfonso Álvarez Cáccamo comezaría a publicar os libros escritos por el mesmo –nos que comandaba en moito deles a creación surrealista, moi ocorrente– e a colleitar premios entre os que figuran O Facho, o Premio de Novela Café de Catro a Catro (“Peito de vimbio”), o Xerais de Novela do ano 1990 (“As baleas de Eduardo Reinoso”), o Álvaro Cunqueiro de Narrativa no 1993 (“Xente de mala sorte”); o Manuel García Barros do 96 (“O espírito de Broustenac”); o segundo Premio Modesto R. Figueiredo con “A meritoria cortesía de Edón de Cidalia” máis o Manuel Murguía de Narrativa Breve no 1998 (“Canis fugit”).

Alfonso Álvarez Cáccamo, na recollida do Premio Xerais. |   // G. FRAGA

Alfonso Álvarez Cáccamo, na recollida do Premio Xerais. | // G. FRAGA / mar mato

No eido da poesía, tamén publicou obras como “Na flor do vento” e “Sebes contra o vento”; mentres que en narrativa a súa última obra foi “Os Gotten”, con Xerais no 2014 onde escribía sobre unha familia claramente inspirado en moitos paragramos nos Álvarez, Blázquez e Cáccamo.

O seu libro “O bosque de levas” –sobre un espectro que no presente pide axuda para descansar en paz por ser executado por ser liberal do século XVIII– foi levado ao cinema no 2006 baixo a dirección de Antón Dobao.

Pesar no mundo editorial

No mundo editorial, o seu pasamento causou un fondo pesar que se evidenciaba na voz, por exemplo, do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, quen sinalaba na noite de onte que “lamentamos profundamente o seu falecemento. Alfonso era dos bos e xenerosos para esta terra coa súa obra e a súa actitude de reivindicar este país e a xente deste país. Hai que lembralo como unha persoa alegre, especialmente cálida. Sentimos a súa falta”.

Devastado tamén ficou Manuel Bragado, quen como editor lle publicou gran parte da súa obra literaria. “Era o escritor do humor, do optimismo da súa xeración. Hai que recordalo con esa creatividade verbal que tivo sempre. El pertencía aos xenios dos Álvarez. Xosé María, seu pai, comunicoulle o seu amor pola cidade de Vigo e pola historia”, resaltou Bragado, quen aproveitou para lembrar como Alfonso saíra no seu día na defensa da obra de Xela Arias cando esta comezou a dar a coñecer a súa creación e a recibir críticas por parte dalgunhas voces que desdeñaban a súa arte.

Alfonso Álvarez Cáccamo –que vivía agora en Oia; tiña tres fillos (María, Xavier e Manuel) do seu primeiro matrimonio con Teresa Cebrián, mentres que a súa última parella era Suca Toba– escribira tamén unha biografía sobre seu pai no que destacaban datos da súa nenez, de como gozaba cos seus irmáns da costa viguesa xunto ás casas de mariñeiros en Coruxo, na praia de Calzoa, na desembocadura do Lagares. Alí, coincidía toda a familia con amigos como Fernández del Riego ou Plácido Castro.

Quizais desa época gardou no peto vital o seu amor polo mar e nos últimos anos recuperaba crebas de madeira coas que facía esculturas. De feito pensaba en facer unha exposición con elas xunto ao seu curmán Xavier Álvarez Blázquez, quen moi afectado, explicou que falara con el había dez días cando se atopaba xa no hospital.

Unha desas pezas entregoulla a Carlos Meixome, exdirector do Instituto de Estudos Miñoranos, co que colaboraba Alfonso. Meixome sinalaba onte que “era un gran amigo. Era un magnífico escritor; tiña unha imaxinación tremenda. A súa perda déixanos moi fastidiados”.

A súa familia terá este martes ás sete da tarde en Pereiró, Vigo, un acto civil de despedida na capela do tanatorio.