Un inédito de Celso Emilio Ferreiro, entre as novidades literarias galegas do inverno

Trátase dun poemario, “O cabronario”, escrito en Venezuela, prohibido en España na ditadura por ir contra Franco

Os andeis recibirán o libro póstumo de El Hematocrítico

Novidades literarias.

Novidades literarias.

Mar Mato

Mar Mato

O ano 2024 promete ser un cofre de tesouros editoriais se atendemos aos adiantos que varias editoriais galegas nos ofrecen. Entre os distintos libros dos que poderemos gozar, un poemario inédito de Celso Emilio Ferreiro, baixo o traballo da Editorial Elvira.

Haberá que esperar a febreiro para lelo, na súa meirante parte en castelán. Levará o título de “O Cabronario”, segundo anticipa o codirector da Editorial Elvira, Xabier Romero.

“Na época de Celso Emilio en Venezuela chegou a publicar un facsímil, como un folleto pequeno, no que saía parte desta poesía que é fundamentalmente en contra do réxime franquista. Isto estaba totalmente prohibido e castigado na España da época. Nunca se editou aquí”, explica Romero.

Celso Emilio Ferreiro, na Guayra, Venezuela, coa súa familia.

Celso Emilio Ferreiro, na Guayra, Venezuela, coa súa familia. / CEDIDA

Respecto a como chegou á editorial esta obra, o editor sinalou que “neste proxecto participa un fillo de Celso Emilio, Javier Ferreiro, quen no arquivo familiar contaba cos orixinais desta obra. Hai que pensar que a maior parte estaba censurada en España. De feito, o libro leva documentos oficiais da censura para que a xente saiba como funcionaba. Ademais presenta unha introdución e comentario do seu fillo”.

O poemario tamén inclúe un texto de Méndez Ferrín; e un facsímil do que se editou en Venezuela. “Temos un orixinal e ímolo reproducir”, apunta Romero.

O editor resalta que “é unha alegría moi grande publicar este libro. Non foi nada doado chegar a un acordo. A familia conservou isto durante anos sen pensar en editalo. Xurdiu a posibilidade hai un ano falando con Xavier”.

Ademais do inédito de CEF, a Editorial Elvira publicará a finais deste mes “El último concierto”, do colaborador de FARO Xaime Fandiño. “É unha historia divertida que trata sobre o edadismo con personaxes nunha residencia de maiores que deciden fugarse dela”, adianta Romero.

O Castro e García Teijeiro

O selo editorial tamén prepara “Breve historia del Castro de Vigo” a cargo do arqueólogo José Manuel Hidalgo, exdirector do Museo Quiñones de León. “É un libro moi especial porque conta a historia de Vigo vista dende o Castro. Cun código QR (para pasear pola fortaleza) e en papel imos adxuntar un plano da mesma. É unha pasada. Segundo el, este é un dos tres castros máis importantes de Galicia pero no seu día se decidiu non excavar máis”, detalla o editor vigués.

Unha cuarta obra é a recompilación do medio cento de artigos de Antonio García Teijeiro publicados no suplemento Estela de FARO.

Tamén recibirán as lectoras e lectores –pero con Xerais– un libro póstumo de El Hematocrítico: “Doña Problemas, salvadora do cole”. Trátase da segunda entrega desta saga. “El tiña pensado facer unha serie e xa nola entregara. Incluso temos o terceiro libro que, por suposto, non sairá este ano”, sinala o editor Fran Alonso.

Este adianta que en xaneiro publicarán a nova novela de Berta Dávila, “A ferida imaxinaria”, e a opera prima en galego de Lola Rontano, “Esperta do teu sono”. Este último libro conta “a historia da revolución social contra a mina de Corcoesto”.

A escritora Berta Dávila.

A escritora Berta Dávila. / Marta G. Brea

No caso de Dávila, “fala das casualidades, dos cruces da vida... É unha novela cun punto de vista distinto dos mostrados nos seus traballos anteriores, sen autoficción”.

En febreiro, as librarías recibirán o novo traballo de María Solar, “Adeline”, coa que foi finalista do Jules Verne. “É a historia ficcionada da primeira vampiresa, anterior a Dracula”, sinala Alonso.

Outra autora moi querida do público que publicará traballo este ano é Ledicia Costas. Desta volta, estréase no álbum ilustrado, “Sete dentes de león”. Tamén chegará aos andeis unha nova novela da marabillosa pluma de Rosa Aneiros, “A noite das cebolas”; e a novela negra “A rede branca”, finalista dos Xerais, escrita por Paco Morgan e ambientada en Vigo.

En marzo, publicará por primeira vez Miriam Beizana con “A soidade das nenas”; mentres que en abril sairá “Un anarquista”, de Diego Ameixeiras. O escritor ourensán alonxarase do noir nesta ocasión para navegar por unha novela política e social con intriga ambientada na Barcelona de 1979 e que conta o declive do anarquismo, protagonizada por un galego. Tamén este mes sairá do prelo a novela da xornalista e escritora Sara Vilas “O incendio”, coa que gañou o Blanco Amor o pasado ano.

Dende as bancadas de Galaxia, anuncian que Xabier López pescudará na memoria familliar con “Contrabiografía”; mentres que Iria Aldegunde ofrecerá a ilustración do clásico de Neira Vilas “Memorias dun neno labrego”.

As lectoras e lectores recibirán –pero con Xerais– un libro póstumo de El Hematocrítico: “Doña Problemas, salvadora do cole”. Trátase da segunda entrega desta saga. “El tiña pensado facer unha serie e xa nola entregara. Incluso temos o terceiro libro que, por suposto, non sairá este ano”, sinala o editor Fran Alonso.

Tamén con Galaxia coñeceremos a unha parella na que el queda en cadeira de rodas mentres ela tratará vivir a vida imaxinada. Será en “A lista das cousas imposibles”, de Laura Gonzalvo.

Un espazo quedará gardado para un clásico traducido ao galego, “Doutor Zhivago”, de Boris Pasternak, ao tempo que An Alfaya, pola súa parte, publicará para os pequenos “O corazón das casas”.

Tamén para nenos editará Kalandraka en xaneiro “Charlotte”, de Consuelo Vercher e con ilustracións de Clara Encinas, no que presenta a historia dunha nena e a súa familia sobre como é o día a día ata que “descubrimos que a súa nai padece unha enfermidade. A rapaza non calibra a gravidade da doenza. Está escrito cunha grande calidade literaria”, destacan dende a editorial.

Tamén publicará “Los viajes-Gran Bretaña”, do artista nipón Mitsumasa Anno xa falecido. Tras os libros dedicados a Italia e Xapón, chega este álbum ilustrado cun paseo pola xeografía e a historia.

Un libro que tamén destacará este inverno será “La vida es juego”, de Jorge Padín sobre obras de Lope de Vega. “É un libro sobre unha obra que se está a representar nos escenarios agora. É peculiar pola colaboración da Compañía de Teatro Clásico –leva o prólogo do director, Lluis Homar– a través da compañía Ultramarinos de Lucas”, engade unha voceira de Kalandraka.

"Sete monstruos e un gato", de Kalandraka e "Enrede en Navidad" de Hércules.

"Sete monstruos e un gato", de Kalandraka e "Enrede en Navidad" de Hércules. / cedidas

[object Object]

Á porta de Reis e se aínda hai tempo para uns agasallos, dous libros para a cativada poderían ser os regalos ideais: “Enredo en Navidad”, editado por Hércules de Ediciones; y “Sete monstros e un gato”, de Kalandraka.

Neste último, de Rafa Ordóñez e Christian Inaraja, acompañamos a andaina pola vila de sete monstros mais as inclemencias meteorolóxicas farán que o seu camiño se torne difícil para facer cavilar sobre a importancia da ousadía, perserverancia e resiliencia. Chegarán ao final do paseo? A resposta só se pode coñecer se se chega ao remate deste álbum ilustrado de Kalandraka.

Pola súa parte, Hércules de Ediciones presenta “Enredo en Navidad” de Juha Virta e Marika Maijala. Trátase da continuación de “Piano a la fuga” e “Sin rastro del gato”.

Nesta ocasión, a nena Filippa fai un descubrimento cando sae da casa para mercar máis bombóns. En marchando, descobre que o buzón das cartas está aberto e cabo del unhas pegadas pequeniñas dan cara o monte. Tras caer, un ratiño a levará por un mundo máxico. Atopará a Papá Noel nel?

Suscríbete para seguir leyendo