Marta Sánchez, ARCE e Luz Casal, líderes galegos no YouTube

Entre os artistas da terra máis vistos tamén: Hard GZ, Iván Ferreiro e a Sinfónica de Galicia

Esta última, no top das orquestras do mundo ao superar o seu “Sherezade” oito millóns de visualización

ARCE, Hard GZ e a Sinfónica de Galicia.

ARCE, Hard GZ e a Sinfónica de Galicia. / FDV

Mar Mato

Mar Mato

Alén do debate de se o YouTube perde ou non aire coa rapazada volcada no TikTok, a realidade é que segue a ser unha plataforma chave para estar ao día dos vídeos musicais do mundo. Se buscamos cales son as cancións de artistas galegos máis visualizadas atopamos que a líder é Marta Sánchez, seguida do rapeiro compostelán ARCE, Luz Casal, Hard GZ co seu son urbano; Iván Ferreiro e, atención, a Orquestra Sinfónica de Galicia.

O tema rei é “Colgando en tus manos” que hai quince anos cantaban a dúo naquel taxi tan peculiar a coruñesa Marta Sánchez e o venezolano Carlos Baute. Máis de 773 millóns de visualizacións ten acumuladas.

Esta mesma canción interpretada en programas de televisión atopámola no YouTube con 49 millóns de visionados, mentres que o tema “Desesperada” asina 46 millóns.

Outro artista galego rei no YouTube é ARCE. O rapeiro de Santiago alberga na súa canle @arceperroviejo9129 varios éxitos que o elevan ao podio galaico do YouTube. O seu vídeo máis visto na plataforma é “LUZBEL” (37 millóns de reproduccións), seguido de “Ayer” (16 millóns); “Carpe diem” (14 millóns), “Lucifer” (12 millóns) e “Wifi” (9,2 millóns).

Un peso pesado na canción que segue sumando fans é Luz Casal. A súa canción “Piensa en mí” –estrela da banda sonora orixinal da película “Tacones lejanos” de Almodóvar– anota 23 millóns visionados.

Tras ela, damos un chimpo de novo aos sons urbanos xa que HardGZ firma varios éxitos no YouTube. A súa canción máis seguida na plataforma é “Lo real” con 14 millóns de visualizacións, na que fai alusión a un concerto en Vigo e na que Nikone arranca cos versos “Dentro de mi pecho ya no queda pena/Me la fumé toda y le puse rumbo a la luna”. Séguenlle “Cae la noche” (12 millóns) e “Conejo blanco” (11 millóns).

Con 12 millóns de visionados atopamos o “Turnedo” de Iván Ferreiro a dúo con Xoel López e aquí, novamente, damos outro salto para fixarnos na Orquestra Sinfónica de Galicia. O concerto “Scheherazade” op. 35 –do compositor ruso Rimsky-Korsakov– dirixido polo finés Leif Segerstam leva xa 8,5 millóns de visionados procedentes de todo o mundo mentres que o “Terra” de Tanxugueiras atópase con 7,9 millóns.

“Todos os vídeos da nosa canle de YouTube –explica o xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Andrés Lacasa– teñen unha historia. En primeiro lugar, ese concerto tiña que dirixilo Rafael Frühbeck de Burgos que foi un dos grandes directores españois da última metade de século. Nunca dirixira a Sinfónica de Galicia. Estaba naquela altura bastante doente e desgraciadamente enfermou e faleceu uns meses antes de termos o concerto programado. Falamos con Leif Segerstam porque Dima Slobodeniouk, o noso director titular, estudara con el e propúxoo”.

A elección foi todo un acerto. Ademais da mestría das e dos intérpretes da Sinfónica e a conexión que tiveron co director finés, a interpretación no Palacio da Ópera de A Coruña foi maxistral e inclúe un elemento polo que se ten feito famosa en todo o mundo: uns berros no final da composición.

“Os gritos que fixeron coñecida esa gravación improvisounos nun dos ensaios. Díxolle á orquestra que na historia que presentaba a peza había unha batalla e por que non comezaban a berrar. No concerto, levamos unha grandísima sorpresa porque os músicos comezaron a gritar e iso foi o que lle deu moita popularidade ao vídeo”, engade Andrés Lacasa.

O caso da Sinfónica de Galicia é peculiar porque eses 8,5 millóns de visionados do “Scheherazade” o sitúan entre as pezas de orquestras sinfónicas máis vistas do mundo no YouTube. Por exemplo, o vídeo máis visto da Berliner Philarmoniker –con 488.000 suscritores, fronte aos 169.000 da Sinfónica de Galicia; os 216.000 da London Symphony Orchestra ou os 102.0000 da Concertgebouworkest– é o “Sabre Dance” con 8,2 millóns; mentres que “Romeo e Xulieta” da London Symphony sube a 9,1 millóns; e a Sinfonía número 7 de Beethoven a cargo da Concertgebouworkest suma 13 millóns de visionados.

"Dende os cinco continentes visitan a canle"

O xerente da Sinfónica de Galicia engade que “a nosa canle de YouTube fómolo construíndo paso a paso hai xa doce anos e permitu á Sinfónica de Galicia e as nosas agrupacións trascender fóra de Galicia. Dende os cinco continentes visitan a canle desde Sudamérica, Xapón, Estados Unidos ou Oceanía. Cada día, temos entre 40.000 e 50.000 visualizacións. Tódolos días hai moitísima xente gozando cos concertos da Sinfónica de Galicia en todo o planeta. É un motivo de orgullo para todos”.

Suscríbete para seguir leyendo