Villalta, a música feita poesía

A prolífica autora destacou en todos os eidos da escrita pero principalmente nos versos densos sobre a vida e a morte

Luísa Villalta.

Luísa Villalta. / Xosé Abad

Mar Mato

Mar Mato

Cantas partes de min/ van caindo por diante?/ Quen de min cai detrás/ de cada verso? Se non veño de min/ e se, ainda antes/ de min, tamén son eu/ que me precedo,/ quizá o ponto/ que orixino/ sexa o mesmo/ que me impede/ ser en outro/ e me proxecto/, amor disxunto,/ en ser desfeito. (“Música reservada”, 1991)

Asegura o estudoso Armando Requeixo que “Luísa Villalta [a autora dos versos anteriores] é unha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas (...) un referente que foi aplaudido polo lectorado e consagrado pola crítica”.

A súa voz poética publicaba o seu primeiro libro de versos no 1991 cando tiña 34 anos para editar en vida un total de catro poemarios aos que se sumarían dous despois de morta.

Dedicarlle o Día das Letras Galegas pon no foco a unha creadora que non só profundizou na poesía senón tamén na narrativa, ensaio, teatro e tradución ao tempo que tocaba o violín de xeito profesional.

Facerse coa meirande parte dos seus poemarios resulta case imposible para case todos os petos. Comprar “Papagaio” –libro póstumo– de segunda man requere un desembolso de case 110 euros en internet.

De momento, ata a chegada das novas reedicións que sen dúbida arribarán, hai que contentarse coa coidadísima publicación este ano de “Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)" que Armando Requeixo preparou para Galaxia cos catro poemarios publicados antes de ela finar.

Pouco a pouco nesta compilación imos descubrindo o universo dunha autora cunha poesía densa, que é preciso reler unhas cantas veces para chegar á súa esencia ou para alo menos intentar acariñala. A poesía de Villalta é ante todo música no oído, na escrita e no discurso pero tamén reflexión e filosofía vital sobre a vida, morte, o desamor, o paso do tempo, a música, a escrita, a sociedade e a liberdade.

Nacida na Coruña no 1957 –filla dun profesor mercantil que traballaba no eido bancario mentres que a nai formárase en Comercio– medra coa súa irmá Susana. Non tiña nin dez anos cando comezou no Conservatorio Superior de Música da cidade herculina onde chegaría a ser titulada superior de violín formando parte da Xove Orquestra de Galicia.

Coa maioría de idade, empeza a estudar Filoloxía Hispánica en Compostela onde sinala Requeixo que “agromou con pulo a súa paixón pola escrita”.

No 1990 gañaría o I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da USC con “Poema cíclico para soprano e cuarteto de corda”, o texto que pecha o seu primeiro poemario, “Música reservada”, e que está composto por catro movimentos: allegro, adagio, scherzo e finale.

Non tiña nin 22 anos cando casa co músico e escritor Paulino Martínez Pereiro para divorciárense vinte anos despois, dúas décadas na que ela segue a medrar profesionalmente tras aprobar oposicións ao ensino que a levarían ao longo da súa vida a dar aulas en Oleiros, Ferrol ou Sada.

Ela, que foi “unha das máis destacadas dramaturgas dos noventa” –asegura o estudoso Armando Requeixo–, publicou “Concerto para un home só” (1989), “O representante” (1990) e “O paseo das esfinxes” (1991); ademais doutras obras.

Na narrativa, comeza gañando un accésit do Premio Modesto R. Figueiredo co conto “A taberna do holandés”. Despois publica “Teoría de xogos”, “As chaves do tempo”.

En poesía, seguiríalle “Ruído”,no que a música e a vida volven ser protagonistas. Máis tarde, saca do prelo “Rota ao interior do ollo”, unha plaquette de só cinco poemas publicada en Lisboa no 1995 onde máis alá da simboloxía esotérica do arranque nos leva pola desilusión, a orfandade dunha muller que escrebe: A soedade sabe como será despois de coñecer-te/ unha espesura rota a procurar-te na cegueira.

No 2004, vería a luz “En concreto”, Premio de Poesía Espiral Maior onde a filosofía desborda.

Foi ese mesmo ano, o 6 de marzo, cando finaría de madrugada nun ataque fulminante de meninxite que lle paralizou o corazón. “O violino dos seus versos calou para sempre na mesma casa que a vira nacer”, escribe Requeixo.

Tras esta data, publicaríanlle dous poemarios inéditos. “Papagaio” trata do antigo barrio coruñés homónimo dedicado á prostitución que documentou con fotos antes de ser destruído a fotógrafa Maribel Longueira e que conta cos versos de Villalta. Despois chegaría “Palabras ingrávidas”, un almanaque-poemario cun poema por cada día que dura ata febreiro xa que a morte lle impediu rematalo aos 47 anos de idade.

Suscríbete para seguir leyendo