Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Armando Requeixo crítico literario

“Luísa Villalta foi unha das grandes voces da modernidade”

En 'Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)', editada por Galaxia, Requeixo recupera os catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación

Armando Requeixo, cun exemplar de Pensar é escuro. | FOTO: ARQUIVO

–Nalgúns círculos rumoréase xa que Luísa Villalta é a gran favorita para que o ano que vén se lle dedique o Día das Letras Galegas. Podería darme algunhas razóns polas cales Luísa (e mais a súa obra) si o merecen?

–Luísa Villalta é unha das escritoras e intelectuais máis completas da literatura galega do noso tempo. Foi unha excelente poeta, unanimemente recoñecida, e tamén unha destacada narradora, unha dramaturga pioneira, unha ensaísta de referencia e unha importante tradutora. Penso que sempre ha pagar a pena coñecer mellor unha voz integral e poliédrica coma a súa. A dedicatoria dun Día das Letras Galegas, fose cando for, sen dúbida podería axudar moito a isto.

–Adóitase falar de Luísa como unha poeta esquecida. Foi esa unha das principais razóns polas cales decidiu Vde. editar a súa poesía reunida?

–Se cadra non é tanto que estea esquecida coma que aínda non a demos redimensionalizado axeitadamente. Estou convencido de que, co paso dos anos, foi sendo unha poeta cada vez máis valorada. Pero é certo que o público en xeral e, sobre todo, as novas promocións lectoras apenas podían achegarse á súa escrita máis que por algúns poemas en antoloxías, revistas e publicacións espalladas por aquí e por acolá. Hai que pensar que as súas obras xa se publicaran había varios lustros e estaban esgotadas, así que non había maneira de atopalas nas librerías. Esta foi unha razón decisiva para volvelas editar agora por xunto, para que todo o mundo poida acceder comodamente a elas e coñecer a escrita da autora máis alá de poemas ou versos soltos.

–Ten dito Vde. que, malia pertencer á xeración dos 80, a poesía de Luísa Villalta conectou moi ben coa que facían as poetas xurdidas na década dos 90. En que senso conectou con elas: temática, estética…?

–A problemática xeracional é complicada de explicar no caso de Villalta. Resumindo moito, penso que podería dicirse que é unha poeta que comeza tendo converxencias co que adoitamos entender como Xeración dos 80 e que, co pasar do tempo, soubo camiñar, paralela e retroalimentadamente, coa chamada Xeración dos 90. Agora ben, nos seus derradeiros anos estaba xa noutra fase, que tiña elementos dos 80 e dos 90, si, pero que a singularizaban na súa poética. Por iso prefiro falar dela como unha escritora do tránsito do milenio ou da modernidade.

–Por outra banda, cales son os trazos diferenciais entre a poesía galega dos 80 e a da dos 90?

–Sobre este tema hai moita bibliografía especializada, así que non é doado sintetizalo en poucas palabras. Mais, para o caso de Luísa, entendo que a súa escrita coincide parcialmente coa das xentes dos 80 no coidado formal, na preocupación polo idioma, na amálgama de tradición e modernidade e en determinadas temáticas. Pero tamén é verdade que cadra en parte coa dos 90, pois hai versos seus que apostan pola narratividade, as ficcionalizacións complexas, a cuestión identitaria e, sobre todo, a afirmación en clave de muller. Así que, como digo, a poesía de Villalta fincaba as súas raiceiras neses chans nutricios, pero acabou arborizando alén deles.

–Precisamente as poetas que xurdiron nos 90 están hoxe en día a alcanzar a madurez. Incluso son as principais representantes da poesía galega que hoxe se fai. Segue sendo Luísa unha referencia para a poesía galega do século XXI?

–Sen dúbida. Luísa Villalta é unha poeta moi admirada e constitúe un referente para moitas das autoras dos 90 e tamén das promocións posteriores. Non hai máis que ver as veces que a citan nos seus versos ou en entrevistas ou os escritos que lle teñen dedicado para decatarnos de que así é.

–Luísa Villalta tamén escribiu relatos, novelas, teatro, ensaio… Quizais ocorre que a calidade da súa obra poética escurece todo o demais? Ou tamén nestes outros xéneros imos (re)descubrir unha gran narradora, unha escritora total?

–Villalta é unha autora total, unha creadora integral, que o fixo todo e todo con grande ambición estética. Sucede que foi unha poeta tan extraordinaria que iso tende a facernos abeirar o resto da súa escrita. Pero cando vaia coñecéndose máis a fondo a súa narrativa, o seu teatro, o seu ensaio e o seu labor tradutor decatarémonos de ata que punto estamos ante unha das grandes voces da modernidade.

–Luísa era tamén unha muller moi achegada á música. Que pegadas musicais atopamos na súa poesía?

–En realidade non só son pegadas. Toda a poesía de Luísa era música. Ou viceversa. E isto é así porque foi tamén unha virtuosa do violino (que era como a ela lle gustaba chamar o seu instrumento), pois cómpre lembrar que formara parte primeiro da Orquestra de Santiago e logo da Xove Orquestra de Galicia. Pero é que, ademais, o seu primeiro libro foi Música reservada (1991) e hai un ensaio seu que leva por título O outro lado da música, a poesía (1999), e aínda dedicou moitos outros textos a este vínculo interartístico.

–Ela morreu nova e deixou obra sen publicar. Cre que a (posible) edición deses inéditos vai acrecentar aínda máis a súa figura literaria?

–Morreu moi nova, si. Levouna unha meninxite cando tiña tan só 46 anos. E creo que si, que segundo vaiamos exhumando todos os inéditos que deixou, e que se conservan no seu legado depositado no Centro Ramón Piñeiro, acabaremos por decatarnos de que a súa figura é aínda meirande do que se cría. Xa comezamos a andar ese camiño e a finais do 2020 demos a coñecer As palabras ingrávidas, o derradeiro poemario que escribiu, pero virán moitas outras agradables sorpresas, pois aínda queda ben obra poética, narrativa, teatral, ensaística e tradutora súa por recuperar.

Compartir el artículo

stats