A poeta coruñesa Luísa Villalta, “unha autora plena”, será a nova homenaxeada

A RAG dedicaralle o vindeiro 17 de maio á narradora, ensaísta, filóloga e violinista, que “convoca pensamento construtivo e contraditorio, absolutamente en presente e necesario”

Luísa Villalta.

Luísa Villalta. / Cedida-RAG

M. de la Huerta / E. Carballo

A poeta, narradora, ensaísta, filóloga e violinista Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) será a protagonista do Día das Letras Galegas de 2024. A Real Academia Galega (RAG) dedicaralle o 17 de maio a “unha autora plena” que “convoca pensamento construtivo e contraditorio, absolutamente en presente e necesario”, en palabras de Margarita Ledo, unha das académicas que promoveu a candidatura da escritora e intelectual da Cidade Alta coruñesa, “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.

A homenaxe da RAG coincidirá co 20º aniversario do pasamento de Villalta, cuxo nome unirase así aos doutros autores vinculados á Coruña, como Manuel Murguía, Francisca Herrera Garrido, Manuel Lugrís Freire, Luís Seoane, Antón Vilar Ponte, Lois Pereiro ou Manuel María, aos que xa se lles dedicou a festividade das Letras Galegas.

A elección de Luísa Villalta como protagonista do próximo 17 de maio consumouse nun pleno ordinario da RAG celebrado onte no pazo municipal de María Pita. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, foi o encargado de comunicar a decisión, xunto coas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, principais impulsoras da candidatura da escritora e intelectual coruñesa, presentada tamén cos avais de Chus Pato, Manuel González, Manuel Rivas, Euloxio R. Ruibal, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, María López Sande e María Dolores Sánchez Palomino, e promovida polo Concello de Sada. Impúxose, por 14 votos fronte a 11, á outra proposta finalista, a do Cancioneiro popular, respaldada por Ana Boullón, entre outros académicos.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, xunto a Ana Romaní, Margarita Ledo e outros académicos, durante o anuncio da elección de Villalta, onte, no pazo municipal de María Pita. |   // CARLOS PARDELLAS

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, xunto a Ana Romaní, Margarita Ledo e outros académicos, durante o anuncio da elección de Villalta, onte, no pazo municipal de María Pita. | // CARLOS PARDELLAS / M. de la Huerta/E. Carballo

“Coa elección de Luísa Villalta como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2024, volvemos un pouco ao espírito das novas xeracións que construíron o discurso da cultura galega nos anos 90. Neste caso, igual que no seu día pensamos en Lois Pereiro ou en Xela Arias, volvemos outra vez a esta Galicia nova, que se está construíndo dende a ilusión, o esforzo e o talento”, destacou Freixanes, quen explicou que a proposta de Villalta como protagonista do Día das Letras Galegas de 2024 “foi encabezada” por Ana Romaní. Ao seu carón, a académica sinalou que un dos obxectivos deste recoñecemento para a autora coruñesa é o de “reencontrarnos cunha escritora que nos vai permitir pensar o presente”. “Luísa Villalta é unha autora con múltiples posibilidades de lectura, de diálogos con outras expresións artísticas, como a música, o teatro... Vai ser, agardamos, un ano de celebración”, resaltou.

Margarita Ledo, pola súa parte, asegurou que Villalta é “unha autora plena”, cun “sentido literal, da persoa que resinte á ultraidade e que convoca pensamento construtivo e contraditorio, absolutamente en presente e necesario”. “Pensamos que é a figura que necesitamos, neste intre, para a literatura, para o pensamento, para a acción e para paixón que moveu tamén toda a súa escrita. Esa escrita dende o íntimo, o máis persoal, convertida en algo comunal”, subliñou a académica.

Luísa Villalta naceu o 15 de xullo de 1957 na rúa Vila de Laxe, no barrio da Falperra, espazo vital fundamental que deixaría fonda pegada na súa obra. A poesía é o xénero que maior proxección lle reportou. Nela atopou a linguaxe por excelencia para a autoconsciencia, e a través dela indagou decote sobre o sentido da palabra literaria e do seu vínculo coa música. O título do seu primeiro poemario, “Música reservada” (Ediciós do Castro, 1991), visibiliza xa ese cruzamento entre dúas formas de expresión que a acompañaron sempre. Despois chegarían “Ruído” e “Rota ao interior do ollo” (Espiral Maior, 1995), e "En concreto", o último poemario que deixou listo en vida, recoñecido, en xaneiro de 2004, co XII Premio de Poesía Espiral Maior polo seu “carácter expresionista, o pensamento crítico maduro e o equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario”. Villalta tiña previsto presentalo en agosto, na feira do libro da Coruña, pero non puido facelo. Na madrugada do 5 ao 6 de marzo, falecía por mor dunha meninxite fulminante na mesma casa onde nacera, na Cidade Alta dos seus versos.

A Coruña é tamén protagonista de “Papagaio” (Laoivento, 2006), poemario no que imaxes da fotógrafa Maribel Longueira, que dan conta do proceso de demolición das antigas edificacións do que foi o barrio da prostitución coruñés, dialogan cos versos de Villalta, tecidos para lles devolver a dignidade ás mulleres que as habitaron e denunciar a especulación urbanística á que foi sometido ese espazo urbano.

A súa obra poética editada complétase con “As palabras ingrávidas” (Centro Ramón Piñeiro, 2020), unha edición facsimilar do poemario en construción que estaba a plasmar nas páxinas dun calendario poético do ano 2004 da casa lusa Assírio&Alvim. A creadora coruñesa deixou escrito un poema na folla de cada día, en diálogo cos textos impresos nelas, dende o 1 de xaneiro ata o 26 de febreiro, só unha semana antes do seu pasamento. A edición póstuma correu a cargo de Armando Requeixo, responsable tamén de Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2003) (Galaxia, 2023).

Alén da poesía, a protagonista do Día das Letras Galegas de 2024 cultivou con asiduidade a literatura dramática. Dende a publicación da obra teatral “Concerto para un home só” (1989) nos Cadernos da Escola Dramática Galega ata o seu pasamento, publicou máis de quince volumes: dende outras catro obras teatrais e o ensaio sobre o don Hamlet de Cunqueiro (1992) ata “As chaves do tempo” (2001), a súa última novela, e artigos de carácter xornalístico, alén doutros textos diseminados por publicacións.

[object Object]

A elección da poetisa e narradora coruñesa Luísa Villalta como protagonista do próximo Día das Letras Galegas motivou as felicitacións dun grande número de membros da política e da cultura galegas. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou nas súas redes sociais a “alegría” motivada pola nova, dicindo sobre Villalta que “son varias as xeracións que a tiveron de mestra”, mentres que a Consellería de Cultura aseguraba que haberá “moito que celebrar en 2024 para recoñecer a figura de Luísa Villalta”.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, falou de “boísima nova”. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a elección como “marabillosa” e referiuse á autora como “coruñesa orgullosa”, mentres que Marea Atlántica manifestou que “só podemos celebralo”. En Sada, onde deu clase e cuxo pleno aprobou en 2022 unha moción pedindo que se lle adicase o Día, o rexedor Benito Portela dixo que foi unha das “autoras imprescindibles da literatura galega do último cuarto do século XX”, e o grupo local do Bloque sinalou que “a cultura sadense está de noraboa”, xa que tamén foi elixida a veciña Montse Penas como Académica.

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, celebrou a “magnífica noticia”. Xa dentro do mundo académico e cultural, o Consello da Cultura Galega (CCG), sinalou que a finada foi relevante “pola forza da súa voz e polo seu compromiso social”, e a A Mesa pola Normalización Lingüística, da que foi membro, indicou que foi como “unha muller comprometida co activismo” na materia do idioma. Para o académico Manuel Rivas, a elección de Villalta amosou que “a RAG, esta vez, aposta pola vangarda incesante”, e o autor Miguel Anxo Fernán Vello referiuse a ela como “amiga inesquecíbel”. O escritor Antonio M. Fraga sumouse ás louvanzas cun poema da autora. A asociación cultural coruñesa Alexandre Bóveda compartiu tamén un poema, mentres que a conta de Twitter da rede de Bibliotecas da cidade amosou un corazón para celebrar a nova.

Suscríbete para seguir leyendo