“Unha bandeira para toda Galicia”

Anxo Angueira cualifica a Rosalía de Castro, que naceu tal día coma hoxe en 1837, como “o emblema da nosa dignidade”: “Festexamos o noso camiño, o noso futuro”

Román Rodríguez, falando no acto conmemorativo do nacemento de Rosalía de Castro, onte no Parlamento, en presencia de Miguel Santalices e Diego Calvo, entre outros.   | // XOÁN ÁLVAREZ

Román Rodríguez, falando no acto conmemorativo do nacemento de Rosalía de Castro, onte no Parlamento, en presencia de Miguel Santalices e Diego Calvo, entre outros. | // XOÁN ÁLVAREZ / M. González

M. González

M. González

O día da celebración do nacemento de Rosalía de Castro, a figura máis universal da cultura galega, pasou a festexarse dende o pasado ano, o 23 de febreiro, e non o 24 como se viña facendo ata entón. Novos achados da investigadora galega Sagrario Abelleira deron coa data real tras atopar no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid o expediente matrimonial para a súa voda con Manuel Murguía. Entre os documentos inéditos atopábase unha acta notarial de 1843 na que a súa nai a recoñecía como filla natural e na que subliñaba que a súa data de nacemento era o 23 de febreiro de 1837.

Este feito é unha proba do moito que queda por descubrir da autora galega, da que hoxe se celebra o 186 aniversario do seu nacemento. “De Rosalía imos sabendo pouco a pouco cousas, pero aínda van quedando moitísimas máis por saber e, sobre todo, por estudar e por interpretar”, afirma Angueira, doutor en Filoloxía Galega e profesor da Universidade de Vigo. “Rosalía é unha escritora que lle falou ós nosos antepasados, fálanos a nós e fálalle ás xeracións que veñen. É inesgotable”, engade.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, dixo onte no acto celebrado no Parlamento na súa memoria que “a semente que ela plantou deu os seus froitos” e que “grazas a figuras como Rosalía ninguén dubida de que o galego é unha lingua útil en todos os ámbitos”. Neste senso, Angueira asegura hai varios puntos que explican a dimensión de Rosalía de Castro na cultura galega. “En primeiro lugar, e aínda que sexa algo obvio, é unha muller”. E matiza: “Se nos paramos a pensar, os grandes representantes das literaturas veciñas europeas son todos homes e iso fala tamén do proxecto que ela encabeza”. Engade que “foi unha escritora que conectou moi ben co seu pobo, porque tamén era unha muller con moitísimo talento creativo, ela falou da emigración, dos excluídos, dos humillados, da dignidade que necesitaba Galicia para a súa lingua, para a súa cultura, para a súa paisaxe incluso”, relata: “Tamén deulle ese protagonismo que non tiñan ás mulleres, por iso os seus grandes perfís como autora son perfís que non morren, que seguen vivos, e por iso soporta moito mellor que outros autores o paso do tempo, por iso é unha autora contemporánea, porque o que escribe, escríbeo tamén para nós”.

Atreveuse Rosalía de Castro a romper barreiras e a dar voz ás mulleres nunha época na que non a tiñan. “Ela mesma o di en varias ocasións, como no prólogo de “La hija del mar”, tamén nun manifesto que se chama “Las literatas”, onde é moi consciente que ó ser muller pesan sobre ela uns prexuízos sociais e literarios, polo que defende a igualdade da muller escritora, pero tamén a social e política. Pon os ollos, sobre todo, nas mulleres excluídas, nas mulleres pobres e, cando fala da emigración, pon os ollos, sobre todo, na épica desas mulleres que quedan. Esa é a gran épica da emigración que nos desvela Rosalía de Castro. Tamén a épica diaria da que fala en “Miña casiña, meu lar”, onde fala desa muller que non ten nada practicamente na casa pero que consegue facer un caldo, un caldo sinxelo, humilde, pero reconfortante, que a alimenta e a fai feliz”.

“Na obra de Rosalía hai unha parte de poesía lírica que fai dela unha das grandes escritoras do século XIX español e europeo”, destaca Angueira. “É unha poesía que afonda no ser humano muller, nos grandes abismos do ser humano, coma no poema “Negra Sombra”, dunha profundidade extraordinaria, ou coma “En las orillas del Sar”. Canta á dor, á soidade, ás penas propias e alleas, pero tamén canta á alegría e á esperanza. De feito, nós convidamos a celebrar o Día de Rosalía coa “Alborada”, esa peza á que lle puxo letra, nun exercicio experimental, a unha música dun gaiteiro de Lestrove, e é unha letra marabillosa, simbólica, que fala de como hai que saudar un novo día: acabouse a noite, o frío, as sombras, así que celebremos o nacemento dun novo día con esperanza e alegría”. E vai máis alá: “Con Rosalía, para Galicia tamén nace unha esperanza, unha alegría”.

"Foi a primeira que tivo claro que había que loitar pola dignidade dunha lingua que consideraban bárbara, pola dignidade dun pobo que consideraban estúpido e pola dignidade dunha terra que se consideraba unha especie de inferno nese tempo

“Rosalía converteuse nunha bandeira para toda Galicia e é unha das poucas cousas que nos une e que nos representa no mundo”, subliña. “Ela é unha embaixadora universal, ademais de ser o emblema da nosa dignidade. Foi a primeira que tivo claro que había que loitar pola dignidade dunha lingua que consideraban bárbara, pola dignidade dun pobo que consideraban estúpido e pola dignidade dunha terra que se consideraba unha especie de inferno nese tempo”. Por iso, pola súa loita, é polo que é considerada “esa bandeira que nos guía”.

Co Día de Rosalía, Angueira sostén que “non só festexamos unha data, un nome, festexamos un proxecto, e ó celebrar a Rosalía celebramos ese proxecto. É o noso camiño, non é algo pasado, non celebramos uns restos, celebramos un horizonte, un futuro, porque Rosalía é iso, o noso camiño, o noso futuro”.

Asegura, deste xeito, que en Galicia Rosalía “ten un recoñecemento total e celebramos o seu día por todo o alto, na rúa, nas escolas, nas institucións... É unha muller celebrada, querida e amada, incluso por aqueles que nin sequera a leron a fondo, pero que que saben que é dos seus”. Ese achegamento á escritora é para Angueira a mostra de que “Galicia está viva e celébrase a si mesma, celebra ese proxecto de dignidade que hai detrás de Rosalía de Castro”.

Música, poesía e caldo na programación do día

O Parlamento de Galicia conmemorou onte o 186 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o principal referente da cultura e a literatura de Galicia cun acto de homenaxe que contou co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. “Rosalía de Castro reflicte universalmente o que somos e o que fomos”, dixo Angueira, que apuntou que “non coñece ningún Parlamento” que celebre un acto como este “sinxelo, pero simbólico á memoria de quen o represente literaria e culturalmente”. O acto contou coa lectura de poemas da escritora por parte da deputada socialista Noa Díaz, o do BNG Daniel Castro e o dos populares José Luís Ferro. O peche estivo a cargo do cuarteto tradicional Aire Xulia que interpretou a “Alborada” de Rosalía de Castro. Os actos oficiais de hoxe estarán repartidos entre Santiago e Padrón. Haberá unha lectura dos seus poemas por parte do alumnado do Instituto Camilo José Cela diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11:00 haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 186 anos. Ás 12.00, realizarase no Hostal dos Reis Católicos unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, que tocarán acompañados de Estela Pereira e Lía Ferrer, alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago. Pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller a sétima edición do Caldo de Gloria da man de Óscar Vidal, chef do asador O’Pazo. O broche final será a cargo da cantante e compositora Belém Tajes, na Casa-Museo, ás 20:00.

O Goberno galego tamén conmemora durante todo este mes o nacemento da súa autora máis loada a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, dos Centros de Estudos Galegos ou dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros escolares mediante a programación de actividades de divulgación -como faladoiros, obradoiros ou contacontos, entre outras- e materiais didácticos que poden consultarse no Portal da Lingua Galega.  

Pola súa banda, a Deputación tambén programa actos en Pontevedra e Vigo para celebrar o Día de Rosalía. Hoxe, no Pazo Provincial, ás 17:30 horas, e na mañá na sede de Vigo, ás 19:00. Será un espectáculo multidisciplinar conducido pola actriz Mónica Camaño, con ilustración, poesía e música.

Ademáis, o departamento de Cultura da Deputación organizou unha nova edición do concurso escolar ‘A Nosa Rosalía’, que este ano adopta o formato de colaxe, aberto a centros de Primaria e Educación Especial da provincia, que realizaron colaxes feministas con materiais reciclables sobre a vida e/ou obra de RosalíaO concurso organízase en tres categorías: Campaniñas (de 1º a 3º de Primaria), Airiños (de 4º a 6º de Primaria) e, como novidade deste ano, a categoría Paxariños, dirixida a Educación Especial. Os grupos gañadores coñeceranse durante o acto de hoxe no Pazo Provincial. 

Influencias de Verne, Allan Poe ou Victor Hugo

Nunha das últimas publicacións da Real Academia Galega, “Estudos de Onomástica Galega VII. A onomástica literaria”, Anxo Angueira asina un artigo sobre a antroponimia na figura e na obra de Rosalía de Castro: “No bautismo figuraba como María Rosalía Rita e familiarmente foi chamada Rosa, asinou con ese nome algunhas das cartas máis íntimas enviadas ao seu marido”. O filólogo cita o estudo do profesor Fernando Cabo Aseguinolaza (2020) que sostén que o nome Rosalía de Castro é unha construción póstuma, aínda que “La flor”, fose así asinada en 1857, o certo que é que despois asina case sempre como Rosalía Castro de Murguía. Despois de morta, sería coñecida con alcumes como Céltiga ovatesa (Francisco de la Iglesia), Rola de Galicia (Lamas Carvajal), Senhora da Saudade e da Malencolia (Teixeira de Pascoaes), Cantora do Sar (Borobó) ou “cun poderosamente inquietante Ela (Méndez Ferrín)”. Canto aos nomes dos personaxes da obra rosaliana, indica que, alén da súa significación poética, estas eleccións están influídas polas lecturas literarias de autores como Victor Hugo, Jules Verne ou Edgar Allan Poe.

Nivel “alto” y uso limitado a la “libertad”

El conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dijo ayer en el Parlamento que “nunca” ha habido en Galicia “un nivel de conocimientos, competencias y destrezas” en gallego “tan alto como ahora” y ha recordado que su uso responde “a la libertad de las personas”. Así lo ha dicho en respuesta a una interpelación formulada por el diputado nacionalista Daniel Castro, en la que alertaba sobre los datos de uso de gallego. Así, el conselleiro ha pedido “desvincular” el conocimiento del gallego de su uso.

Suscríbete para seguir leyendo