A verdadeira relación de Rosalía coa súa nai

Unha escritura orixinal ante notario de 1843 na que Teresa de Castro recoñece a súa filla demostra que se fixo cargo dela

Retrato de Rosalía aos  18 anos que gardaba  Eduardo Pondal.

Retrato de Rosalía aos 18 anos que gardaba Eduardo Pondal. / Louis Encausse

Este ano o Día de Rosalía de Castro celebrouse o día 23 de febreiro, non o 24, a data oficial na que se conmemoraba o seu nacemento dende sempre. Por que? Moito se leva investigado sobre a figura de Rosalía de Castro, a súa vida, a súa educación, as súas relacións familiares... Non obstante, aínda hai moitos episodios vitais descoñecidos ou con dúbidas de se realmente foron como se contaron. “Escribíronse miles de páxinas sobre ela pero a biografía de Rosalía segue a ser fragmentaria. Componse de secuencias con grandes intervalos cronolóxicos ausentes de documentación e por tanto de información. Estas lagoas só poden completarse a partir de novos descubrimentos documentais que permitan ir reconstruíndo as súas circunstancias vitais coa fiabilidade necesaria”, expresa Sagrario Abelleira, investigadora sobre a figura galega das letras máis universal.

Escritura notarial de 1843 na que Teresa de Castro recoñece a súa filla Rosalía   | FOTO: S. A.

Escritura notarial de 1843 na que Teresa de Castro recoñece a súa filla Rosalía | FOTO: S. A. / selina otero

O cambio de data ten que ver cun achado documental que supón un xiro radical nos datos cruciais da biografía de Rosalía. Trátase dunha documentación clave atopada a partir do expediente matrimonial de Rosalía e Murguía. A máis importante: a escritura orixinal matriz, ante o notario do distrito de Santiago Ángel Montero Patiño, na que a nai de ‘María Rosalía Rita’, Dona Teresa de Castro, recoñece a súa filla. Este escrito orixinal, descuberto pola investigadora galega Sagrario Abelleira, achega luz sobre varias cousas moi importantes. A primeira: que a escritora galega naceu o: “23 de febreiro de 1837 ás 04.00 horas”. E a segunda é a relación da nai coa filla. Rosalía era filla de Teresa de Castro, de familia fidalga, e de José Martínez Viojo, sacerdote da parroquia de San Juan de Ortoño. Quizais por esta condición de nai solteira había moitas sombras na relación materno-filial. Trascendera que Teresa non coidara a Rosalía durante un tempo, que estivera ausente na infancia da nena, incluso nalgún momento chegaron a tildala de nai “desnaturalizada” por non implicarse na educación da cativa. Pero os datos que se van coñecendo apuntan noutra dirección, segundo Sagrario. Parece ser que esta suposta despreocupación non foi tal. “Este novo documento de 1843 mediante o que Teresa de Castro recoñece como filla natural a Rosalía serve para reivindicar a importancia da relación maternofilial. Teresa de Castro foi denigrada, chegando a denominala ‘desnaturalizada nai’, por iso o feito de que apareza esta escritura notarial contribúe a demostrar que Teresa se fixo cargo da súa filla Rosalía, recoñecéndoa legalmente. Nai e filla vivían xuntas e amábanse, tal e como se pode comprobar nos sentidos poemas que Rosalía dedicou á súa nai Teresa tras falecer esta inesperadamente en 1862”, expresa Sagrario.

Escritura do consentimento para casar (1858).   | // S. A.

Escritura do consentimento para casar (1858). | // S. A. / selina otero

Por primeira vez ven a luz estes documentos, cedidos a FARO (escrituras orixinais matrices) para a súa publicación pola investigadora Sagrario Abelleira, logo de máis de tres anos de traballo que culminaron na obtención destas valiosas escrituras (esta, principalmente, datada en 1843, de recoñecemento da filla, e outra, de 1858: o consentimento materno para que Rosalía de Castro poidera casar con Manuel Murguía).

En canto á data de nacemento: “coñecíase a data de bautismo de Rosalía, o 24 de febreiro, no Hospital Real de Santiago, por conservarse no libro onde consta a partida de bautismo, pero descoñecíase a data exacta do seu nacemento”. “Os natalicios son importantes porque sobre a data de nacemento conmemórase a efeméride e ao ser Rosalía a gran escritora referente das letras galegas a certeza sobre a data de nacemento supón un dato relevante. Ante a ausencia de apoio documental, ata agora conmemorábase como Día de Rosalía o 24 de febreiro, o día do bautismo”, comenta Abelleira, quen apunta que a Xunta de Galicia oficializou o 23 de febreiro por acordo coa Fundación Rosalía e entidades culturais e educativas. “O cambio pode realizarse agora apoiándose nesta base documental sólida ao contar con esta escritura notarial que localicei e que contén a declaración firmada pola propia nai de Rosalía o 13 de xuño de 1843”, conta Abelleira. “Nesta declaración Teresa revela esta importante información do día exacto no que deu a luz a Rosalía. Detalla incluso a hora da súa chegada ao mundo: as catro da madrugada. Describe varios detalles que agora se incorporarán nas biografías, como por exemplo que foi ela quen encomendou a María Francisca Martínez que levara a bautizar á nena. Que foi aleitada durante seis meses en O Santo en Ortoño por unha muller chamada María que agora podemos identificar como María Mariño, muller do xastre Lesteiro, grazas ás investigacións de Lino Vilas Barbeito. Teresa explica tamén que despois deses seis meses Rosalía viviu en compañía da súa nai. De feito, que a nai en primeira persoa realice esta declaración ante notario fai que a información contida na escritura sexa fidedigna e eu considero que irrefutable”, apunta a investigadora.

“Dio a luz a una niña: María Rosalía Rita”

Transcrición da escritura na que Teresa de Castro recoñece a Rosalía

‘Escritura de reconocimiento que otorgó Doña Teresa de Castro, a favor de su hija María Rosalía Rita’:

“En la ciudad de Santiago a trece días del mes de junio, año de mil ochocientos cuarenta y tres. Ante mí, escribano, secretario contador del Gran Hospital de esta ciudad, y testigos, siendo presente doña Teresa de Castro, de estado soltera mayor que asienta serlo de la edad de veinte y cinco años, como lo indica su físico, y vecina de la villa del Padrón dijo: que en el día veinte y tres de febrero del año pasado de mil ochocientos treinta y siete dió a luz una niña que encargó a María Francisca Martínez, de la parroquia de San Juan del Campo, tragese a dicho Gran Hospital para que por uno de sus capellanes fuese bautizada solemnemente, como así lo hizo el que entonces era don José Vicente Varela y Montero, poniéndole el nombre de María Rosalía Rita, y siendo su madrina la misma conductora María Francisca Martínez, que volvió a recogerla en el propio día del bautismo, que fue el veinte y cuatro de dicho febrero, y seguidamente, con conocimiento de la otorgante, la puso para su lactancia en poder de una tal María, cuio apellido no tiene presente en este momento, y solo que era vecina del lugar del Santo, parroquia de San Juan de Ortoño, en cuyo poder ha permanecido unos seis meses, y al cabo de ellos pasó a la compañía de la que habla, en la que permanece, y mediante está plenamente convencida de que la referida niña María Rosalía Rita es la misma que la que otorga dió a luz en el día referido veinte y tres de febrero de mil ochocientos treinta y siete y hora de las cuatro de la mañana, pues aun cuando la partida de su bautismo hace referencia al año de treinta y seis, en esto padeció equivocación el capellán bautizante sin duda al tiempo de escribirla, para que tenga todas las consideraciones que las leyes le conceden y no sea perjudicada en las que le corresponden, la reconoce por su hija natural, para que pueda usar de su apellido y disfrutar de las más ventajas establecidas por derecho a cuyo fin se obliga solennemente (sic) a no revocar ni variar esta escritura de reconocimiento que otorga de su libre y espontánea voluntad, y por satisfacer los deberes de su conciencia queriendo por lo mismo que siendo necesario se le obligue a estar y pasar por su contenido, y a sus presuntos herederos. Y para que mas bien lo cumplirá se somete a las justicias de su Majestad y domicilio, para que se lo hagan haber por firme como si fuera sentencia consentida y egecutoriada, y acerca de ello renuncia todas las leyes y derechos de su favor con la general que lo prohibe. Así lo dijo y otorgó, firma, de que fueron testigos don Manuel María Barros, don Manuel Teigeiro y Manuel Díaz, vecinos de esta ciudad, de todo lo cual y conocimiento yo, escribano secretario, doy fe. Enmendado siete vale.

Teresa Castro (asinado).

Ante mí: Ángel Montero y Patiño (asinado e rubricado)”.

O notario: Ángel Montero Patiño (Santiago).   | // S. A.

O notario: Ángel Montero Patiño (Santiago). | // S. A. / selina otero

As rúbricas na escritura orixinal.   | // S. A.

As rúbricas na escritura orixinal. | // S. A. / selina otero

Trámites para casar nunha igrexa de Madrid en 1858

Nos últimos anos, tanto o epistolario de Murguía como a súa biografía elaborada por Xosé Ramón Barreiro, publicados co apoio da Real Academia Galega, “achegan gran caudal de información”. “Sobre Rosalía, primeiro as investigacións de Caamaño, Naya, Bouza Brey e Carballo Calero, e nos últimos anos os artigos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda resolveron importantes incógnitas. O primeiro tomo da biografía de Rosalía escrito por María Xesús Lama para a Editorial Galaxia recibiu o ‘Premio Nacional de Ensayo’ de 2018”, lembra Sagrario Abelleira.

O matrimonio Murguía-Rosalía mantiña unha correspondencia intensa pois Murguía pediulle no seu día á súa muller que lle escribira unha carta diaria. “Pero eses centos de cartas persoais remitidas pola súa muller foron destruídas por Murguía antes de falecer, en febreiro de 1923: ‘Como ya se acercan los días de la muerte, he empezado por leer y romper las cartas de aquella que tanto amé en este mundo’. Ademais, segundo varios autores, cando Rosalía faleceu queimaron documentos persoais e manuscritos que había na casa. Esta dobre destrución documental privounos de coñecer en voz propia e con amplitude os detalles da vida de Rosalía e os seus propios pensamentos e reflexións. As escasas cartas escritas por ela que se conservan foron transcritas e xunto ás orixinais son accesibles no ‘Epistolario’ dispoñible na web do Consello da Cultura Galega”, expresa a investigadora.

“O achado do expediente matrimonial de Rosalía e Murguía reliceino en febreiro de 2021, individualmente, contando coa colaboración do persoal do Arquivo Diocesano de Madrid. Trátase de 12 documentos inéditos, en total 43 folios. Pouco despois tamén localicei os dous documentos matrices orixinais no Arquivo Universitario de Santiago, alí estaban dende hai varias décadas. Son tamén inéditos. Trátase de 2 escrituras notariais, en total 4 folios. O Arzobispado de Madrid concedeume os dereitos de reprodución do expediente e son a editora xeral única do libro ‘Rosalía e Murguía datos e datas e documentos’, que se presentou en outubro de 2021 e contou co patrocinio da Xunta e o apoio da Fundación Rosalía”, conta Abelleira. Nestas imaxes: a reprodución da escritura notarial orixinal do consentimento de Teresa de Castro para o casamento de Rosalía e Murguía. “En la ciudad de Santiago a nueve de agosto año de mil ochocientos cincuenta y ocho: la señora doña Teresa Castro oriunda de la villa de Padrón, parroquia de santa María de Iria, de estado soltera...dijo: que doña Rosalía Castro su hija natural y de padre incógnito, menor de veinticinco años, también soltera, procedente de este pueblo y bautizada en este gran Hospital Real, de residencia en la Villa y Corte de Madrid, tiene deliberado casarse con don Manuel Martínez Murguía (sic) del propio estado, que igualmente lo está en aquel parage, hijo de don Juan Martínez farmacéutico en esta denominada ciudad...”.

Notario: José María Pego González Acebo (Santiago), coas firmas orixinais.   | // S. A.

Notario: José María Pego González Acebo (Santiago), coas firmas orixinais. | // S. A. / selina otero

A verdadeira relación de Rosalía coa súa nai

A verdadeira relación de Rosalía coa súa nai / selina otero