Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As outras Rosalías esquecidas

A dous días do 185 aniversario do nacemento da nai das Letras, urxe recuperar outras pioneiras como Nicolasa Añón, Filomena Dato ou Herminia Fariña

Filomena Dato, Pura Vázquez, Herminia Fariña e María Mariño, as outras Rosalías

Filomena Dato, Nicolasa Añón, Pura Vázquez ou Herminia Fariña. Catro nomes de poetas galegas xa falecidas que a meirande parte da poboación descoñece. Son as outras Rosalías inda que nin en vida nin trala súa morte tiveran o recoñecemento colectivo que merecen.

A dous días de celebrar o 185 aniversario do nacemento da nai das Letras Galegas un 23 de febreiro –ata agora pensábase que fora o 24 de febreiro–, non hai mellor xeito de honrar a memoria da autora de “Cantares gallegos” ou “Follas novas” lembrando o testemuño que recolleron dela outras mulleres que apostaron por escribir obra en galego e en poesía.

  • Nicolasa Añón

    Nicolasa Añón (1810-1887) foi unha labrega galega que non escribía pero compoñía poesía oral. Naceu dúas décadas antes que Rosalía. Un mestre anotoulle as súas composicións. Non as viu publicadas en vida, saíron do prelo 127 anos despois de ela morrer.

A académica da Real Academia Galega (RAG) Marilar Aleixandre ofrece varios nomes que deberiamos erguer ao panteón de ilustres das letras. Para comezar, elixe Nicolasa Añón.

“Esta muller da zona de Outes naceu no 1810, era a irmá de Francisco Añón [xornalista, poeta e precursor do Rexurdimento]. Era labrega, analfabeta e poeta. Nicolasa –explica Aleixandre– só sabía asinar”.

“Tiña un espírito poético que ten relación coa tradición oral e coa súa vida na aldea"

decoration

“Se temos textos dela é porque cando tiña 75 anos (ano 1886) lle ditou as poesías a un mestre. Estas foron publicadas no ano 2014. Ela é un exemplo de muller agochada e descoñecida”, engade Aleixandre quen subliña que a poeta quitáballe importancia ao que facía: “Máis tarde, había un xornalista de Noia que ía falar con ela e ante el está todo o tempo desculpándose por deixar de coidar o gando. Hai unha frase que se cita en todos os textos e que di “señor, non lle valen nada porque eu imaxínoos mentres debullo o millo ou acomerando as vacas”.

Ela, engade a académica da RAG, “tiña un espírito poético que ten relación coa tradición oral e coa súa vida na aldea. Non puido nin escribilo, nin velo impreso”.

  • Filomena Dato

    Filomena Dato (1856-1929) foi a segunda muller tras Rosalía en publicar un libro en galego. Titulouno “Follatos” e foi un poemario con forte ideoloxía feminista. Foi académica correspondente da RAG.

Outra figura que Aleixandre rescata é Filomena Dato, a segunda muller que escribiu un libro en galego. Nacida en Ourense no 1856, finou no 1926.

No mesmo ano da fundación da RAG, 1906, foi nomeada académica correspondente. “Rosalía de Castro xa morrera pero se chegara a estar viva, haberiamos ver –opina Aleixandre– se entraría porque as academias son un reduto de homes. Nese ano, a RAG tamén nomeou como académica de honra a Emilia Pardo Bazán e como correspondentes varias mulleres e cito a lista de Elena González: Carmen Beceira, Sofía Casanova, Emilia Calé, Clara Corral e Sarah Lorenzana”. Aclara que non lle consta que ningunha delas escribira en galego.

“Filomena Dato é unha muller interesantísima inda que practicamente non se sabe nada da súa vida"

decoration

Para Aleixandre, “Filomena Dato é unha muller interesantísima inda que practicamente non se sabe nada da súa vida. Ela escribiu en galego o libro “Follatos”, dedicado á infanta Isabel”. Publicado no ano 1891, engade que “é un poemario feminista, que rompe cos estereotipos de xénero”, ao tempo que tamén inclúe poemas a Galicia e Rosalía. Nun deles, mesmo canta á neve: “Por branca nevada/ os campos cubertos/ parecen desertos/ tan soilos están./¡Probiña d’ a y-alma/qu’ está mais deserta/ de neve cuberta/ d’ inverno e de vran!”.

  • María Mariño

    María Mariño (1907-1967). Ana Romanía reférese a ela como “a dinamiteira da fala”. Autores como Uxío Novoneyra rendéronse ante a súa obra. Dedicáronlle o Día das Letras Galegas no 2007 pero inda así a súa figura hoxe en día está un tanto esquecida.

Xa cun pé no século XX, Marilar Aleixandre rescata dúas outras figuras: María Mariño e Pura Vázquez. Se ben María Mariño –que Ana Romaní describe como “dinamiteira da fala”– tivo o Día das Letras Galegas do ano 2007, Marilar lamenta que caese no olvido.

"Foi unha muller culta e alfabetizada que viviu moito tempo no campo e o final da súa vida foi no Courel"

decoration

“María Mariño ten unha calidade poética enorme. Foi unha muller culta e alfabetizada que viviu moito tempo no campo e o final da súa vida foi no Courel. Foi publicada grazas a Uxío Novoneyra”, explica.

Mariño ten escrito versos como os seguintes: “Tiven medo de bogar/ tiven medo de auga crara/ Anque fora cuns bos remos(anque fora na mar calma,/ ¡non bogaba!, ¡non bogaba!/ O medo xa non sei del./ Xa secou aquelmar longo./ E sin saber donde veu,/ si é doutro ou é meu/ navego nun mar de fondo”.

  • Pura Vázquez

    Pura Vázquez (1918-2006) foi a primeira muller que empezou a publicar en galego despois da Guerra Civil. En galego escribiu principalmente poesía, inda que tamén sacou do prelo obras de literatura infantil.

Outro nome que propón é Pura Vázquez. “Foi a primeira muller que empezou a publicar en galego despois da Guerra Civil. Pura e Dora eran dúas irmás que moitas veces escribían textos a catro mans, pero Pura publicaba en revistas de Galicia e da emigración, poesía e literatura infantil. Compre ser considerada como unha pioneira”, defende Marilar.

  • Herminia Fariña

    Herminia Fariña (1902-1967) comezou de moi nova a publicar poesía tanto en castelán como en galego. No 1924 publicou a primeira obra teatral dunha muller na lingua de noso, a peza foi interpretada en Compostela.

Outra Rosalía, pero esta vez defendida por Martiño Picallo, é a poeta e dramaturga Herminia Fariña. “Ela, explica Picallo, non foi unha poeta vangardista. Ela prefería ser clara e doada de entender tanto se fose lida por unha persoa culta como se non”.

A vida de Herminia ben daría para un filme. Filla do xeneral José Fariña González, naceu no 1902, e casou tres veces e tres veces enviuvou. Viviu en América e en España. Escribiu tanto en galego como en castelán. Castelao ilustroulle a portada do seu primeiro libro “Cadencias” e no 1924 publicou en galego “Seara” sobre as lembranzas poéticas da súa nenez en Compostela. Esta obra obtivo un gran recoñecemento mesmo de poetas como Cabanillas. No 1927, asinou a primeira obra de teatro en galego escrita por unha muller, o poema dramático “Margarida a malfadada”.

Para Picallo, se Herminia non resoa máis é por publicar no 1937 “¡Por España y para España! (El libro del combatiente)”, poemas de exaltación do bando nacional en castelán e galego. Para el, “iso non significa que fose franquista. Só tiña un fillo nese momento; é viúva, quería salvar o pelexo de seu fillo e dela. Tivo que comungar con pedras de muíño”.

Compartir el artículo

stats