Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cidade que alumeou as primeiras letras de Rosalía

Vigo forma parte indisociable da biografía da poeta, pois na Rúa Real imprimiuse a súa primeira novela e varios poemarios

Gravado do mercado na Praza da Constitución de 1848 e retrato de Rosalía de Castro aparecido en Vigo a raíz da exposición que se fixo en 2013 co gallo do 150 aniversario de Cantares Gallegos. J.Forrester (Museo Quiñones de León) / María Cardarelly (Fundación Rosalía de Castro)

“Jamás ha dominado mi alma la esperanza de la gloria, ni he soñado con laureles que oprimiesen mi frente. Sólo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud. Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árabes en el desierto y el pirata en la mar”.

Publicado en 'El Álbum del Miño', unha antoloxía da literatura galega do século XIX, o artigo Lieders é un canto á igualdade da muller, á independencia e á liberdade. Do puño e letra de Rosalía de Castro e con data de 1858, este artigo está considerado polos expertos coma o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia, e probablemente en España, e foi alumeado por primeira vez en Vigo, da man do coñecido como o editor do Rexurdimento, Juan Compañel.

Este mércores conmemorouse o 185 aniversario do nacemento dunha das grandes mestras das letras galegas e o certo é que a cidade olívica forma parte indisociable da súa biografía, pois foi a contorna da Rúa Real, onde Compañel tiña situada a súa imprenta, a que viu nacer as súas primeiras letras de Rosalía de Castro, logo da publicación de 'La Flor', en Madrid.

O feito de que a poeta iniciara a súa produción literaria na cidade de Vigo non é casual, e é que detrás do taller de Juan Compañel atópase un grupo de progresistas que inician o traballo da mesma coa impresión do xornal La Oliva. Entre eles pode atoparse aos irmáns Chao, que tal e como explica Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía, Cum laude e Premio extraordinario de tese da Universidade de Vigo por 'La Oliva (1856-57). Un xornal progresista e provincialista na soleira do Rexurdimento', “tiñan unha relación próxima a Rosalía, tanta, que son familia. A casa coñecida como Torres de Lestrobe, onde viviu a poeta, era da familia dun cuñado da nai, dos Hermida, e é por esa rama materna que lle son familiares os Chao. De feito, a súa filla Alejandra leva ese nome por Alejandro Chao, que foi o propio padriño da nena. É por isto que parte da obra de Rosalía de Castro foi editada en Vigo, por esa estreita relación que mantiña cos irmáns Chao”.

Capa orixinal de Cantares Gallegos, impreso no taller de Juan Compañel. Este exemplar consérvase tal como saíu da imprenta, sen encadernación posterior, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña. Á dereita, prego manuscrito con cantares populares, moitos deles utilizados na composición dos poemas de Cantares gallegos, do Arquivo Histórico Municipal da Coruña. Fundación Rosalía de Castro

Antes de que a imprenta de Compañel saque á luz o primeiro exemplar de 'Cantares Gallegos' en 1863, con tan só 22 anos Rosalía de Castro escribe a que constitúe a súa primeira novela, 'La hija del mar', sendo impresa neste mesmo taller vigués en 1859. Sería precisamente nesta data cando, por una ausencia de Juan Compañel na cidade, o marido da poeta e tamén escritor, Manuel Murguía, acaba desprazándose á urbe viguesa para facerse cargo do xornal, que naquel momento xa fora rebautizado como El Miño, debido ao peche e censura que sufrira La Oliva por parte do goberno conservador. Seguindo os pasos do seu home, Rosalía tamén acaba afincándose en Vigo, mais a súa estadía na cidade apenas superaría os cinco meses.

“Hai constancia de que Rosalía e Murguía viviron nun cuarto da propia imprenta de Compañel, dise que no primeiro andar. Pero aquí é importante destacar que daquela a imprenta non estaba situada onde hoxe podemos ver a placa conmemorativa, senón uns números máis abaixo e á marxe esquerda. Posteriormente si se trasladaría ao número 12 da Rúa Real, pero cando eles viviron aí e mesmo cando se editou 'Cantares Gallegos', a imprenta non estaba localizada aí”, comenta Xurxo Martínez, quen leva practicamente unha década guiando un roteiro polo casco vello de Vigo arredor da figura da poeta e o Rexurdimento.

Sobre a estadía do matrimonio en Vigo, a filóloga lucense María Xesús Lama recolle nunha publicación un comentario do ex alcalde Joaquín Pérez Boullosa, sobre a impresión que causaba a parella cando paseaba polas rúas viguesas.

Neste senso, Pérez Boullosa escribía: “Al principio hizo gracia la diferencia de estatura de los dos esposos, cuyo contraste elevaba aún más la de Rosalía... pero luego las gentes ya no vieron en ellos más que al escritor ya renombrado en plena juventud y a la poetisa gloriosa”, concluye.

A seguinte obra que Rosalía publicou en Compañel foi o poemario 'A mi madre', en 1863, logo do pasamento da súa nai e, por fin, meses despois, Vigo sería o berce da primeira obra publicada en galego tras os Séculos Escuros, 'Cantares Gallegos'. Rosalía devolvía así o idioma a un lugar que nunca debera ter abandonado, ao seu carácter de lingua culta e ao eido literario, dando comezo o Rexurdimento en Galicia. A súa publicación tivo lugar un 17 de maio e é por isto que é celebrado cada ano nesta data o Día das Letras Galegas. FARO DE VIGO recolleu unha primeira crítica moi positiva do poemario, asinada por José María Posada, e en 1881 entonouse por primeira vez La Alborada nas festas do Cristo, con Rosalía de Castro aínda viva.

Homenaxe a Rosalía da Rúa Real de Vigo. PABLO HERNÁNDEZ

Poesía, música e flores na súa memoria

A Rúa Real, no Casco Vello vigués, encheuse este mércores da poesía de Rosalía de Castro, de música e flores como homenaxe á poeta con motivo do 185 aniversario do seu nacemento. O acto foi organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Cultural O Castro fronte ao emprazamento da histórica imprenta de Juan Compañel.

Compartir el artículo

stats