Axuste de contas e frases feitas

Parágrafos previsibles

César Lorenzo Gil

Un home detido pola Garda Civil, camiño da Audiencia Nacional, en Madrid, inicia un parzamique delirante onde recorda varios episodios da súa vida. Camareiro, escritor premiado, blogueiro e accidental promotor de atentados terroristas, durante toda a novela a súa voz cae en fervenza en base a un estilo coloquial pedestre e nutrido de referencias máis ou menos populares, metáforas obvias, anécdotas con nivel para aparecer en Oregón TV e moitas frases feitas. O día que lle puxen lume a unha libraría de vello ensaia un ton humorístico nihilista coherente co personaxe protagonista que funciona nas primeiras páxinas pero que se consome conforme avanza a novela porque, igual ca un deses malabaristas do balón que dan cincuenta toques sen deixala caer ao chan, esgota os trucos e as forzas demasiado cedo.

A lingua coloquial non pasa de ser un bordón expresivo. Cando a novela necesita unha voz con personalidade, orixinal, que propoña unha visión literaria do universo que relata, atopamos, pola contra, parágrafos e máis parágrafos previsibles, metade mala escritura automática, metade simple palla. Onde Fernández Barba ten oportunidade de mudar completamente de rexistro, no informe policial que funciona como epílogo, non consegue librarse do estilo “opinativo”.

En canto á trama, a obra parecía máis destinada a ser un relato longo que a unha novela curta e nótase que ao autor lle entrou medo a rematar o libro pola páxina 70. O máis destacable desde o punto de vista argumental do libro é como Fernández Barba converte en ficción a súa propia experiencia como autor premiado. Autor e narrador comparten teren gañado un premio e “sufriren” os encordios dunha práctica editorial deficiente. Tras anos “denunciando” nos seus perfís públicos estas prácticas é lóxico que o lector se interese por esta novela atendendo ao “morbo” da develación e crítica do funcionamento de certos galardóns literarios. Nesta parte, O día que lle puxen lume a unha libraría de vello pode satisfacer certa curiosidade, mais a escolla dunha única voz, tan connotada, parcial e próxima aos feitos, só permite obter unha versión, resentida e pouco documentada, desas “maldades do sistema literario” que Fernández Barba leva expoñendo desde a publicación de Transición, que gañou o Premio Vicente Risco no 2015. Desas fontes bebe o relato central desta novela, con axuste de contas literario incluído contra o presidente do xurado que o premiou daquela, cuxo trasunto nesta obra é moi evidente, e tamén contra Sotelo Blanco, primeira editorial encargada de publicar aquel libro. Mais en ningún dos dous casos descobre nada relevante senón que se conforma cun formato aspirante ao libelo e ao lercheo ocioso.

Axuste de contas  e frases feitas

Axuste de contas e frases feitas / César Lorenzo Gil

FERNÁNDEZ BARBA, P., O día en que lle puxen lume á libraría de vello, Morgante, Cangas, 2021, PVP. 15 €

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS