O BNG de Sanxenxo califica de “nefasto” o ano municipal: “Máis impostos aos veciños e sentenzas desfavorables”

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo define como “nefasto” o primeiro ano de goberno do alcalde Telmo Martín. “Ademais das deficiencias que presentan varias infraestruturas e o mal funcionamento de distintos servizos, especialmente no rural, consolídanse máis impostos, con máis custes para a veciñanza; máis sentenzas urbanísticas desfarovables e un incremento de soldos para o Partido Popular”. Así de rotundo se amosa o voceiro do BNG, Fran Leiro, cando fai balanzo da xestión do goberno local desde que revalidou a súa maioría absoluta. “Temos uns impostos máis altos, con subas ás que os veciños e veciñas de Sanxenxo xa estamos a facer fronte. Atopámonos tamén cunha resolución xudicial desfavorable sobre os terreos das Cunchas, que traerá como consecuencia o pago total de 15 millóns de euros”.