Cinema, poesía, folk e xogos populares na programación de maio de “A Pedreira”

O Centro Social organiza diferentes actividades vinculadas ao “mes da Lingua”

REDACCIÓN

O Centro Social A Pedreira organiza un programa de actividades para este mes de maio. Así, ten previstas distintas actividades que comenzan este venres, 10 de maio, coa proxección do filme O Diamante Galego e seguidamente haberá un coloquio para o que se conta con persoas que participaron na gravación do filme.

O sábado 11, en sesión vermú 13.30, contarase coa actuación do duo artístico Aldaolado. Dúas poetas galegas de consolidada carreira que tratan temas de interese colectivo como a lingua, o amor romántico ou a igualdade de xénero sempre a través do humor, a poesía e a música. E a partir das 21.00, concerto de Curtidoira Folk, agrupacion musical que achega unha recopilacion das cantigas que fixeron e fan parte do noso patrimonio musico cultural.

Na fin de semana das Letras Galegas e en colaboración co Concello de Pontevedra, o 17 de maio haberá unha “Ruada pola língua” (saída ás 20.30 desde a Praza da Peregrina) e seguidamente concertos na Praza da Pedreira.

O sábado, 18, haberá xogos populares, animación familiar e música na rúa Serra. Ao mediodía haberá un xantar no centro social. As persoas interesadas poden inscribirse a través dun formulario do colectivo. Tamén, pódese visitar ao longo do mes, a exposición de fotografía de Elena Bush “Sáhara é nome de muller”. A exposición pretende achegar a realidade dos campamentos de refuxiadas saharauis.

O Centro Social A Pedreira, ubicado na Rúa Serra 36 de Pontevedra, “nace coa vontade de transformar a vida social e cultural, promocionar a lingua e cultura, defender a natureza e loitar pola igualdade entre persoas e pobos”, expón o colectivo.