Cotobade conecta con Brasil co vínculo de Nélida Piñón

A Cidade da Cultura acolle unha lectura de textos de escritora polo 87 aniversario do seu nacemento

Un momento do acto celebrado na Cidade da Cultura.

Un momento do acto celebrado na Cidade da Cultura. / FdV

R. P.

Cerdedo-Cotobade tivo onte un protagonismo especial na lectura continua e simultánea con Río de Xaneiro do libro “A República dos Soños” en homenaxe á súa autora a escritora galico-brasileira con profundas raíces en Cotobade, Nélida Piñón, falecida en 2022 e da que se cumpriu onte o 87 aniversario do seu nacemento en Brasil. Celebrouse na tarde de onte na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e ademáis da lectura do alcalde, Jorge Cubela, sumáronse alumnos do municipio.

Intervención de Jorge Cubela.   | // FDV

Intervención de Jorge Cubela. | // FDV / R. P.

Esta iniciativa está promovida pola Asociación Galega da Lingua en colaboración coa Academia Brasileira das Letras que desde Río de Xaneiro e de xeito simultáneo homenaxearán á escritora galaico-brasileira coa lectura simultánea e que foi retransmitida en streaming por internet para evidenciar os lazos que unen a ámbalas dúas comunidades a través da vida e obra de Nélida Piñón.

O acto comezou na Cidade da Cultura, en Santiago, ás 17.00 horas seguindo a seguinte orde de lectura: iniciou este labor Lino Piñón, primo de Nélida Piñón; logo seguiulle Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Jon Amil, presidente de AGAL (Asociación Galega da Lingua); Jorge Cubela, alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Carmen Vilariño, investigadora sobre a obra de Nélida Piñón para continuar despois coa lectura representantes do alumando de Cerdedo-Cotobade, artistas, intelectuais, etc. ata completar o elenco Darío Villanueva, ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela e amigo de Nélida Piñón, que pechará a lectura pública.

Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción por ter participado tanto el como a veciñanza de Cerdedo-Cotobade nesta homenaxe internacional que “vén a unir a toda a Galicia Universal na persoa de Nélida Piñón, unha escritora que sempre tivo so pes na terra e o corazón na nosa Galicia. A ausencia de Nélida deixa un baleiro importante, pero tamén é certo que todo o seu legado énchenos de orgullo polo que merece ser recoñecida e lembrada para sempre por nós e o mundo da cultura galega como unha auténtica mediadora e tendedora de pontes entre a Galicia do exterior e a Galicia territorial, entre os galegos de alén do mar e os de aquí, en definitiva foi unha auténtica creadora da Galicia Universal, un exemplo a seguir e unha muller que, sen dúbida, marcou unha época e unha tendencia”, indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.

Nélida Piñón faleceu o 17 de decembro de 2022 en Lisboa e mantiña fortes vencellos con Galicia, sobre todo con Borela, terra do seus avós, e lugar de evocación da súa infancia. A Casa da Cultura desta parroquia leva o seu nome ao igual que un premio de narrativa que promove o Concello de Cerdedo-Cotobade. Xornalista de formación, Nélida Piñón atesourou infinidade de recoñecementos e premios como o Príncipe de Asturias das Letras, o Juan Rulfo ou o Menéndez Pelayo. Tamén presidiu a Academia Brasileira das Letras e foi académica de honra das Letras Galegas.