O ano de Luísa Villalta séntese tamén no comercio

Pontevedra sumouse á celebración con descontos nos libros e máis particulares homenaxes á autora coruñesa

A docísima homenaxe da confeitería Capri á poeta Luísa Villalta

A docísima homenaxe da confeitería Capri á poeta Luísa Villalta / Rafa Vázquez

Gala Dacosta

Gala Dacosta

Que a lingua estea viva comporta tamén que ande nas rúas, nas tendas, nos bares. É porén necesario que se merque e se goce do ocio en galego, que se lembre en todos os ámbitos as autoras e os autores que manteñen coas súas verbas a viveza dun idioma que é ferramenta diaria tanto como motivo de honra polo seu valor patrimonial.

Eurekakids tamén incentiva a lectura en galego pola semana das Letras.  | // GUSTAVO SANTOS

Eurekakids incentiva a lectura en galego pola semana das Letras. / G. Santos

Deste xeito, un ano máis, fóra das bibliotecas e dos actos oficiais, as Letras celébranse estes días nos negocios de Pontevedra, que ata hoxe, sábado, ofrecen promocións e mesmo actividades dinamizadoras co gallo da Semana das Letras. Por iso, como cada ano, Meichu Collado coloca no escaparate da confeitería Capri da rúa García Camba unha torta ou algún doce decorativo con motivo do Día das Letras Galegas. Faino en conxunto coa Libraría Escolma, que lle empresta unha serie de libros para completar esta docísima homenaxe.

Así, nesta ocasión, a carón da clásica torta rusa e tamén da torta de améndoa (ou de Santiago), a poeta da Coruña aparece retratada en dous chocolates polos obradores da propia confeitería. “Facémolo todos os anos en conmemoración ao autor dese ano, con serigrafías e letras”, explica Collado. “Hai flores de tempo/no xardín/mais, se as corto,/desaparecen”, reza unha destas enormes libras de chocolate.

Á obrigada pregunta de se é posible adquirir esta libra-homenaxe da poeta, a dona da tenda responde que non foi concibida para tal destino, pero que “se alguén a quere...”.

Outras tendas emblemáticas que desde sempre renden homenaxe ao autor ou autora das Letras son, por suposto, as librarías. A Escolma ofrece, neste caso, un 10% de desconto sobre calquera libro en galego e non só libros da autora que se celebra este ano: “Queremos potenciar a lectura de autores galegos e en galego, tamén editoriais que empregan o galego”, indica Elísabet Lemos mentres amosa títulos de Ledicia Costas, Sara Vilas ou Armando Requeixo.

Día das Letras Galegas na libraría Escolma

Día das Letras Galegas na libraría Escolma / Gustavo Santos

“Normalmente, o que facemos sempre é un desconto e ademais, un pequeno agasallo.” Este ano, a Fundación Xistral mandou uns libriños pequenos, “Mulleres de sempre”, con textos de Ledicia Costas; a recentemente galardoada co Vidal Bolaño 2024, Rosalía Fernández Rial; Eva Mejuto e Marica Campo, entre outras.

Pola súa banda, para promover a lectura en galego dos máis cativos, a xoguetaría Eurekakids ofreceu toda a semana unha promoción pola que, coa merca dun libro en galego, dan de agasallo unha flor de Lego para construír, como unha sorte de reminiscencia do Sant Jordi. Trátase da primeira ocasión que esta tenda destinada ao público infantil e con sede en Girona leva a cabo esta iniciativa en todas as sucursais galegas. “Está a funcionar ben. É unha maneira de que os nenos se animen máis a ler contos en galego”, indica unha empregada do negocio, Andrea Aboal. Hoxe seguirá en uso a promoción neste local da rúa García Camba, á espera de que máis nenos e nenas se interesen por iniciarse na lectura na lingua da terra. Queda claro que a lingua é valor seguro para fomentar calquera ámbito.

Suscríbete para seguir leyendo