O pleno aproba por unanimidade a solicitude de Interese Turístico da Festa da Ameixa de Campelo

Considera que cumpre coa antigüidade, despois de 35 anos, arraigo, singularidade e valor cultural

REDACCIÓN

O pleno municipal de Poio aprobou de forma unánime a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo. O acordo plenario unirase agora ao resto do expediente e remitirase para a súa valoración á Axencia de Turismo de Galicia, que terá cinco meses para resolver. A proposta foi defendida pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que recordou que “pese a sermos un municipio de interese turístico, ata o de agora ningunha festa tivo esta consideración”, e subliñou o seu convencemento de que “por historia e arraigo, ningunha festa mellor para inaugurar ese recoñecemento que a Ameixa de Campelo”.

Resaltou que despois de 35 anos, a Ameixa de Campelo “transmite os valores relacionados da cultura mariñeira e marisqueira da vila de Campelo e representa unha oportunidade enorme para Poio polo que supón de desestacionalización e sostibilidade turística, pero tamén de posta en valor dos nosos produtos e a nosa xente do mar” e cumpre todos os requisitos esixidos para ser considerada de interese turístico.

Así, repasou cada unha das esixencias da Lei: “Cumpre a antigüidade, xa que se celebra desde 1988, pero tamén coa continuidade, xa que se hai algo máis difícil que comezar a celebrar unha festa exitosa e facelo todos os anos con implicación e participación”. Como explicou, cumpre tamén o criterio da singularidade, “é que todos os que coñecemos a Ameixa sabemos que é unha festa única como é Campelo e a súa xente. Campelo ten personalidade e a súa Festa tamén”.

Cumpre co valor cultural, e co do arraigo, “porque que despois de 35 edicións a Festa está na conciencia e na identidade dos veciños de Campelo pero tamén de todo Poio, e está consolidada plenamente como unha festa gastronómica, pero tamén cultural e popular, clave da ría de Pontevedra a grazas ao volume de poboación local, visitantes e turistas que se achegan ata Campelo en cada edición.”