O evento “LGx15” trae ao Teatro Principal propostas de futuro para a lingua galega

Será o sábado 28 de outubro, a partir das 19.00

Presentación do evento do “LGx15”.   | // FDV

Presentación do evento do “LGx15”. | // FDV / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A novena edición do “LGx15. Ideas para o futuro da lingua”, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 28 de outubro, a partir das 19.00 horas. O LGx15 configúrase como un evento que xunta diversas charlas breves, nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma galego, a través tamén da música e humor.

As persoas convidadas á novena edición do LGx15 son: Paco Veiga (mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que empregará o valor das palabras para falar da situación lingüística actual), Carlos Airas (emprendedor nos sectores deportivo e cultural, quen relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma), Magdalena Sánchez (tradutora audiovisual e subtituladora, quen fará unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores), Kiko da Silva (historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de BD O Garaxe Hermético, quen explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua) e Fran da Lobeira (youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, quen fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube). Conducirá o evento a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, quen tamén explicará as súas experiencias e consellos para o futuro da lingua. Actuará Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai.