Testemuña viva da represión

A Deputación de Pontevedra agasalla a Nieves Martínez, de 103 anos, que foi rapada en 1936 como represalia pola ideoloxía de seu pai

Visita á centenaria de Marín.

Visita á centenaria de Marín. / FdV

R. P.

A deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, acompañada da técnica Montse Fajardo, visitou este xoves a Nieves Martínez para agradecer a súa colaboración na campaña “Cae de Caixón”, un proxecto de recompilación de imaxes relacionadas coa memoria histórica na provincia.

A muller, de 103 anos, foi a primeira persoa que, a través da súa filla, entregou as súas fotografías para incluílas no Arquivo Histórico e poñelas a disposición de persoas investigadoras a través do buscador AtoPO. Entre as imaxes cedidas, hai fotos dela mesma cando era nena despois do golpe do 1936, rapada como represalia polas actividades do seu pai, concelleiro de ideas republicanas no Concello de Marín.

A propia Nieves lembrou o momento da súa rapa, con 16 anos, e a da súa irmá, rodeadas de crianzas que miraban como lle cortaban o pelo e “dun soldado alemán” que facía brincadeiras. As fillas lembraron que eses feitos producíronse en represalia pola ideoloxía de seu pai, Modesto Martínez, concelleiro no 1931 en Marín. Entón el era responsable de cemiterios.