Premio ourensán pola viaxe no metaverso da protagonista das Letras Galegas 2024

A Consellería de Cultura, na modalidade de Secundaria e FP, outórgalle o galardón ao CIFP A Carballeira polo seu proxecto “innovador” no marco do certamen cultural galego

Parte do equipo que foi galardoado co premio cultural, no CIFP A Carballeira. |   // IÑAKI OSORIO

Parte do equipo que foi galardoado co premio cultural, no CIFP A Carballeira. | // IÑAKI OSORIO / A.G.T.

As Letras Galegas este ano van adicadas a Luísa Villalta. Unha escritora coruñesa polivalente que faleceu hai 20 anos deixando unha gran colección de reliquias literarias. Onte, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, entregou ao CIFP A Carballeira o premio do concurso-exposición Letras Galegas 2024, namodalidade de Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial.

O traballo gañador, “Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta”, destaca polo seu “carácter innovador” ao amosar a protagonista das Letras Galegas como “un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que se dispoñen imaxes, recursos e actividades interactivas”.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o valor deste proxecto pois “trátase dunha excelente exposición e guía para traballar co alumnado na sociedade actual, na que as tecnoloxías da comunicación están moi presentes no eido educativo, laboral e cotián”.

A exposición vai acompañada, ademais, dunha guía didáctica que orienta o percorrido polos carteis e contribúe ao coñecemento e divulgación de Luísa Villalta e da súa época, na que “colaboraron alumnos de oito ciclos formativos diferentes, ademais dun grupo de profesores de distintas especialidades”, remarcou Judith Fernández.

O certame

O Concurso das Letras Galegas está organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co fin de divulgar a figura e o legado da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. O certame, que se realiza todos os anos, conta con dúas modalidades: a correspondente a Educación Infantil e Primaria e a de Educación Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial. Na modalidade de Infantil e Primaria fíxose este ano co galardón o Colexio CEIP Raquel Camacho da Coruña polo seu traballo Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar. Nel destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recurso diversos. As exposicións e guías dos dous traballos gañadores nesta edición do concurso chegarán a case 2.000 puntos de destino e están dispoñibles en versión dixital no Portal da Lingua Galega.