Opinión

Que circulen as ambulancias

Fai anos escoitei esta historia. O tempo desfixo os detalles pero o fundamental permanece. Situémonos en Cidade de México. Xusto nese día no cal algún equipo de fútbol triunfa por todo o alto. Un xentío colapsa –aínda máis– a maior das cidades de América. Nunha ambulancia, alguén precisa con urxencia asistencia médica. A mala sorte ou a falta de pericia do condutor fan que acabe atrapado na gran avenida. Aí, onde miles de siareiros festexan o gran éxito. Por máis intentos, o vehículo nin avanza nin recúa. E quen se atreve a enfrontar unha multitude bébeda pola vitoria? O ferido acabou falecendo, eso si, rodeado dunha felicidade desbordante.

Escribo isto descoñecendo se o Celta poderá clasificarse de xeito matemático para manterse en Primeira. Desexándoo pero sen sabelo. A verdade é que o merece, merecémolo. De feito, agora que o Depor sobe á Segunda, case mellor agardámolo arriba, no canto de baixar a recibilo. Por iso pensemos: esta xornada é a escollida para a festa (e senón, a vindeira). Mais lograrémolo e tocará ir a Praza América, para cantar e deixarse levar por esa euforia sen moito sentido pero que compartida parece menos estúpida. E, no fin da noite, pensar “canta falla dun día así”. Unha bola extra. Vestirei celeste, brindarei con amigos, con descoñecidos e, nin por un segundo, pensarei nas eleccións europeas, na guerra de Ucraína ou no xenocidio Palestino a mans do exército israelí. Para que?, quen fala diso en Balaídos? Só serei un tipo feliz, tocado pola dozura da permanencia. Esquecerei a fraxilidade do sistema sanitario, nada de pensar na desfeita educativa, tampouco o problema da vivenda, a pesar de que sobren pisos turísticos e se edifiquen hoteis ao ritmo tolo que se despachan empanadillas no Bar Carballo. Tampouco entrarei a valorar os plans de Altri en Palas, nin debaterei sobre a necesidade dun Perte do automóvil eléctrico ou preguntarme polos motivos da prórroga na concesión de Audasa (da que a UE sigue pedindo explicacións). Nada. Prométoo. Disfrazareime de “cidadán exemplar”, satisfeito co máximo logro do deporte galego, vigués. Ás veces toca actuar así, facendo ouvidos xordos ás trivialidades e centrarse na gloria balompédica.

O desconsolo ven cando a excepción tórnase cotiá. E xa non é un día, senón que o son todos. Cando despois de ver tantos afogados aboiando no Mediterráneo pensamos que son bañistas. Cando se dispare o quecemento global e sigamos defendendo que a crise climática é un invento. Cando as mentiras, de tanto repetilas, teñan máis forza que a propia verdade que nos rodea. Por iso, se gaña o Celta –sendo realistas– haberá moito a festexar mais pouco do que presumir. E as ambulancias, deixémolas circular.

Suscríbete para seguir leyendo