Galicia, distrito industrial
O martes pasado participei no Ateneo de Vigo na presentación dun libro co título que encabeza esta columna. A obra de Antón Baamonde e Daniel Hermosilla, publicada por Galaxia, sorprenderá a máis dun. Porque fala da Galicia industrial en positivo, da extensa nómina de empresas, moitas delas de natureza e orixe familiar, con alto valor tecnolóxico e internacionalizadas, capitalizadas con maquinaria de última tecnoloxía, e con talento. Un feixe de empresas que se concentra nalgúns sectores interconectados, o que abre a posibilidade de estratexias cooperativas que nos permitan dar un paso adiante seguindo o enfoque do concepto de distrito industrial.
¿Como encaixa o anterior coa idea, non pouco estendida, de que Galicia está inmersa nun proceso de devalo industrial para convertermos nun páramo? Fundamentalmente, pola existencia dun sesgo informativo. Nos medios de comunicación, nos debates políticos e nas conversas falamos das empresas en problemas, das ameazas ou realidades de peches, das crises. Falamos de Alcoa, de Vestas, Barreras, Celsa o Poligal; das térmicas de As Pontes e Meirama. E falamos con razón. Porque deixan no paro a moitos traballadores e baten a comarcas enteiras.
Onde nos trabucamos é ao esquecermos falar tamén da expansión de moitas outras firmas. Só por dar catro nomes, comparemos as cifras de facturación e emprego en 2000 e 2023 de Aceites Abril en Ourense, de Estrella Galicia na Coruña, de Norvento en Lugo e de Delta Vigo en Pontevedra. Só esas catro compensan o perdido en moitas outras. De feito, se queremos facer unha diagnose acaída, o que temos que facer é coller as estatísticas agregadas e comparar o que ten pasado nos últimos vinte anos en Galicia co ocorrido no resto das autonomías: o valor engadido bruto industrial medrou máis en Galicia que na maioría, incluíndo País Vasco e Cataluña.
Por suposto, podemos e debemos mellorar. Podemos axustar políticas autonómicas e reducir carga burocrática que pouco aporta en seguridade ambiental, laboral ou doutro tipo, e que frea os pulos emprendedores; debemos conectar mellor o sistema de I+D galego co tecido produtivo; podemos axudar ao sector privado a detectar oportunidades, como está facendo hoxe a Sociedade Impulsa Galicia; non é unha quimera que Galicia pasase a converterse nunha rexión europea de referencia no eido enerxético...
Non caiamos na compracencia, mais tampouco cometamos o erro de pensar que somos os peores da clase. Merquen o libro. Subiralles o orgullo de seren galegos.
- Máxima alerta de la Policía Nacional por el mensaje que está llegando a los móviles de miles de personas
- Una belleza de armas tomar
- Un nutricionista desvela qué es lo primero que le quita a los pacientes que quieren adelgazar
- Uno de los dos tripulantes gallegos desaparecidos sobrevivió al secuestro del atunero Alakrana del 2009
- El abandono no entiende de razas ni de dinero: mascotas que valen miles de euros llegan a A Madroa
- Condenan a dos años y medio de prisión al maquinista del Alvia y al exdirector de Seguridad de ADIF por el accidente de Angrois
- La familia del vigués que murió tras el concierto de Karol G anuncia denuncia: 'No hubo forcejeo ni pelea
- Mujer de más de 45 y sola busca ayuda