tRIBUNA LIBRE
Un shock exterior
En Galicia levamos demasiados anos mareando a perdiz en materia de acción exterior. Os últimos lustros foron de aberta deconstrución. Curiosamente, este labor de fondo seguiu coexistindo cunha narrativa en positivo debedora doutras épocas. Así, ao tempo, non importaba subscribir ambiciosas unanimidades, aprobar normas legais ou mesmo estratexias que podían dar a sensación contraria. Moito botafumeiro pero ninguén facía o camiño. A nula implementación foi o santo e seña do mais burdo cinismo institucional, reforzado pola ausencia de mecanismos de avaliación e control e amparado no feble interese parlamentario e social.
Mentres outras nacionalidades históricas avanzaron de xeito sostido na plasmación dunha ambiciosa política exterior, en Galicia, como en tantos eidos competenciais, renegamos dese acompañamento. A razón é netamente política e ten que ver coa asociación da proxección exterior coa reivindicación nacionalista, un oportuno demo que serve para espantar. Sen embargo, cabe recoñecer que se ben o feito nacional está presente no elenco de factores que impulsan a demanda de espazo exterior en Barcelona ou Vitoria, non é o único, destacándose o crecente peso de factores ligados á produción, o comercio ou a conectividade, ámbitos esenciais do progreso no mundo actual. Ignorando que moitos países no mundo sen “problema nacional” igualmente fomentan a paradiplomacia activa, nós fixemos da parálise o cume do sentidiño. E se non queremos “imitar” a uns, “imitemos” a outros.
O compromiso cos intereses reais de Galicia suxeriría profundar neste ámbito. Pero a subordinación de Galicia a estratexias de partido reclamadoras da recentralización, impídeo. É curioso porque hoxe as resistencias a rachar cos valados son lideradas por quen antes facía disto bandeira contra uns nacionalismos que só miraban cara dentro. O hiperreducionismo actual, que mesmo desanda aquel acoutamento de primeiras ao económico-empresarial, devén tamén do que dirán, que sempre preocupou entre nós, especialmente cando Galicia se pretende presentar como paradigma dunha política que serva de trampolín cara a Moncloa. Nesa dinámica, poñamos por caso, ten pleno sentido dar as costas ao norte de Portugal e seica priorizar Castela León.
Que o mundo está a cambiar a gran velocidade impulsado por tendencias de diverso signo é un feito incontestable. Importa acompañalo de forma activa para maximizar os nosos intereses colectivos. Ninguén nos vai dar o traballo feito. Temos capital humano para facelo en por nós e enerxía de sobra. Así non se pode seguir. Precisamos un revulsivo.
- Un monstruo viene a vernos a Galicia arrastrado por el cambio climático
- Estos son los minutos que hay que caminar al día para conseguir adelgazar: muchos menos de los que te imaginas
- Preocupación por cómo ha aparecido Susanna Griso en 'Espejo Público': "Atentando contra los espectadores
- El sorprendente cambio físico de Ivonne Reyes tras su derrota judicial contra Pepe Navarro
- Muere Itxaso Mardones, reportera de Gloria Serra en 'Equipo de investigación', a los 45 años
- Aena se pronuncia tras el altercado de Piqué y Clara Chía en el aeropuerto de Madrid
- Tres detenidos por el robo de 300.000 euros en un banco de la Gran Vía de Vigo
- El chalet de Vigo en el que vivía un jugador del Celta esquiva la piqueta