De re lexicographica

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

In memoriam Xosé María Arias Mosquera, que posibilitou o Portal das Palabras en colaboración con Méndez Ferrín.

Nos últimos anos a lexicografía experimentou o avance de dúas tendencias simultáneas: por unha banda a xeneralización, como consecuencia da incorporación de técnicas informáticas na elaboración dos dicionarios; e, por outra parte, a especialización, desde a perspectiva de dicionarios terminolóxicos, vocabularios, glosarios e nomenclaturas, a elaboración de dicionarios especializados que cubren áreas de temáticas específicas de ámbitos concretos de coñecemento. Non sería posible este progreso na Real Academia Galega sen a colaboración xenerosa de Xosé María Arias Mosquera e da Fundación Barrié.

Non obstante, e como sinalan voces autorizadas, a lexicografía académica galega necesita unha revisión que a afaste de rutinas e prácticas viciadas. Debería, en primeiro lugar, intentar unha deriva lexicolóxica, de orientación científica, que complemente o afán exclusivamente lexicográfico, técnico e práctico no que se move. Soamente desde esta simbiose sería doado, entre outras moitas posibilidades, colaborar por exemplo na recuperación da figura do emigrante como “subalterno”, suxeito social sen voz e do que ninguén pode falar no seu lugar nin representalo política e historiograficamente. Pola contra importamos de América un emigrante “tipo” transmitido por canles que respondían en gran parte aos intereses do mundo societario dominado polos emigrantes integrados no discurso oficial. Témonos referido hai tempo a numerosas palabras, traídas polos emigrantes que regresan de Arxentina, Uruguai ou Cuba, testemuño inequívoco do seu esforzo e, en non poucas ocasións, herdanza única da súa menguada fortuna. Por exemplo, o “truco”, ese xogo de cartas de ida e volta como tantas cancións que seguiron este itinerario, xógase nunha extensa franxa costeira de Galicia sinalando os puntos de maior intensidade migratoria a Arxentina. Non figura como tal no Portal, xogo popular por excelencia que se segue a practicar diariamente por miles de persoas. Pero si está o disparate “ouriñar” no Portal malia que non haxa en toda Galicia un “ouriñador” como poden comprobar visitando un departamento de uroloxía.

Outro exemplo moi revelador desta actitude descoidada da lexicografía académica a respecto do léxico de orixe americana témolo na palabra “calote”, definida como “falta de verdade no que se di ou fai, para conseguir algo de alguén mediante engano”. Así define o Portal das Palabras –que, como temos dito, non é o dicionario da RAG ata que esta o aprobe en sesión plenaria– a voz “calote”, sinónimo, según a mesma fonte, de “estafa” e de “engano”.

Conste que estamos sumamente familiarizados os da banda de Rianxo coa devandita palabra por ser tamén alcume de procedencia arxentina como “Cajetillas” ou “Atorrante”. Confirma o dato Castelao cando un personaxe da súa obra ‘Os dous de sempre’ (1934), Don Andrés, que tantas veces se burlou das leis dos homes pero non foi quen de “darlle calote á morte”, morrendo un día de festa cando estouraban as bombas na súa vila mariñeira. A mesma cita de Castelao autoriza a locución verbal “dar calote”, co significado de “estafar”, expresión popular que nos chega a través do lunfardo. Unha maneira de achegar a mínima información sería aludir á procedencia das palabras das que nós mesmos fomos transmisores nun momento determinado, un sinxelo Arx. sería dabondo. Neste caso concreto, de “calote”, a RAG tería a posibilidade de ilustrar a información semántica cun exemplo moi gráfico e práctico: o caso da gramática “encargada” a unha gramática, expresión rotunda do significado de “dar calote”.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo