Opinión

A lume lento, un ‘thriller’ na Real Academia Galega

Ao longo do ano 2019, desprazouse a Bilbao para participar no centenario de Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca) un comando lingüístico do ILG-RAG capitaneado polo presidente da Academia, según testemuñan as fotos de rigor. Confeso non ter escoitado máis que a intervención da profesora Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, académica numeraria e exdirectora do ILG. A súa intervención, sobre a gramática da RAG, en elaboración desde hai vinte e tres anos, que puiden seguir enteiramente por Youtube grazas a un enlace que me proporcionou un amigo catro anos despois da súa celebración, é un bo exemplo da retórica académica actual. Titulouna cinematograficamente “A Fuego lento” e nela debullou toda a topística existente sobre obras desta natureza: relación entre prescrición e descrición, valoración da fala e da oralidade, que se dirixe a un público culto, que se respecta a tradición e a cadea oral, que se o estándar e como construílo etc, etc. Nada que non teñan recollido os manuais ao uso desde primeiros do século XX ata chegar a Coseriu co seu moi citado “Sistema, norma y habla” (1952).

Interésanos non obstante comentar algunhas das afirmacións da intervención da presidenta do Consello da Cultura Galega convencidos de que non se terían proferido diante dun público galego. O que demostra por outra parte como a ampliación dos destinatarios e a diversidade dos mesmos operan como condicionantes retóricos.

Parte a ilustre profesora dun “encargo inevitable” para facer unha gramática académica con esta argumentación: a RAG que por lei e simboloxía [sic] ten a auctoritas normativa carece de capacidade científica e, como consecuencia desta eiva, recorre ao Instituto da Lingua Galega (ILG) con sobrada e probada suficiencia intelectual e académica. Nada máis natural se non fose que cando se fai o encargo xa desembarcara na Academia unha parte significativa do ILG que non acaba de integrarse definitivamente na institución como ben proba a ortografía académica coasinada.

“Unha gramática pagada cos impostos dos contribuíntes que son obxecto de burla e escarnio”

A realización da gramática, dinos a relatora, vai a “fuego lento” porque os oito profesionais que integran o Seminario de Gramática non teñen dedicación plena ao traballo porque teñen que defender o seu currículo e atender outras investigacións propias dos seus cargos, que enumera con precisión. A profesora empregou en máis de dez ocasións a palabra “encargo” que encerra en certo modo un significado familiar e doméstico, tal como a define o Portal das Palabras (que aínda non é o dicionario da RAG) “aquilo que se lle encarga a alguén para que o faga ou traia”. Esqueceu a relatora contar que ese “encargo” pasado, doméstico, familiar, foi solemnizado mediante un convenio asinado publicamente entre dúas institucións. E, como todos sabemos, ao proferir en público o que xa antes se sabía no espazo da privacidade non é algo ocioso porque ao ser oído por todos as palabras cobran un poder iluminador que confirma a súa existencia real. Deixa de ser un “encargo” para converterse nun compromiso.

Pois ben o solemne convenio asinado publicamente en decembro de 2011 contempla un prazo de entrega do traballo (“O texto da Gramática será entregado completo, ao final do trienio, momento en que será sometido á aprobación da RAG”.) a cambio duns emolumentos próximos aos 150.000 euros que foron librados e adiantados pola RAG en base a informes non veraces. Outras cláusulas do convenio refírense aos posibles incumprimentos e a maneira de resolvelos xudicialmente. Non sabía a interesada cando se asinan os convenios que non iba ter dedicación plena? Van alá cinco presidentes, que faleceron ou deixaron o seu cargo, sen poder ver o traballo prometido reiteradamente plenario tras plenario. Unha gramática pagada cos impostos de todos os contribuíntes que son obxecto de burla e escarnio. “A Fuego lento”, unha película de terror contemplada en respectuoso silencio pola Real Academia Galega. E a Xunta de Galicia?