DE BOLINA

Músicos de noso

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

A celeste voz de Luz Casal, podente e chea de afectos ao tempo, debullando amodo as inesquecibles estrofas. As guitarras de Ray Cooder, o baixo de Javier Colina, a ocarina e mais as frautas impecables de Carlos Núñez…: de certo que se trata dunha espléndida e moi estremecente versión. Mais así e todo, acontece que non resulta ser o músico vigués o verdadeiro autor das notas de “Negra sombra”. Antes ben, e tal e como figura, polo demais, nos créditos de “A Irmandade das Estrelas”, aquelas deveñen fillas de Xoán Montes (1840-1899); segundo os estudosos da súa obra, o compositor nacido en Lugo foinas axeitar sobre os versos de Rosalia a partir dun alalá que el mesmo recollera en terras do Incio. “Negra sombra”, incluída na “Fantasía para grande orquestra sobre aires populares galegos” viviu, daquela, a súa estrea pública en 1892 sobre as táboas do Gran Teatro da Habana.

Non se trata dun caso singular. John Fogerty –líder dos Creedence Clearwater Revival– tivo que explicar en máis de unha, dúas… ocasións que “Proud Mary” non conforma unha canción de Tina Turner; ademais de que o autor vén resultar ser el mesmo, a banda californiana lanzouna por vez primeira en 1969. Da súa parte,“I shot the sheriff”, popularizada por Eric Clapton en 1974, non é orixinal deste, senón da autoría de Bob Marley. Malia o extraordinario éxito acadado con ela por Whitney Houston –e logo de que o tema fose incluído na banda sonora de “O escolta” (“The Bodyguard”, 1992)–, ocorre que “I will always love you” foi composta –e interpretada, asemade, primeiro– por Dolly Parton. En fin –e para o abraio do Sr. Abascal, da Sra. Díaz Ayuso e aínda de D. Carles Puigdemont: eis que a sardana e mais o fandango van da man nos versos–, “Y viva España” foi creada polos autores belgas, e en idioma flamenco –ai, eses pinganillos!–, Leo Rozenstraten e Leo Carters.

“Literatura e música camiñaron xuntas no proceso de (re)definición dos símbolos nacionalitarios”

Pero todo o anterior vén a conto –saiban disimular os, sempre moi amables, lectores a longa introdución– por mor dun pequeno debate do que este cronista deveu involuntario oínte a comezos do pasado verán. En efecto, discutían unhas xentes, próximas a min, arredor do efectivo autor das notas de “Negra sombra”: xeira o citado Carlos Núñez ou, polo contrario,se estamos diante dunha música de carácter tradicional. Xa postos, e sempre en desacordo, tamén foron litigar os tales verbo desoutras sonoridades de “A rianxeira” e do “Himno Galego”: iso si, sen que ningún deles puidese dar, ao cabo, cos nomes dos responsables: desde logo, e como sen dúbida coñecen dabondo bastantes/moitos de entre Vdes., Xesús Frieiro/Anxo Romero Loxo e Eduardo Pondal/Pascual Veiga, respectivamente.

Veiga, xa que logo. Coido que non faltan aqueles que teñan noticia da “Alborada de Veiga”, pero sen teren sempre claro se estamos a falar dun topónimo ou, mellor e como sucede realmente no caso que nos ocupa, dun apelido. Pascual Veiga pero así mesmo Marcial del Adalid, Canuto Berea, Xosé Baldomir e, nin que dicir ten, Xosé Castro González“Chané”, a quen debemos as partituras de “Unha noite na eira do trigo” -por máis que exista outra versión anterior, da man de Montes- ou de “Os teus ollos” (“Cando se pon a lúa tras os penedos…”): velaí unha nónima de compositores que alicerzaron o Rexurdimento musical de noso e que habería de ter continuidade no século XX con figuras como Andrés Gaos ou Xesús Bal y Gay. Con certeza, e como soubo explicar ben a autora, Luísa Villalta, a quen van estar dedicadas as Letras Galegas do vindeiro ano, literatura e música –esta favorecida polo amplo consenso social que é quen de artellar– camiñaron xuntas no proceso de (re)definición dos símbolos nacionalitarios, na creación dunha atmosfera de galeguidade que se prolonga deica os nosos propios días.

Se cadra, estou trabucado e de aí que acepto desde xa as oportunas correccións. Porén, teño a desconfianza ás veces de que nin sempre saibamos apreciar publicamente como lle cómpre o labor das grandes figuras da música galega. Se Bedrich Smetana e Antonin Dvorak na República Checa; Bela Bartok en Hungría; Edward Grieg en Nourega ou Sibelius en Finlandia aquilataron os imaxinarios nacionalitarios respectivos, Montes, Veiga, Chané… así mesmo avaliaron e determinan o noso: un tesouro que sempre debemos amosar.

Suscríbete para seguir leyendo