Segunda Feira

Historia e lenda dun museo

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

O pasado 18 de maio celebrouse o Día Internacional dos Museos e eu decidín dedicarlle esta bagatela ao Arqueolóxico da miña cidade natal, Ourense. A historia de tal museo parece estar fadada por algún deus adverso. Un daqueles incendios formidabeis que castigaban antano a cidade de Ourense, asañouse co Instituto (de Segundo Ensino ou Xeral e Técnico: traduzo) que abre o seu portal á Rúa do Padre Feixóo, vía clara que nos retrotrae á Ilustración coma un mandato.

As dependencias do instituto foron o primeiro cobexo de que dispuxo o Museo Arqueolóxico de Ourense. Igual ca a Biblioteca Provincial, o Gabinete de Historia Natural e algún outro organismo, o museo padeceu os efectos do incendio famoso que deflagrou no Ourense da década dos vinte do século pasado. Anos máis tarde, contra o comén dos cincuenta, a Diocese de Ourense cedíalle, en termos que descoñezo aos poderes públicos a propiedade do Pazo do Bispo que se converteu así en sede (a mellor imaxinábel) do Museo Arqueolóxico Provincial.

“O Arqueolóxico de Ourense ten casa, fondos e discurso histórico e prehistórico ben elaborado”

So a dirección de Xesús Ferro Couselo, o museo pasou a ocupar un predio, impregnado de historia e pantasmas, que radicaba no lugar onde fora o “halla” xermánico dalgúns reis suevos de Galicia. Lembro os días nos que se abriu a sala dedicada a obxectos procedentes das excavacións que Francisco Conde Balbís fixera en Santa Mariña de Augas Santas e os vestixios da Cidá de Armea, incluíndo o horror estético que lles infundían as “têtes coupées” a moitos visitantes.

Pro a maldición reactivouse e a fada volveu ser sentida no Museo Arqueolóxico cando este se achaba en proceso de engrandecemento e, dirixido por Fariña Busto entraba na paz que a maturidade outorga ás obras honradas e intelixentemente postas en práctica. O Museo foi fechado ao público, por razón de obras, e fechado permanece desde hai máis de vinte anos. As coleccións áchanse intactas, o Museo goza de axeitada“Contribuiría a la paz pactada abriendo un paréntesis que rebaje la tensión lo suficiente para que no llegue la sangre al lío” dirección e existe un corpo técnico que aseguraría un bon funcionamento. Pero o pobo non ten acceso a el e as promocións escolares sucédense en Ourense e en Galicia sen recibiren a porción de legado que se haxa conxelada dentro do vedraio Pazo do Bispo e corte fabulosa do rei Chiarrarrico. Seguen ocultos, pois, documentos arqueolóxicos que se refiren a capítulos fundamentais da crónica de Galicia. O Museo Arqueolóxico de Ourense ten casa, fondos e discurso histórico e prehistórico ben elaborado. Só se necesita que abra as súas portas deixándoas francas para sempre.

Suscríbete para seguir leyendo