DE BOLINA

Matar a Bond

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Nin que dicir ten, imaxino que todos os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais han de estar ao cabo do percance: velaí que logo do intento errado –ou iso semella, polo menos e polo momento; preguemos aos Ceos, ou a quen lle corresponda, que tal desatino non se volva reiterar no futuro– contra Roald Dahl (e contra Matilda, Charlie Bucket e demais familia), eis que lle vén de chegar o turno a Mr. Ian Flemig; é dicir, e máis exactamente, á súa criatura literaria, o axente secreto 007 do MI6 e comandante da Royal Navy, o inconfundible James Bond.

En efecto, e segundo informaron os diferentes medios nos pasados días, Ian Fleming Publications Ltd, a empresa propietaria dos dereitos literarios do autor, vén de encargar unha revisión das novelas da serie Bond, prestando deste xeito unha moi singular escoita perante de todos aqueles “lectores sensibles” –as novas versións irán acompañadas por un “disclaimer” a explicar que “este libro foi redactado nun momento no que os termos e actitudes que os lectores modernos poderían considerar ofensivos, eran comúns”– que se puidesen sentir ofendidos pola linguaxe e/ou os contidos das novelas de Fleming. Traducido: que aquilo que non foron quen de acadar nunca xamais, e malia todas as súas labirínticas estrataxemas, Le Chiffre, Mr. Big, Hugo Drax ou o Dr. No –isto é, darlle matarile a 007– si que se vai perpetrar, porén, da man dos herdeiros legais do seu creador. Así as cousas, e como vén de escribir en Twitter Arturo Pérez-Reverte, e el será que o XXI veña comportarse como o século da estupidez?

“Sam Spade, Philip Marlowe…, mesmo Hercule Poirot: ninguén está a salvo dos nosos inquisidores”

“Don´t wanna be an American idiot!” (‘Non quero ser un idiota americano!’). Van xa case dúas décadas –corrían daquela os tempos da presidencia de George W. Bush Jr– desde que os Green Day declararan ‘urbi et orbi’ a súa enérxica negativa perante da estulticia e a alucinación reinantes: “One nation controlled by the media/information age of hysteria.” (‘Unha nación controlada polos media,/a era informativa da histeria’). Mais acontece que se hai algo neste mundo que se lle pareza de veras a un parvo de dereitas, tal vén ser xustamente un parvo de esquerdas (e viceversa). E tanto é así, entón, que semella agora mesmo que, desde ambos os extremos do abano ideolóxico, teña lugar en terras dos USA toda unha competición por ver quen deveña o campión, o condutor e adaíl con loureiros a guiar cara ao abismo as hostes da paranoia. Nin que dicir ten, moi tristes efectos da globalización, non faltan aínda por estes, nosos, pagos aqueles e aquelas, terminais de terminais de terminais, dispostísimos arreo a espallar a mala nova e, o que é peor, a implementar –por utilizarmos o verbo de moda– os seus desatinos polos eidos de España, autonomías revoltés, arquipiélagos e prazas de soberanía adiante. Outra volta, preguemos aos Ceos, ou a quen proceda, para que a dita borrasca non pase ao cabo de chuvisca miúda.

James Bond, si: un ghicho cun estilo de vida e cunhas opinións sobre o divino e mais o humano certamente singulares; sabido é que, na súa estima, un ideal feminino viría ser o dunha rapariga que soubese facer tan ben a salsa bearnesa como o amor (aínda que xa postos tamén é certo que bautizou o seu martini con vodka como “Vesper”, en honra á muller que lle roubou o corazón: “unha vez que o probas, xa non queres outra cousa”). Claro que, iso tamén, despois de “ocuparnos” del, que cousa facermos con esoutros Sam Spade/Dashiell Hammett, Phlilip Marlowe/Raymond Chandler ou, xa non digamos, con Tom Ripley/Patricia Highsmith ou os moi especiais personaxes de “Coas mulleres non hai xeito”, de Boris Vian? Moito é de temer que nin tan sequera Monsieur Hercule Poirot/Agatha Christie se iría librar da cazaría. En fin, e xa entre nós, Eduardo Pondal e mais as cantigas de escarnio e maldicir acadarían, velis nolis, os seus días contados.

Que unha cousa resulta ser o autor dunha obra e outras moi diferentes o narrador(es) e mais o(s) protagonista(s) da mesma –e, xa que logo, nin a moral nin os ditos nin as actuacións duns e doutros teñen por que coincidir para nada– é algo que nos deprendían outrora nas aulas de literatura. Claro que, puidendo aleccionar, adoutrinar, predicar…, premer e catequizar a tutti quanti en nome da verdade única, para que perder o tempo con poemas, comedias ou novelas? Despois de todo, xa o explicou aquel pastor: “se ese libro di algo diferente do que a Biblia, non o queremos; se vén dicir o mesmo…, para que o queremos?” E, nin que dicir ten, onde “Biblia” poñan Vdes. o manual do politicamente correcto ‘ad hoc’. Reescribir as novelas de James Bond? A miña mensaxe para os inquisodores idiotas: “¡Caca, culo, pedo y pis!”.

Suscríbete para seguir leyendo