Serrat. Punto e aparte

Xoan Manuel Estévez Freixeiro*

O pasado 10 de xullo 2022 despedimos en Castrelos a Joan Manuel Serrat. Foi a derradeira ocasión que tivemos de ver e escoitar en Vigo a tan veterano cantautor, que ao longo da súa vida frecuentou este e outros auditorios máis reducidos da nosa cidade. Unha vez máis a maxia da poesía fundiuse coa dun espazo privilexiado, coa particularidade de que este encontro entre o artista e o seu público, lonxe de resultar elitista, deveu nun acontecemento de asistencia masiva. E tal pareceu ser a ambivalencia de Serrat xa desde o seu comezos, a de simultanear esta dobre consideración de creador e intérprete que foi quen de situarse a carón da alta cultura á par de ser un artista popular.

É Serrat un poeta? Sabemos da distinción que se dá entre canción e poesía: a primeira debe equilibrar letra e música, a segunda posúe valor de seu. Pero tal lindeiro queda esluído cando musicou e cantou poemas de autores como Benedetti, Hernández, Machado ou Joan Salvat Papasseit. Outro poeta, narrador, periodista… tal que Manuel Vázquez - Montalbán escribiu un libro que deu conta dos seus primeiros anos de traxectoria. E que dicir da súa faciana musical? Serrat rodeouse xa no seu inicio de músicos tan sobranceiros coma Antoni Ros- Marbà no clásico ou Tete Montolíu no jazz: o primeiro elaborou os arranxos dun disco que escolma unha morea de Cançóns tradicionals cataláns, o segundo faría o propio con Tete Montoliu interpreta a Serrat, cando este era un incipiente cantautor. Todo un pórtico para concluír a década dos anos sesenta do pasado século XX, inda que posteriormente tanto Ros - Marbà coma o Tete reaparecerían esporadicamente como ocasionais compañeiros de viaxe dun Serrat xa definitivamente consagrado como artista.

Como comprobamos na referida despedida viguesa, a súa presenza en escena veu acompañada por un consistente grupo de músicos tais coma o seu fiel Ricard Miralles ou Josep Mas Kitflus, ambos instrumentistas de teclado. Partícipes da cerimonia colectiva, os integrantes da banda que acompaña ao solista son parte decisiva para que o seu cancioneiro chegara a auditorios tan masivos, como por exemplo o do mesmo Castrelos. Por acaso, eles son os intermediarios para que un produto de calidade, o repertorio do propio Serrat, chegue en ocasións a ser popular sen renunciar a súa calidade. Daquela, confírmase a posibilidade de que o emisor –artístico– e o receptor –público– sintonicen cun arte elaborado, que no caso que nos ocupa foi desenvolvéndose paseniñamente desde aquela iniciática e fermosa Cançó de matinada ata por exemplo o máis elaborado Romance de Curro “El Palmo”. A primeira situou o idioma catalán entre as preferencias maioritarias do público español, tanto dentro como fóra dos territorios catalán párlante; a segunda confirmou a madurez xa asentada dun Serrat bilingüe, que iría enriquecendo o seu repertorio en ambos idiomas. Actitude asumida, que se cadra ten a ver co declarado ao periódico A Nosa Terra en 1992: non afirmaría que un país é unha realidade de dous andares, divididos por dous idiomas diferentes. Ocasional cantor tamén en portugués, nun disco gravado en Brasil xunto a colegas daquel país, fóra de Catalunya é máis coñecido polo seu repertorio en castelán.

Quedaba atrás o período de Els Setze Jutges, fato de cantautores que como El mesmo, Lluís Llach ou María del Mar Bonet conseguiron facer xermolar todo un movemento como foi o da nova cançó catalana, coa particularidade de que os dous últimos declinaron distintas ofertas para convertérense en cantautores bilingües. Toda aquela eclosión non sería posible sen o arraigo que estes e outros cantores conseguiron entre a sociedade catalán que os viu nacer como artistas, en interrelación con outros creadores de outras disciplinas –literatura, pintura…– que partillaron con eles distintas tarefas –asesoramento lingüístico, ilustración de portadas de discos... –. Despois xurdirían outros movementos análogos, como en Galicia Voces Ceibes.

Polo que a Serrat respecta, a esencia do seu arte ben pode estar resumida cando cantou aos que procuran o sublime entre o cotidiano. Polo medio quedan para a posteridade retratos de personaxes comúns como La tieta, El drapaire, El titiritero ou Campensina, o máis senlleiro Tío Alberto; descricións tan fermosas como a do sinxelo Barquinho de papel; ou a empatía cun Mediterráneo que nunca abandonou. Toda unha obra que expande a súa temática a todo canto poidamos imaxinar. Cantautor popular á par que doutor honoris causa nomeado por varias universidades. Como corresponde a todo creador atemporal, a súa despedida o pasado 23 de decembro 2022 na súa Barcelona natal é un punto e aparte entre o que fixo e o legado que nos deixa, propio dun creador que é xa un modelo na arte en xeral. Ou sexa, un clásico.

*Crítico musical. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Suscríbete para seguir leyendo