Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

De “baixiños” e de “chachas”

Máis unha vez supoño ben que todos os –sempre moi amables– lectores destas crónicas semanais estarán ao cabo da senlleira novidade. Non obstante, e por “si es caso”, velaí, miñas e meus, que Dna. María do Carmen Silva Rego –adoita atender por Carmela Silva–, presidenta en exercicio da Deputación de Pontevedra, vén de cualificar, e desde un tuit ad hoc, a D. José Luis Martínez-Almeida, alcalde da “villa y corte”, como “un señor baixiño de Madrid que hoxe andivo por aquí” (por certo, nobreza gramatical obriga, o verbo “andar” en galego é regular, polo que as formas do pretérito deveñen en “andei”, “andaches”, “andou”) en relación á visita que o mandatario da capital das Españas efectuou nos pasados días á cidade que habitamos, e máis en concreto, ao Museo do Mar.

Certamente, este cronista ignora por completo cal pode resultar a estatura –física, naturalmente– do popular político; en todo caso si que semella un tanto distante desoutras dos irmáns Gasol ou dun Fernando Romay, polo que o ía ter un tanto dfícil, D. José Luis, para formar parte do elenco do R. Madrid, Estudiantes, Fuenlabrada... e, xa non digamos, dos L.A. Lakers, Chicago Bulls ou Miami Heat. Agora ben; máis aló dos pormenores do basket, coido que a cuestión, o dilema a tratarmos, é outro.

A ver; como é ben coñecido –ou non– por tutti quanti, Francisco Franco Bahamonde pasou a mellor vida –se tal é posible– un 20 de novembro de 1975. Pois ben; rematada a ditadura, e instalados nunha escintilante democracia, cabía entender que chegaramos ao patriótico consenso de que en España, comunidades rebeldes, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil axuntos xa non restaba, logo de desaparecido o “invicto caudillo”, máis xente “baixiña” así como tampouco contabamos con “coxos e coxas”, “gordos e gordas”, “mancos”, “tocos”, “choscos”, “birollos”, “tatexos”, “zarabetos”, “enxoitos”, “brétemas”, “espantallos” ou “carrancholas”, en xeral. Deste xeito, noso país de países, tribo de tribos, quen máis, quen menos podía, e pode, dar no espello cada mañá coa vera imaxe dunha Penélope Cruz, Úrsula Corberó, Elsa Pataky... como aínda dun Antonio Banderas, Mario Casas, Eduardo Noriega, Hugo Silva... (e troquen, engadan... Vdes. segundo as súas particulares preferencias). Ou o que vén resultar o mesmo: un territorio feliz habitado por guapos e guapas, todas e todos esveltos, elegantes, lanzais e espelidos –o máis parvo, reloxeiro–, auténtica envexa de Hollywood. En fin, dito/escrito quedou no seu momento que España iría “abraiar o mundo enteiro.” Así as cousas, “baixiño” aínda o Sr. Martínez-Almeida? “Inatractivos” ou “carentes de sex appeal” os seus compañeiros de formación, D. Pablo Casado e Dna. Isabel Díaz Ayuso? Evidentemente, para nada de nada.

"Explica ben o proverbio que todos/as somos donos dos nosos silencios mais escravos dos nosos tuits"

decoration

Agora ben; o autor das presentes liñas –e, sen dúbida, tamén bastantes/moitos de Vdes.– ten memoria así mesmo de que non hai tanto tempo que a Sra. Silva se foi querelar contra o alcalde de Vilanova de Arousa, unha vez que este a viñera alcumar a ela de “chacha para todo” do “ancián alcalde de Vigo, Abel Caballero”. Nin de lonxe pretendo para nada minorar ou desculpar as palabras do mandatario arousán nin, moito menos, entrar a discutir a sentenza xudicial aos efectos. Con todo, si que quero consignar que, cando eu era cativo –e aínda na actualidade–, un dos meus personaxes favoritos dos tebeos –vale: da “banda deseñada”– non resultaba ser outro que aquela simpática “Petra, criada para todo”, creada polo magnífico historietista José Escobar (o de “Zipi y Zape” e “Carpanta”). Baixiña –ela si–, repoluda, cun enorme nariz, un peiteado à la garçon, tatexa e sempre coa lembranza da súa vila natal nos beizos, o certo é que, se non os sentidos, si que acabou por conquistar o meu/nosos corazóns (ela e non Dona Patro, alta, loira e burguesa). Tanto que, antes mesmo que a lectura de Marx, Engels e demais clásicos do socialismo, as boas xentes como Petra fixeron de min –e coido que doutros moitos e moitas– militantes decididos naquela causa de pretendermos “arranxar o mundo”: ao cabo, tal parece que o universo estea construído realmente a partir de similitudes pero tamén de paradoxos.

Explica ben o proverbio que todos/as somos donos dos nosos silencios mais escravos dos nosos tuits. Porque, no fondo –e parafraseando a Joe E. Brown/Osgood Fielding–, acontece que sexamos home, muller..., presidente ou alcalde..., está claro que ninguén é perfecto/a.

Compartir el artículo

stats