Opinión | Segunda Feira

Aves de cetrería no Espolón de Ourense

“Para Álvaro Cunqueiro que vai á par de Hamlet polo fío dos lazos eternos coma sombra inmorrente, lembranza do vello amigo”. Así Otero Pedrayo lle ortografou ao melro sabio de Mondoñedo o día da feira da Ascensión de 1959 un folleto impreso no Porto so o título de “Desde o Espolón de Ourense”. Cabalos cruzados de bretón que dominaban a feira de Santa Susana nos cincuenta rincháronlle, facendo corda de tenores, ao Merlín e á Pequena Bretaña que comezaban a zurrichar polos tornos escusados do Mindoniense.

Evoca Otero o Ourense do XIX recreándose na presenza esperpéntica de delincuentes menores que se sucederon na literatura urbana da que sería Auria. Cidade esta na que non houbo carretera até 1860; ou sexa, pouco antes da chegada da primeira locomotora a estación da Ponte-Canedo. Cundían, si, en Ourense os ladronciños bulreiros e ocorrentes que recibían o nome de “graxos da Burga”. Foi en 1830 cando o xeneral Eguía, brután absolutista, lles ordenou aos labregos galegos cortar os mostachos liberais. Eguía fixo unha leva de graxos ourensaos para facer deles soldados de levita ben portantes. “¡Así que estos son los famosos vagos de Orense!” –exclamou o Capitán Xeneral de Galicia ao ver os graxos en orde fechado onda o Polvorín.

"Déixome impresionarpolo arrevoo dos azores e das pombas que foxen en desorde tendo a fachada da Casa Consistorial coma decorado"

Unha voz graxa saiu da formación. “Vusté leva os bagos pero eiquí en Ourense quedan as cangas!” –foi o que berrou un fillo anónimo das concavidades fumegantes da Burga. Os graxos da Burga e os da Rabaza, do Salto do Can, de Porto Carreiro ou de Regueiro Fozado, pasan polas páxinas dos mellores mestres ourensaos da prosa galega contemporánea en procesos literarios metamórficos: de Pérez Plácer e Álvarez de Nóvoa a Eduardo Blanco Amor. Pro o definidor do modelo tópico do graxo non é outro ca Valentín Lamas Carvajal. Seica estes días os donos dos cafés con terraza no Espolón, e por tanto, na Praza Maior de Ourense, contrataron un mestre de cetrería para escorrentar con aves rapaces as pombas que incomodan coa súa impertinencia os siareiros. Sendo eu neno, os cazadores contaban que o Coto do Formigueiro era acuartelamento de gaviáns e que estes, no tempo invernal, rifaban coas gavotas do Miño batallas estrepitosas sobre os coiñais de Reza. No Espolón déixome impresionar polo arrevoo dos azores e das pombas que foxen en desorde tendo a fachada da Casa Consistorial coma decorado. Entón é cando na mesa veciña un falante co ton carismático da torgueira ourensá, ponse: “A quen tiña que lles acirrar as rapinas o cetreiro era aos graxos que mandan hoxe en Ourense aí no concello”. Á miña memoria regresan verbas de Góngora: “los raudos torbellinos de Noruega”. As campás da catedral botan badeladas a rolo pola Praza Maior e sobre a cidade da néboa cega e dos estíos de fogo.

Suscríbete para seguir leyendo